Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cristiáns enredados

miércoles, 14 de noviembre de 2007
As redes teñen servido tradicionalmente para pescar, cazar e encerrar animais ou persoas, pero tamén para salvar a vida en situacións de perigo. No mundo globalizado dos últimos anos foi xurdindo un modo novo de entender a rede, como un xeito de relacionarse os seres humanos, individuos e grupos. Fronte a unha relación autoritaria, disciplinaria e piramidal, onde unha persoa ou un pequeno grupo di o que se debe facer e vixía para que se faga, mentres á gran masa da base só lle queda obedecer, a relación en rede quere ser unha relación de iguais, que van construíndo unha sociedade democrática pacificamente “enredados”. O símbolo máis coñecido é a inmensa rede de Internet, ou “tea de araña mundial” (www). Pero un sinfin de organizacións solidarias alternativas queren tamén facer o seu labor en rede.

Aínda que a Igrexa católica funciona, como se sabe, como unha monarquía piramidal, renegando unha e outra vez dunha necesaria estructura democrática, moitos dos seus membros levan tempo querendo organizarse asembleariamente (que isto significa a palabra grega ecclesia), en rede; e así foron constituíndo pequenas e grandes redes alternativas para vivir o espírito do Evanxeo, que era todo menos autoritario.

Neste espírito celebrouse en Madrid a I Asemblea de Redes Cristiás do estado Español o 10 e11 de Novembro, co lema “Globalicemos a dignidade humana”. O conflicto coa xerarquía eclesiástica española xa estivo presente desde o comezo desta, polo feito de ter que realizarse na Facultade de Matemáticas da Universidade Complutense, tras comunicárselle a última hora á organización que non podían facelo nos locais dunha congregación relixiosa desta cidade, onde estaba programada desde hai máis dun ano. Algo semellante ao que aconteceu hai anos co Congreso de Teoloxía, que despois de traer a algúns dos máis prestixiosos teólogos católicos, tivo que pasar a celebrarse nun salón de CC.OO. por censuras da mesma xerarquía.

O colectivo “Redes Cristiás” reuniu a 160 grupos, comunidades e movementos católicos de base do Estado español; mulleres e homes, persoas leigas e clérigos, segrares e relixiosas, non teólogas e teólogas… sempre desde posicións de igualdade, Entre eles grupos galegos como Movemento Rural Cristián, as comunidades Vangarda Obreira e Home Novo... as revistas Irimia e Encrucillada, etc. Queren “axudar a dar resposta aos grandes problemas que hoxe ten tanto a sociedade como a mesma Igrexa”; queren ser unha voz crítica, alternativa e coordinada nunha Igrexa que reclaman máis democrática, e loitar pola xustiza no mundo, denunciando o que outros calan, escandalizados particularmente pola distancia cada vez meirande entre os que o teñen todo e os que non teñen case nada. Queren, en definitiva, construír unha igrexa máis crible e acorde cos tempos que corren.

No manifesto final do encontro falan do antagonismo que se está a dar entre dúas tendencias sociais: a que o degrada o individuo a “mero súbdito ou cliente do mercado”, e a que loita “por restauralo na súa autonomía e dignidade”. Actitudes tamén presentes na igrexa católica, onde, “xunto á gran maioría que tenta seguir a Xesús desde o servicio humilde e samaritano –din-, existe outra pequena minoría empeñada na carreira polo poder e o control”. Lonxe de poñerse choróns, falan no documento da crecente vitalidade que está aflorando na sociedade e nas igrexas (Foros Sociais Mundiais e Foros Mundiais de Teoloxía e Liberación, loitas pola globalización da dignidade humana dos movementos antiglobalización neoliberal e antisistémicos...).

Todos anuncian o nacemento dun novo paradigma alternativo marcado por unha nova espiritualidade. Pero, ao xeito das cartas ás igrexas da Apocalipse, envían seis misivas a outros tantos colectivos manifestando o que o Espírito podería dicirnos hoxe á igrexa e á sociedade.

As dúas primeiras son á Igrexa de Deus que está nos bispos das dioceses españolas, e na legalidade das formas. Dinlle que “deixaron de seguilo na súa vida de servizo, co súa carreira por conquistar o poder a calquera prezo” e que non pensa máis aló de si mesma.

Á terceira, a Igrexa de Deus que está na base, dinlle que a pesar de ser pequena e sen poder, nela marcha a fidelidade á utopía; pero ten o pecado de non ter sido capaz de poñer no mundo outro talante nin outra lóxica, tampouco na propia Igrexa.

As dúas seguintes son á sociedade civil; unha parte dela acomodada no capitalismo neoliberal, que produce bens, pero nin os sabe distribuír nin producir o que realmente se necesita, e outra que está na busca de alternativas, esta última mantén a esperanza no futuro

En fin, a última misiva é aos crentes que andan buscando o encontro entre as relixións, dinlles que parecen decididos a tender pontes entre as confesións relixiosas, e anímaos niso porque somos moitos e moi diferentes; pero bótalles en cara que o diálogo non avanza porque cada un prefire dialogar desde a súa propia casa.

Bos misivas esperanzadoras e realistas a un tempo. “O que teña oídos para oír que oia”, como di a Apocalipse.
Pérez Prieto, Victorino
Pérez Prieto, Victorino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES