Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Madurar

martes, 06 de noviembre de 2018
Igualiño que as castañas. Maduramos dentro do noso confortable orizo, ben sostido polas nobres pólas dunha rexa árbore moitas veces centenaria. A fronda augusta que nos sostén tivo que loitar contra as pragas, contra o nordés, contra os pícaros que quixeron facer dela unha randeeira. E agora, a piques xa de abrirnos cara o mundo exterior, chega a neve. Fría coma o veleno, pesada coma un pesadelo, rebuldeira coma a vida. Arrasa con todo o que tiñamos e quedamos sen nada ao que aferrarnos.

Escribía hai uns días a compañeira Carmen Uz acerca dos tabús que rodean ao suicidio. O caso é que provoca máis mortes que os accidentes de tráfico. E resulta que é un problema que nos involucra a todos, dado que o xerme das súas causas está na propia sociedade. Xa o dixo o sociólogo Émile Durkheim pouco antes de comezar o século pasado, así que non é nada novo. Pero seguimos apartándoo dos medios de comunicación, das nosas conversacións cotiás, das nosas vidas. E aí está o principal problema.

Pode ser culpa do noso retraemento ante o outro, do simple desleixo en evitar asuntos “barrenantes” ou dunha moral cristiá bastante mal entendida. Pero o certo é que nos costa falar sobre a morte e todo o que a rodea. Despois facemos roteiros de enterros e cabodanos, con máis ou menos pose e afectación, apoiándonos nas mesmas palabras, expresións e frases feitas. Un auténtico festival do artificio.

Non está mal lembrar, agora que estamos no mes de Santos, as verdades do barqueiro no tocante á morte. As caveiras que aparecen en moitas das nosas igrexas, ermidas e capelas non están aí para asustar aos pícaros. Están aí para lembrarnos o inevitable, o 'memento mori' que seica utilizaban os antigos romanos para baixar da burra aos prepotentes “xeneralotes” que desfilaban fachendosos despois dunha importante victoria militar. Agora son po, ás veces situado sobre un busto, unha columna ou un arco do triunfo. Pero po.

Outra das verdades “barqueirianas” que case sempre se nos esquece é que o feito de lembrar o inevitable non ten por que ser algo pavoroso ou morboso de seu. Para nada. Temos que aceptalo como algo propio da nosa propia existencia, do noso ser humanos. Ninguén dixo que fose sinxelo, pero diso trata o feito de madurar.

“Dóinos a póla, pro seguimos cernando”. O verso é de Díaz Castro, en concreto do seu poema “A cerna”. Hai expertos que sosteñen que é unha composición amorosa, outros din que fala da morte, algúns sitúan no centro a Deus e ata hai quen di que é un texto metapoético, é dicir, que trata sobre o feito mesmo da creación literaria. Interpretacións aparte, seguramente esta obra signifique a un tempo todo e nada, dun xeito máis ou menos explícito.

Precisamente disto trata a vida (e a morte). De intentar comprender o todo e a nada, o que nos gusta e o que non, o que se nos fai evidente e o que se nos presenta dun xeito máis enigmático. Non hai conexións absolutas. De feito, un servidor, aquí presente para o abuso hermenéutico que queiran facer deste artigo, fixo o propio co mesmo.

As castañas, agora, si que están no sequeiro.
Domínguez, Baruk
Domínguez, Baruk


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES