Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sandar... a terra ou a humanidade?

viernes, 02 de noviembre de 2018
Ouvín algunha vez falar de que a Terra, o Planeta no que vivimos, estaba enfermo. Esta personificación para atribuírlle algo que corresponde con propiedade aos seres dotados de vida, permítenos xogar coa semántica do termo “enfermidade”, tomándoa aquí, na terceira acepción do DRAE, como “anormalidade danosa no funcionamento dunha institución, colectividade, etc.”, e desta maneira, se non se nos esixe moito rigor, podemos incluír tamén ao home, á muller, e pensar que nivel de anormalidade se nos pode atribuír a nosoutros nas accións sobre a natureza.

Certo é que estes xuízos, referidos a Terra, corresponderíanlles aos xeólogos e meteorólogos, e polo que respecta a nós, aos médicos, sociólogos, antropólogos, etc. Pero non se preocupen, porque poñeremos coidado en evitar que a nosa ignorancia nesas materias non lixe a comprensión das mesmas. Só queremos levar á reflexión de vostedes o comentario, que implica máis modestia que a análise, dos fenómenos xeolóxicos (terremotos, por exemplo) e meteorolóxicos, tales como inundacións, furacáns, tsunamis, etc, precisamente afectando a zonas, ás veces, con non poucas convulsións sociais, e levando un perigo extremado ás vidas dos habitantes humanos e a toda clase de seres vivos.

Non queremos eludir o alcance da nosa responsabilidade, que non lles é pouca, como evidencian, por exemplo, investigadores de México e EE.UU. facendo referencia á sexta extinción masiva de especies (as cinco anteriores parece que non se poden atribuír á acción do home), que xa comezou e preséntase catastrófica: A EVOLUCIÓN DA VIDA NO PLANETA, segundo investigadores da Universidade de Gotemburgo (Suecia), ESTÁ SENDO INTERRUMPIDA POLA ACCIÓN DO HOME, a causa da destrución dos ecosistemas, da contaminación, da propagación de microorganismos (como os virus) e das especies invasoras, etc.

Son diversas as preguntas ás que nos podería conducir todo isto; pero nin estas circunstancias o propician, nin as miñas limitacións me permitirían abordalas de forma medianamente aceptable, posto que é mester facelas desde as dúas perspectivas apuntadas (Terra, Humanidade), o que implica tal diversidade de coñecementos que penso que están lonxe de poder ser respondidas adecuadamente por unha persoa fora das respectivas áreas do seu coñecemento: Hai que acometelo dende a mesma dinámica xeolóxica e meteorolóxica do planeta Terra, incidindo ata onde están causados os fenómenos catastróficos polo mesmo home, e ata onde son efectos derivados da mesma evolución do universo en xeral; e por outro costado, as preguntas penso que deberían estar enfocadas considerando as posibilidades que ten o home de mitigar os efectos das catástrofes, nun ámbito socio-político-económico de alcance mundial, cun comportamento e unha organización de matiz SOLIDARIO, que evite incluso as convulsións sociais.

Limitarémonos a unhas poucas reflexións relativas aos comportamentos do home e da muller no seo da sociedade, que incoamos mediante as seguintes preguntas: ¿A avaricia e a cobiza están marcando a condición humana e arrastrando a un certo pesimismo antropolóxico?. ¿Pode considerarse ao home coadxuvante dos efectos terriblemente perniciosos das catástrofes, incluso naturais?. ¿Cabería pensar na posibilidade de encontrar un ideal ético-político que catalizara un comportamento do home na sociedade máis solidario, polo tanto, máis xusto, dentro dun novo orden internacional, que fixera viable a ESTABILIDADE SOSTIBLE DOS SISTEMAS SOCIOPOLÍTICOS?. ¿Como organizarse para internacionalizar os efectos catastróficos, de orixe natural e humana, en calquera localidade do mundo?.

Bastan estas preguntas para intuír que estamos meténdonos na leira do UTÓPICO e do EUTÓPICO, é dicir, do que non está en ningún lugar e do que está no seu propio lugar. (“Eutópico” élles un termo moi de uso médico; pero deixemos isto agora). Pois ben. Ese desexo desbocado de posuír riquezas, bens, por encima das esixencias da nosa vida, e a procura de satisfacer necesidades secundarias e de ostentar aparencias, incluso mediante a deslealdade e a descualificación das leis que o impidan, adoitan cualificar os valores éticos como utópicos, prescindindo deles, e introducindo como indiscutiblemente eutópicos os económicos e mercantís. Queremos dicir: uns, borrados dos comportamentos sociais e políticos, e os outros, traídos afanosamente das prácticas mercantís, catalizadoras dun desmedido consumismo, seguindo o lema empresarial: COLLE, FABRICA E DILAPIDA.

Isto invita, plaxiando a Schopenhauer, a asimilar o impulso ás riquezas e ás ostentacións á auga salgada, porque “canta máis se bebe máis sedento está un”. Así eses desexos, e hoxe en día estimulados polo uso ilexítimo de información privada, o tráfico de influenzas, a prevaricacións, etc., constitúen verdadeiras adiccións, que se “institucionalizan” no neoliberalismo (sen descartar a “deturpación” doutras ideoloxías), baseado no LAISSEZ FAIRE como fundamento da riqueza, coa orixe no século XVIII, e como expresión dese principio de Adam Smith que establece que a busca do interese propio acabaría traendo o benestar de todos. Velaquí a raíz central da insolidariedade.

Con plena conciencia nalgúns casos, menos concienciado noutros, o home é un coadxuvante das catástrofes ecolóxicas. En aras da brevidade, só lles ofrecemos algúns comportamentos del, que evidencian a súa responsabilidade no deterioro do medio ambiente: ataque a bio–diversidade, deforestación impune dos bosques, esgotamento dos recursos naturais para cubrir necesidades secundarias e usos inxustificados, baleirado das reservas petrolíferas, constatación dun cambio climático asociado ao quecemento global e ao efecto invernadoiro, e o coñecido como buraco na capa de ozono. Todos estes procesos teñen un fundamento físico–químico, que omitimos, recordando que os desencadeamos nós, e que arrastran unha serie de consecuencias ecolóxicas, económicas e sociopolíticas, que, en gran medida, poden sernos imputadas.

Para enfrontarse ao importante problema do cambio climático, escribe o Dr. González Álvarez, que foi Catedrático de Física Nuclear na Universidade da Habana, afirmando que se necesita a colaboración das nacións, cos gobernos e toda clase de organizacións, e as indiscutibles achegas dos científicos, economistas, políticos, etc., que han de posuír unha formación altamente cualificada en disciplinas ambientais e fundamentais, para moverse no camiño correcto

Pero o motor que garantiría a eficacia deste movemento sería, como o ve o Dr. Monserrat, da Universidade Autónoma de Madrid, un ideal ético–utópico de liberdade/solidariedade, quen propón un modelo de catro factores para a análise dinámica da historia, que esquematizamos e renunciamos a comentalos pola extensión, remitindo aos lectores as súas obras, nas que está a materia dispersa, en minuciosos estudos acerca do rexurdimento necesario da “sociedade civil”.

E estes estudos están enfocados a extrapolar as ideas ao espazo global da humanidade. Son os seguintes:
A.- Toda sociedade está movida por un certo ideal ético–utópico.
B.- Ese ideal move á sociedade a dotarse dun PROIECTO DE ACCIÓN EN COMÚN, que o realice.
C.- SON NECESARIAS CERTAS ESTRATEGIAS DE ACCIÓN POLÍTICA para levar a cabo esa realización do ideal.
D.- E tamén hai que considerar a PRODUCIÓN DE LIDERADOS PREDOMINANTES mediante a combinación dos tres factores anteriores.

Afirmamos, en consecuencia, a posibilidade de que o home corrixa a súa condición de coadxuvante nos fenómenos catastróficos, non só evitando os erros e contendo os desexos que o levan a eles, senón tamén aplicando a intelixencia para paliar os correlativos efectos devastadores das dinámicas inevitables do Planeta. Todo, evidentemente, moi utópico; pero a Humanidade non pode quedarse de brazos cruzados cando descobre elementos patolóxicos nos seus comportamentos coa natureza, que poden corrixirse, sen renunciar a aplicar o seu caudal de coñecementos para paliar as patoloxías sobrevidas desta última.

Todo isto lévanos a concluír que é mester sandar a Terra e a Humanidade. Así con maiúsculas. Apóianos a evidencia de que nas mesmas sociedades está latente a esixencia de que deben reorientarse as políticas globais, como poñen de manifesto os papeis que están xogando moitas ONGS, que acusan as lamentables insuficiencias dos gobernos, máis preocupados por cerrar fronteiras que por arbitrar instrumentos adecuados de apertura ao mundo, e máis entusiasmados con nacionalizar o poder que con internacionalizalo, aínda que todos os días reciban mensaxes relativas á limitación, de facto, das súas competencias, e que á mesma soberanía, pola que tanto se pelexa, estana cuestionando os feitos: Veremos, pois, en que queda este estado de incipiente caos mundial, precisamente nunha época na que as comunicacións son tan boas e rápidas que facilitan o fortalecemento de instrumentos culturais de veciñanza, e senón botemos unha ollada a “La Aldea Global”, de Marshall McLuhan e Bruce R. Powers.

E xa para terminar, digamos que a enfermidade da Humanidade pode aínda adquirir perspectivas que, pola súa sutileza, sexa difícil percibilas con claridade e valorar o seu alcance: MODESTAMENTE, PERMÍTANME PENSAR QUE ESTAMOS POTENCIANDO O BIOLÓXICO EN PERXUÍZO DO BIOGRÁFICO. Explícoo: Ademais dunha vida biolóxica (con xenoma) temos a biográfica (a da experiencia cultural); pero estamos moito máis hipotecados ao instintivo que ao razoable, e o instintivo no home /na muller ten moito máis debilitada a condición reguladora que os irracionais.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES