Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os cazadores de Tesouros (II)

lunes, 19 de noviembre de 2007
2
O ASEDIO Á COVA DO REI CINTOULO.
XOGO DE ROL

Velaí que buscámo-lo título da historia tal e como nos dixo o libro portugués e léndoo os tres ao mesmo tempo aparecemos á carón dunha fonte á sombra dun ameneiro.
-Isto é un bo agoiro –dixo Icía-. pois as fontes son vivificadoras e as súas augas frescas permítenos coller alento e darnos sabedoría para contestar á pregunta do xigante.
-Primeiro habermos de atopalo -dixo Cibrao.
-Talvez se tiveramos lido “A cova do adeus” saberiamos por onde tiñamos que ir -dixen.
-Din que algúns libros teñen pés e andan, pois este voa, mira onde nos trouxo en menos tempo que pasar unha páxina –dixo Icía.
-Daquela nós tamén imos andar un algo haber se atopamos ao xigante ese que fai as preguntas –dixo Cibrao.
-A min seméllame que xa estiven antes aquí –dixen.
-Meu avó, que foi mariñeiro, di que cando chegaba a un porto onde nunca estivera sempre lle parecía coñecido, pero era porque tódolos portos estaban cheos de mariñeiros e en tódalas partes eran iguais, coma se fosen parentes, ou irmáns de sangue. A nós agora pásano-lo mesmo que ao meu avó –dixo Icía.
-Velaí unha encrucillada, talvez un deses camiños nos indique onde está o val ese que garda o xigante –dixen.
Diante, detrás e por riba de nós, parecía que alguén nos seguía. A verdade é que teriamos que andar con tento, pois segundo o libro, o val andaba en guerra. Ao chegar á encrucillada vimos tres camiños. Un que ía ao norte, outro que ía ao sur e outro que ía cara abaixo.
-Nós teremos que ir cara abaixo –dixo Icía.
-E por que non o botamos a sortes? –dixen.
-Mirade para acolá –dixo Icía-. Talvez debaixo daquela pedra que fai de teito nesa mámoa de cinco pés estea agochado o xigante.
-Hai veñen outros con gañas de xogar –dixo o xigante ao ve-los tres mozos andar cara a mámoa.
-Xogar, dis? –dixo Cibrao algo estrañado cando nos preguntou o xigante quen iamos ser nós no xogo.
-Nós andabamos á busca de tesouros e por causa dunha aparición tivemos que fuxir dos da Seita do Oso que andan tras nós para que cárguemos un cadaleito que leva a sombra dun defunto e velaí que fuximos deles meténdonos nas páxinas dun libro portugués... –dixen.
-O cadaleito non habería pesar moito se só ía dentro del a sombra do defunto, non si? A vós tamén vos tomaron o pelo. Aquí non viñestes a unha guerra, aquí vindes xogar...
-Pero nós pensabamos que... –dixo Icía.
-Cala, muller, cala! –interrompeu súpeto o xigante-.Vós tamén caestes coma parvos no xogo de ROL.
-No xogo de ROL? –dixemos ámbolos tres a un tempo coma se fósemos un coro de carmelitas.
-Daquela se só é un xogo haberémolo pasar ben –dixo Cibrao.
-Moi ben non. Se souberades cantos homes e mulleres pasaron por aquí.
-Pasaron? Daquela xa comezou o xogo? –dixo Cibrao.
-Si home si, e vós chegades tarde. Pero deixareivos pasar porque homes e mulleres xa quedan poucos. Asia e todo non traedes vestiario axeitado, nin espadas, nin escudos, nin cascos, nin armaduras, nin sacos para durmir, tampouco vos vexo un chuvasqueiro e este é o país mítico no que sempre chove. Vós teredes pouca vida. Quen sabe se os da Seita do Oso andaban tras de vós para leva-la vosa sombra nos cadaleitos.
-Pouca vida, logo podemos morrer? –dixo Icía.
-Agás os homes e as mulleres, case tódolos seres deste país son inmortais.
Se non souberamos que aquilo era un xogo e que o xigante podía ser un trampulleiro, poderiamos pensar que os que ían non volvían. Quen sabe se quedaban encantados na cova de Supena como nos dixera o libro portugués antes de que nos tragara dentro das súas páxinas.
-Entón imos aló, –dixen-. Vai acaba-lo xogo e se seguimos aquí no xogamos.
-Antes debedes contestar unha pregunta. Só os que a contestan poden pasar, senón volveredes para que vos leven en procesión os da Seita do Oso.
-Xa sabía eu que nos ía cae-la pregunta. Pois di axiña que pregunta habermos contestar –dixen.
-Aí vai. A pregunta é esta: Cantas páxinas ten o libro portugués?
-Nós acostumamos a contestar con outra pregunta, se che parece.
-Dicide logo, a ver.
-De que cor é o viño que levamos nunha botella dentro do macuto, branco ou negro? -dixen.
-E se perdo, que queredes? –dixo o xigante.
-Que nos deixes pasar sen contestarche nós á pregunta que ti nos formulaches. Ese é o trato –dixen.
-E senón?
-Dirémoslle a todos que non cumpres os tratos e que es un burranzán. Pero se acertas deixámosche a botella chea de viño –dixen.
-Daquela deixádeme pensar, pois é difícil de saber de que cor é o viño sen velo -dixo
-A nós tamén nos é difícil saber cantas follas ten o libro portugués sen contalas -dixen.
O xigante non distinguía as cores e endexamais probara o viño. Ouvira falar del e tiña gañas de toma-lo bebedizo que dicían que era milagreiro, así que para non perder máis o tempo decidimos deixarlle unha botella de viño do ribeiro que levabamos sen permiso, só para mesturar con outras bebidas en plan botellón e facer un calimocho.
-O trato paréceme ben. Deixádeme logo o viño a cambio de que vos deixe pasar sen que me contestedes a pregunta –dixo o xigante.
-Pois que che aproveite -dixemos nós e entramos ao campo de batalla agardando que ao saír, o xigante estivera durmindo a borracheira.

Ouvimos un gran rebumbio. Asomámonos nun altiño para ver que cousa era e vimos un exército formado por xigantes e un deles que semellaba se-lo xefe, ou o xeral, estaba ao fronte de todos dando instrucións. Olláparos e olláparas xigantes, salvaxes e voraces, que tiñan un ollo na fronte e outro detrás da cabeza, capaces de producir efectos maléficos coa ollada, estaban prestos a romper unha rede vexetal que se tecera arredor da cova para protexela dos ataques do inimigo que quería entrar a rouba-la espada máxica do rei Cintoulo. Os olláparos e as olláparas só tiñan unha vara longa na man, pero como eran grandes comellóns e moi fortes, os dentes chegábanlles para morde-la rede e despexa-la entrada. Pero na rede escondíanse outros seres tan terribles coma eles e ademais estaba abarrotada de labirintos. Os defensores da cova coñecían os labirintos que tecera a planta rubideira.
Os defensores eran o conde Hollvrudet, que posuía tres espadas de ferro que loitaban soas se unha nada máis era empuñada. O conde que viñera doutras terras para casar coa princesa Xila tivera que saír na busca do bruxo Tuba de Oretón cando este, que quería casar coa princesa, polas boas, mellor, polas malas, tamén, ao verse rexeitado polo rei Cintoulo e por ela, coa axuda e coas artes do seu consello de magos secuestrou a alma da moza e provocou unha das máis aterrecedoras treboadas endexamais vistas.
Polos efectos daquela treboada o rei Cintoulo e a súa filla xunto con tódolos habitantes do val de Bría quedaron encantados para endexamais na cova de Supena. Pero o conde Hollvrudet que regresara ao val despois de darlle morte ao bruxo coas súas tres espadas de ferro e salva-la alma da princesa que estaba presa nun asilo ao coidado dunhas grotescas ogras, non se fora do lugar porque pensaba que aínda podería desencantar á princesa Xila, que era o seu amor. Outro defensor era o rei Balán que co froito da súa planta rubideira chamada Cui teceu a rede que protexía a cova e andaría entre os labirintos remendando os buratos que fixeran os olláparos e as olláparas coas dentadas. E o terceiro defensor era o rei do castro Morgadán que andaba co seu bastón feito coas ramas da Rota, unha palmeira india de moitos metros de altura con flores que endexamais se murchaban e que se convertían en tantos garrotes coma inimigos tivesen diante golpeándoos a todos ao mesmo tempo.
Súpeto, uns olláparos, como tiñan ollos enfronte e detrás da cabeza víronnos asomar por riba do altiño e tres ou catro xuntos saíron da formación correndo cara a nós. Pero unha voz que parecía saír do chan dixo:
-Vinde cara aquí –dixo a voz.
Ollamos cara a ela e vimos que era un mouro que asomaba nun burato que había por tras dunha silveira.
-Andade axiña que aínda vos han pillar. Son grandes e dan grandes zancadas.
Miramos para detrás e vimos que os olláparos case estaban chegando ás beiras do altiño. Botaban cuspe pola boca como se fose lava que saía dun volcán. Corremos cara ao mouro e meteunos no burato a toda presa. Os olláparos chegaron ao altiño e xa non nos viron, pero quedaron alí un bo anaco, talvez pensando onde nos habiamos metido.
-Tivemos sorte –dixo Icia que tremía co medo.
-Tivestes –dixo o mouro-. Grazas a que eu andaba por aquí de vixilancia. Ademais, se ollarades cara arriba veriades media ducia de avichuchos que non se sabe de onde saíron que vos querían pillar coas súas garras.
O mouro levounos por unha galería suxeita por trabes de ouro. Polo camiño vimos serpentes enroscadas ás trabes que gardaban os tesouros...
-Isto semella moi real –dixo Icía-. E non nos tiñades que dar uns manuais de instrucións para desenvolvernos no xogo, para coñecer as súas regras?
-Quen vos dixo que isto era un xogo? –dixo o mouro-. Aquí os combates son reais. A min xa me parecía que andabades moi lixeiros, sen escudos nin ningún tipo de armas.
-A min xa me pareceu cando vin voar eses enormes paxaros que isto non tiña moito xeito –dixen.
-Non sei de onde vides nin quen sodes vós, pero cando cheguemos ao final deste túnel teredes que poñervos ás ordes dos defensores da cova, porque a iso viredes, non si, a defende-la cova? –dixo o mouro.
-Nos pensabamos que era un xogo de rol en vivo –dixo Cibrao.
-O libro enganounos –dixo Icía.
-Daquela que é iso do xogo de rol. Aquí xamais ouvimos falar desas cousas.
-Logo ti es moi antigo, por iso dos xogos de rol está tan usado e hai tantos deses xogos que xa cese aburren.
-Xa me decato, vós viñestes á mitoloxía dende tempos afastados. Tivestes unha boa viaxe? –dixo o mouro.
-Boa si, case non nos decatamos dela, pero ao mellor é a de irás e non volverás –dixen.
-E hai moito tempo que loitades? –dixo Icía.
-Tempo, dis? Moitos de nós xa fomos purificarnos ao fogar das divindades.
-Daquela, isto acontece despois da loita que tivo o rei Cintoulo con Tuba de Oretón?
-Vós xa saberedes, se lestes a mitoloxía do país mítico no que sempre chove, que cando o rei Cintoulo quería casar á princesa Xila, viñeron pretendela fillos de mouras, como o fillo da moura de Castelo do Picato, que ofrecía a herbas das tres espigas para mante-los porcos con ela. Ou personaxes doutras mitoloxías, como Nanyulú Vumú, o rei do Fogo e o rei da Auga de Cambodia, ata que chegou con ideas matrimoniais o rei Tuba de Oretón que tamén era meigo. Pero a princesa que xa rexeitara outros pretendentes por brutos, por malos e por vellos, díxolle que non ao meigo, pois xa tiña elixido ao conde Hollvrudet co que ás veces se vía ás agachadas.
-Ese meigo era un machista, non si? –dixo Icía.
-Non, era un comenencias. O meigo andaba tras do reino de Cintoulo, por iso quería desposa-la princesa Xila. Pois se Tuba casara con ela, lograría goberna-lo pobo da súa dona. Dende o seu mundo invisible mandou mensaxeiros ofrecéndolle riquezas, paz e tesouros marabillosos ao rei Cintoulo para que lle entregara a súa filla en matrimonio. Pero ante a firme negativa da princesa, que seu pai, o rei Cintoulo apoiaba, as furias de Tuba de Oretón, que estaba celoso, fixéronse más feroces e, de acordo co seu consello de meigos, decidiu dar un escarmento mandando un exército de nubeiros que, subidos enriba das nubes, provocaron una de las más aterrecedoras tormentas xamais vistas.
-Pero se só tronou non pasarían nada –dixo Cibrao.
-Pero os meigos excedéronse e as gotas de chuvia eran bruxas ananas que ao caer á terra desprazábanse entre as herbas, montaban nos gatos e colábanse nos fogares; mataban os animais e chupaban o sangue dos cativos. Só as ratas eran quen de combatelas. As bruxas ao velas, fuxían amedrentadas e os seus berros deixaban xordos a tódolos que os escoitaban.
Descansamos un anaquiño apoiados naquelas vigas que segundo dicían sostiñan o mundo.
-Decatástesvos que estades apoiados sobre unha viga de ouro. É raro que non estea aquí a serpe que a garda. Eu case vos diría que descansarades sobre aqueloutras que son de prata e de diamante, non vaia ser que chegue a serpe e pense que as queredes roubar -dixo o mouro.
-Nós andabamos aos tesouros polo monte Pindo e velaí que neste lugar hai ben deles -dixo Icía.
-Oh, non pensedes que son fáciles de arrancar, ás veces as trabes de ouro están parellas con outras de alcatrán ou de veleno, e pobre do que tropece con elas! O que arranque a de ouro causaría unha catástrofe, mesmo para el, pois as vigas de ouro sosteñen o mundo e case todo quedaría arrasado –dixo o mouro.
-E ti, quen es?, pois semellas listo –dixo Icía.
-Eu son Boedo, arqueiro do exército do rei Morgadán que acompañou a Xan Soldado cando foi á illa de Ons busca-lo apoio do home deus e dos guerreiros da Guerra de Troia que descansaban na illa para loitar a favor do rei Cintoulo contra Tuba de Oretón. Tamén acompañei a Brutamontes, a Froilán e á Mariña –dixo o mouro.
-Nun cabalo fantasma, dis? –dixen.
-Non esquezades que o rei Cintoulo tamén é un xenio. Agora é o xenio gardador da cova que estamos a defender. De tódolos cabalos do país mítico no que sempre chove o mellor para chegar máis axiña á illa de Ons era o cabalo fantasma, pois el podería medrar ata as nubes e cruzar charcas e montañas con grandes zancadas, ou encollerse coma unha serpe para pasar por galerías e covas estreitas –dixo o mouro.
-Logo ti, co pequenote que es, se non levabas un bo cabalo non lle ías andar ao pantasma –dixo Cibrao.
-Oh, eu sei andar polos atallos. Pero nós tamén fomos montados en Cabalos do Vento, en Cabalos da Luz e en Cabalos de Pensamento. Deixo que vós adiviñedes cal deles era o máis veloz ou o máis lento dos tres –dixo o mouro.
-E o home deus ese e os guerreiros de troia, que cabalos tiñan? Non serían de madeira? –dixen.
-Non, o home deus non veu a Bría, pois era moi vello, e os outros viñeron ata os Farallóns navegando no Bergantín Pantasma que estaba afondado na Furna dos Pesos –dixo o mouro.
-Fálanos do meigo, segue a contar, pois dixeches que os meigos se excederan, que causaran grandes treboadas e que mandaran bruxas e ratas... –dixo Cibrao.
-Tuba de Oretón tiña poder sobre as tormentas e a súa forza era más grande co empuxe dos ventos más devecidos. Os que vivían nas montañas nubradas que rodeaban o val de Bría, non sabían de onde viñan os ventos cando viñan e agochábanse debaixo da terra, pois ata alí no chegaban as furias de Oretón convertidas en furacáns ou en treboadas. Só as chuvias chegaban ata aqueles mundos subterráneos, pero os poboadores construían infindas saídas para a auga que era conducida ata as fonduras.
-Non toques iso! –dixo o mouro.
-E logo porque non hei de tocalo? –dixo Icía.
-Iso é veleno. As trabes tamén poden ser de veleno e o veleno descomponse ao collelo. E xa sabes que ao descompoñerse a trabe pode derrubarse o mundo e caer enriba das nosas cabezas -dixo o mouro.
-Daquela andarei con coidado -dixo Icía.
-A que lugar da cova vai dar este túnel? –dixo Cibrao.
-Os túneles deste país mítico no que sempre chove van dun castro ao outro, dun pozo a outro, dun pozo dun río ata outros lugares máxicos e así. Este ten unha saída mesmo a carón da entrada da cova, aquí en Supena. Arredor dela hai un espazo baleiro. Diante dese espazo hai un monte de plantas rubideiras –dixo o mouro.
-O dos túneles xa no lo dixo o libro portugués. Tamén nos dixo que ás veces son trabes ocas por dentro, que se pode cabalgar por elas e que aparecen sempre cando hai tres trabes. Tamén nos dixo que eran de diamante –dixen.
-Se algunha vez andades por elas tende coidado, pois por elas tamén andan ventos moi fortes que vos poden arrastrar ata nin se sabe onde. Hai quen di que son os cabalos do aire os que viaxan por elas, e como son máis rápidos cos cabalos do pensamento non se ven ao pasar. Só se nota o ar que deixan ao seu paso.
-Esas plantas rubideiras medran seguido, non si? –dixo Icía.
-Medran! –asentiu o mouro.
-Daquela axiña han cubri-lo país enteiro –dixen.
-Talvez, senón as cortasen os agresores segundo medran. É unha loita entre a natureza e o home que é como dicir entre o ben e o mal –dixo o mouro.
-Exaxeras. Pois os olláparos non son homes, son monstros –dixen.
-Coidado! –volveu dici-lo mouro-. Esa trabe é de volframio. Non só se deben respecta-las de ouro, tamén hai que coidarse das que son de diamante, prata, volframio, alcatrán... Case é mellor que andedes sen arrimarvos a ningures e sen tocar nadiña. Por veces a xente moza sodes coma treboadas, por onde pasades todo retumba –dixo o mouro.
Icía quedou parada, pois viu a dúas serpes alongando o pescozo ata o medio do túnel.
-Velaí dúas serpes –dixo tremendo co medo-. Eu non vou por aí. Ao mellor me arrodean o pescozo e me afogan.
-Aínda é peor se nos traban os dentes. Talvez son velenosas –dixo Cibrao.
-Podedes andar tranquilos. As serpes hai que evitalas e a mellor maneira é non toca-las trabes de ouro. Pois elas só están aquí para gardalas e se non ventan perigo, entón non hai nada que temer –dixo o mouro.
-Calquera que entre aquí sairá rico. Só ten que mata-las serpes e colle-lo ouro –dixo Cibrao.
Pouquiño a pouco andamos arredor das trabes e as serpes afastaron o seu pescozo. Non sei como nos leran o pensamento pero non nos fixeron nada. Talvez foi porque nos puxemos pálidos co medo, talvez porque iamos acompañados do mouro e el non se lles fixo estraño, ou talvez porque eran mouras encantadas e non eran tan salvaxes como as serpes naturais –pensei.
-Non o creas, rapaz. Calquera que entre aquí con esa intención, non sairá –dixo o mouro.
-Os que veñan por ouro non che han vir sos. Han traer cans e escopetas –dixen.
-Non che é tan fácil, rapaz! –dixo o mouro. Ás veces os que andan por riba da terra descobren as vigas de ouro cando pasa a roda dun carro por riba dela, ou por un arado os que a están arando –dixo o mouro.
-E cando dan con ela, que fan? Baixarán súpeto polo ouro, non si? –dixo Icía.
-Na miña aldea axiña haberían traer una máquina escavadora -dixo Cibrao.
Andamos un bo cacho de túnel apurando o paso e o mouro aclarounos por que era moi difícil saír de alí co ouro no peto.
-Nos rarísimos casos que estea soa unha trabe de ouro o que aqueira coller ten que desencantala primeiro e para iso hai que recorrer a espertos desencantadores. Pero as vigas aparécense moi poucas veces de ouro aos ollos do ladrón. Velaí que vós as vistes porque non viñades a roubalas. Pero aos que veñan con esa intención apareceránselles de carbón, veleno, xofre e mesmo de peste. Morrerán dentro do túnel e non sairán xamais. Nos rarísimos casos que atopen a de ouro xa sabedes que a gardará unha serpe e ela non a deixará arrincar sen que lle escollan entre unha peneda de lousa e outra de ouro...
-E se lle escollen a de ouro –interrompeu Icía.
-Daquela o que escolla a de ouro morrerá esmagado polas penas que lle caían enriba. Xa vos dixen que ninguén sae vivo de aquí se vén roubar e se atopa coa trabe de ouro que garda unha serpe. De cando en vez nós axudámoslles aos homes, pois case sempre son eles os ladróns. Cando lles parece que tropezan coa trabe de ouro do xeito que vos dixen, co arado, ou cavando, nós advertímolos que se seguen furando no chan, antes de tropezar coa trabe de ouro tropezarán coa de alcatrán –dixo o mouro.
-E entón que fan? –dixen.
-Ás veces fan caso e ás veces non, pero case sempre se asustan e deixan de cavar.
-Velaí ao lonxe unha luz, semella a saída –dixo Icía moi leda.
-Aquilo é o final do noso camiño, pois a cova segue cara á esquerda. Axiña iredes coñecer a quen ningún ser humano coñeceu xamais.
Piñeiro González, Vicente
Piñeiro González, Vicente


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES