Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na procura do perfecto temporal

jueves, 01 de noviembre de 2018
A vida de Carmela estivo moi marcada polo seu nacemento. Un tremendo temporal provocou o parto prematuro unha noite do San Martiño do 1965. Seu pai saíra buscar o médico á veciña Vilardeseo pero á volta un carballo de grandes dimensións rendíase ante o vento debruzando as polas pola vella estrada, na curva do poxigo e tiveran que buscar unha longa alternativa para poder chegar. A tardanza estivo a piques de custarlles a vida á nai e á nena.

Nacer muller nunha humilde casa con moitos irmáns, imprime carácter. Casou pronto, aos dezaoito, con Antonio e abriu a tenda Electrodomésticos Ancar na vila coruñesa de Vilarpandín. En outubro do ano seguinte Toño organizou, ás agachadas da súa dona e polo aniversario de vodas, unha pequena viaxe ao San Froilán. Pecharían a tenda tres días e irían coñecer Lugo e de paso as mellores festas da Galiza.

A chegada do ciclón de colorido nome, Hortensia, colleunos por sorpresa. Na súa comarca o corte de subministro eléctrico foi tan longo que practicamente todas as casas mercaran un xerador eléctrico que lles permitise muxir, estudar, facer vida normal, en definitiva. E tiveran que adquirilos na única tenda aberta na contorna, o Bazar de Gervasio en Vilardeseo, vello raposo que si que estaba preparado para a ocasión. As malas linguas dicían que coas ganancias mercara un piso na zona vella de Compostela para quedar coas amigas. E Carmela nunca llo perdoou a Toño, como tampouco escusou a súa esterilidade.

Chegou novembro e o Noroeste sufriu outro ciclón, o Klaus. Carmela desta vez si que tiña todo atado e os xeradores eléctricos anegaban os grandes escaparates do número tres da "calle Generalísimo". De dous e catro tempos, monofásicos e trifásicos, vermellos e verdes, caros e baratos, tivo que, literalmente, comelos! Xa todos tiñan un na casa e o Klaus atravesou o país na punta dos pés.

Pasaron os anos e Carmela comezou a obsesionarse co perfecto temporal. Ela sabía que o parque de xeradores da comarca precisaba dunha renovación. As explotacións, aínda que menos en número, eran moito máis grandes agora e a vida útil dos mesmos tampouco era infinita. A teima levou por diante o seu feble matrimonio, Electrodomésticos Ancar transformouse en Electro Carmela e o "cacho de carne con extremidades" que fora Toño para ela, rematou por ser encargado en Mercamedia, unha multinacional do sector aberta naquel intre no centro comercial coruñés de moda.

As mainiñas folerpas do Nadal de 2008 agoiraban un vindeiro ano de boas expectativas para Carmela. Xervasio pechaba o seu bazar por xubilación, despois de case cincuenta anos de servizo, e a única tenda de electrodomésticos en toda a comarca era a súa.

Cabalgaba o mes de xaneiro de 2009. No móbil recibiu unha alerta de ciclón na Galiza dun prestixioso centro meteorolóxico alemán do que era usuaria.

Meticulosamente comezou a executar o protocolo que durante anos levaba matinando. Desta vez nada podería fallar! Un ciclón extratropical, curiosamente tamén de nome Klaus, chegara a Galiza froito dunha cicloxénese explosiva na contorna das Azores.

Co almacén ateigado e os grandes escaparates do número tres da rúa Alexandre Bóveda cheos de xeradores, Carmela dispúxose a executar a última e arriscada fase do seu plan, inzar de cartelaría a comarca. As eternas obras do túnel do poxigo da vía de altas prestacións da Xunta obrigárona a coller a vella estrada en dirección Vilardeseo, o seu primeiro destino. A intensa choiva e a curva impedíronlle ver un longuísimo eucalipto deitado na estrada e o impacto foi inevitábel. Aínda que o accidente non foi tan grande Carmela non levaba cinto e os médicos tivérona ingresada unha semana en observación por un traumatismo craneoencefálico leve.

Amolouna moito a oportunidade perdida, pero aínda máis atopar na caixa de correo da súa casa un fermoso catálogo de xeradores de dous e catro tempos, monofásicos e trifásicos, vermellos e verdes, caros e baratos do Mercamedia da Coruña.

FICHA TÉCNICA
Idioma: galego.
Xénero: narrativo (micorrelato).
Público: adulto.
Ano creación: 2015.
Publicación: diario “El Progreso” do día 25 de agosto de 2015
Outeiro, Mario
Outeiro, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES