Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 21 de noviembre de 2018
Festas do San Roque en Almoite

Todos sabemos o que son unhas festas patronais. As de San Roque, en Almoite, no Pingas de Orballoconcello de Baños de Molgas, celebrábanse e celébranse a mediados de agosto, porque o día 16 é o seu día grande. Hai un tempo atopeime cuns apuntes nos que xa no ano 1927 daban conta desas festas, que foron os días 19, 20 e 21, de venres a domingo. Así, o primeiro día, ás doce da mañá, un repique xeral de campás e unha salva de bombas, anunciaron a festa. Pola tarde, a “aplaudida banda de música de Allariz que dirixe o mestre Castor” percorreu as rúas da aldea tocando o que se tocaba naqueles tempos: pasadobres a darlle cun sacho. Ó día seguinte, sábado, ás sete da mañá alborada tamén polas rúas. Hoxe en día, a esa hora, aínda se deita a xente do día anterior. Ás dez, misa solemne e procesión do milagreiro Santo polo itinerario de costume. As cerimonias relixiosas correron a cargo do “virtuoso párroco” de Baños de Molgas, don Camilo Pérez, “tan querido nesta contorna”. Pola tarde, gran festa na Praza Maior, ou sexa, onde a igrexa. O día 21 repetíronse os festexos do día anterior. Como fora sábado, ó mellor alguén tivera que traballar e... non ía quedar coas ganas. Como se ve, pouco cambiaron daquela época a esta, se exceptuamos algúns horarios.

Mazar a Lendia

Dagaredo Oriol Garrapito quería mazarlle a lendia ó seu veciño Edesio Digno Calcaria, pero non se atrevía. O medo é libre. E Dagaredo, aínda que non lle tiña medo-medo a Edesio, si lle tiña respecto, moito respecto. Porque Edesio Digno era moito home. Era grande case coma os días de maio. Non obstante, Dagaredo, que non é que fose máis pequeno, sabía que algún día mazaríalle a lendia. Non se esquecía do que o seu veciño lle fixera, de rapaz!, un sábado do meus de xuño do ano 73 no monte Medo. Edesio díxolle a Dagaredo que se quería un Celtas que lle ofrecía para fumar tiña que tirarse á toxeira que había á súa beira. Dagaredo fartouse de suplicar polo cigarro pero sen facer ningún intento de botarse de barrena á toxeira. Axiña comprendeu que as ameazas dos seu “amigo” ían en serio. Desesperábase por un cigarro, e moito máis cando vía como estaba a fumar o outro. Mirou varias veces para os toxos bravos nun intento de calibrar os riscos. Edesio ría a cachón. Pero non cedía. A Dagaredo, se quería fumar, non lle quedaba outra que tirarse. E tirouse. E doéronlle máis as risas do seu veciño que as picadelas dos toxos. Algúns día voulle mazar a lendia, pensou. Ó final, Edesio deulle un Celtas.

Atopar a esencia

Alguén ó mellor pode pensar que estou preocupado porque retrocedo ante o atranco que atopo no atallo que me leva ata o nacemento dunha esencia. Pero non hai por que avergonzarse por recuar. É mellor acuar que esnafrarse contra o espectro dun espírito maligno, por exemplo. Ás veces é necesario andar de recadén. Dar marcha atrás. Ben sabemos que ó ir sempre para adiante, chegará un momento en que a Pingas de Orballopeguemos... a labazada, a gadoupada, o sopramocos. Que hai que arrodear para chegar á esencia? Que somos galegos, carallo!; arrodeamos o que faga falta porque temos todo o tempo do mundo. Non vou quedar a velas vir. Recúo e punto. Retrocedo. Dou media volta. Non pasa nada. Total, a esencia vai estar alí cando chegue. Sexa cinco minutos antes ou media hora despois. O atranco, teño que recoñecer que era grande... remataba o camiño. Así de simple e de imposible. Non quedaba outra que recuar, retroceder e buscar outro carreiro, outra congostra, outra verea, outra senda, outro traxecto. E que problema hai? Ningún! Que son galego, carallo, e tiro cara adiante! Sempre cara adiante! Aínda que despois haxa que recuar. Non pasa nada. Recuamos. O caso é atopar a esencia.

Perdido e aburrido

Estou completamente perdido. Tantas canles televisivas como temos e na noite do domingo non proxecta ningunha unha película con xeito. Tanto foi así que, ante o desastre, preferín poñerme boa parte da noite co ordenador. Tampouco é plan de ir facer zapping cando teño outras cousas que facer. Estou completamente aburrido. Porque as cousas que teño que facer, case se pode dicir que xa as fixen (falta concluír este relato), e aínda queda moita pero moita noite. Si, porque as noites dos domingos adoito marchar tarde á cama. Para que vou ir antes se ó final non durmo. As fins de semana trastórnanme, revíranme o sono. Polas mañás ergo máis tarde e, para máis aquel, dou cabezadas nas sestas. Así é que, polas noites, déitome ás tantas. E, claro, pasa o que pasa. Estou completamente traspoleirado. Porque non sei que facer. Non son ninguén sen ningunha película en carteleira. Só me gusta ver películas. Nada de series. Nada de programas. A lectura, tamén, cada vez me cansa máis. Esta maldita idade! De rapaz lía libros enteiros. Levábaos acochados na barriga cando ía para o monte coas vacas. Era a Lola a tal se se decataba de que levaba eses e non os de estudar. Sigo completamente perdido e aburrido. A música é a que me salva. Escoito música.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES