Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'Sinódica luz', de Otero Canto

lunes, 29 de octubre de 2018
Convidoume o amigo Xosé Otero Canto a compartir hoxe uns minutos de pracer con estes compañeiros de mesa e con todo o público que nos acompaña e pediume que dixese unhas palabras a modo de presentación desta súa obra premiada: Sinódica luz.

Teño que recoñecer que me honra con esta encomenda ao darme a oportunidade de exteriorizar ideas que a lectura da obra me foi suxerindo. Agradézolle ao autor a 'Sinódica luz', de Otero Cantodeferencia que tivo comigo e tentarei poñer en valor algún dos moitos tesouros que este libro agocha no seu interior.

Aproveito a ocasión tamén para felicitar ao profesor Otero Canto pola consecución, con esta obra, do primeiro premio no primeiro Certame de poesía galega 2018, que patrocina a Editorial Cuestión de Belleza, empresa editora da obra, a que tamén felicito por facernos chegar nese formato tan coidado esta xoia das letras galegas.

Xosé Otero e mais eu levamos tomados moitos cafés de aprecio nestes seus anos produtivos a carón da nosa mesa de amizade e, aínda que nas nosas asentadas dialécticas sempre percorremos camiños de temática diversa, reservamos en cada xuntanza un lugar sinalado para o faladoiro literario e para a coincidencia na análise do fenómeno poético. Ademais, debo admitir que son afortunado por poder gozar coa poesía do Pepe nunhas condicións óptimas, cando aínda a tinta do folio non tivo tempo a secar. Grazas por este ballón de cortesía que me brindas en cada libro de poemas e por ese festín de arte que podo organizar no meu despacho coas túas poesías nesas miñas noites de lotería literaria.

E os versos de Sinódica luz non son unha excepción. Marabilloume o autor coa oferta de 40 poemas coa luz como motivo central e 31 máis abandeirados pola escuridade. Pareceume asombroso que se lle puidese sacar tanto partido a eses dous conceptos. Desde logo resultoume interesante o xogo literario de luces e sombras, a combinación nunha mesma obra dun feixe de poemas cheos de luz e, deseguido, uns centos de versos ennegrecidos pola sombra alongada do capitalismo máis duro e sen escrúpulos.

O mesmo título do libro pareceume rechamante: Sinódica luz. Se revisamos o Dicionario da RAG constatamos que a entrada “sínodo” presenta dúas acepcións. A primeira fai referencia á “asemblea ou reunión de eclesiásticos para tratar sobre cuestión de fe”. Na segunda comenta que se trata da “conxunción de dous planetas no mesmo grao da eclíptica ou no mesmo círculo de posición”.

Efectivamente, da primeira acepción o libro substancia ese carácter asembleario que reúne ducias de poemas arredor dun motivo central que é a luz, ou a súa ausencia, como ocorre na segunda parte da obra –recordemos que dicía Einstein que “a escuridade non existe, a escuridade é en realidade ausencia de luz”. Do outro significado de “sínodo” –o de conxunción de dous planetas no mesmo círculo-, esta obra representa esa realidade obxectiva posto que conviven en harmonía no mesmo círculo os dous mundos, o das luces e o das sombras, como dúas caras dunha moeda, que se necesitan e se complementan. As 40 luces da primeira parte son como 40 lámpadas que iluminan a alma humana e deixan ver os distintos estados de ánimo polos que viaxamos os seres humanos en distintos momentos da vida. As 31 sombras da segunda mostran o rostro máis escuro da persoa que se deixa arrastrar polas correntes avaras dunha economía salvaxe que se aproveita dos máis débiles.

A primeira parte aparece dividida en catro campos ou “eidos” como os denomina o autor, e van, nunha gradación anímica ben visible, desde o eido do gozo en primeiro lugar, ata o eido do desacougo. Entre estes extremos hai dous banzos de paso, que son o eido da soidade e o eido do baleiro. Pasamos, pois, do gozo a soidade, desta progresamos ata o baleiro e desembocamos no desacougo. Está tan conseguida esta transición que ao chegarmos ao eido do desacougo xa está o lector preparado para entrar na segunda parte do libro, que non é outra que o círculo das tebras, representado por unha sociedade globalizada explotada por uns poderes económicos sen escrúpulos, que esquecendo o principio de solidariedade cos máis necesitados, dedícase a vivir á conta deles.

Estamos, xa que logo, ante unha segunda parte (“Escuridade, mar global”) que nos introduce de cheo no que se chama poesía social ou comprometida.

Entronca así o profesor Otero Canto cunha tradición da poesía galega neste rexistro social, que tivo un dos seus máximos representantes en Celso Emilio Ferreiro, na posguerra, pero que arrincara xa no Rexurdimento con Rosalía e Curros, que continuou na segunda parte do século XX con Manuel MaríaeFerrín e que chega aos nosos días con poetas como Xosé María Álvarez Cáccamo (Os cadernos da ira).

En canto á forma, cómpre dicir que o poeta é fiel ao seu estilo, coidado e elaborado. Nesta obra pódense apreciar perfectamente as súas orixes da Ponte de Outeiro, con ese léxico galego tan rico e variado e ben memorizado, nacido da máis singular e auténtica expresión galega; as súas vivencias no benquerenciano mar reflectidas na esporta de termos mariñeiros, especialmente na segunda parte do libro, “Mar global”; a súa formación filolóxica (catedrático de lingua española) na solvencia co dominio de recursos poéticos, e o seu talento para a creación poética, amplamente contrastado na cantidade e calidade de premios literarios (creo que van26, se non levo mal a conta) e na variedade de rexistros poéticos ben visibles nos seus 13 libros de poesía publicados ao longo dos últimos doce anos, amais doutras colaboracións en volumes colectivos.

A ensamblaxe de fondo e forma, do que e do como, está perfectamente lograda e, deste xeito, as mensaxes chegan envoltas en papel de agasallo con forma de imaxes, metáforas, comparacións, fonosimbolismos, personificacións, anáforas, paralelismos, sinestesias, lítotes, epanadiploses, hipérboles, etc, etc, etc. Todo un alarde de figuras retóricas que fan desta poesía de Xosé Otero un verxel de recreo para os sentidos do lector máis esixente. Sen dúbida a palabra LITERATURA con maiúsculas toma forma nestes versos e loce o seu traxe de “luces” co que vai brillar para a historia das letras galegas.

Permitídime que vos adiante, a modo de exemplo e para irvos facendo boca, algúns bocados exquisitos dos seus poemas (vou ser moi breve):

1ª parte

1.-Luz da perda: “esta luz é rella dun arado que abre as carnes da terra/
Para buscar entre os longos regos de ausencia”.

2.-Luz doente: “xacen encamados os padecementos/
Desta luz fláccida de faciana mórbida
Tras a indisposición das horas”

3.-Luz do fracaso: “ovo goro que choquelea fracasos.
Bagullo que contén a semente estragada dun poema.
Infortunio de rosa churumada de noxo
No búcaro da espera.”

2ª parte (“Escuridade, mar global”):

Poema XIV: “Magnates das sombras,/ morcegos do mal/ pendurados cabeza abaixo/ nas cóncavas furnas do total,/ procurando sumas/ rexistradas en caixas oceánicas/ de capital./ Cando se remate o diñeiro/ internacional…/ que faredes despois/ cabezas ocas/ de auga e sal?”

Por último, quero retomar a referencia que fixen antes á riqueza léxica. O autor manexa con mestría este campo, incardinando en cada poema palabras de manexo cotián e de uso vello e tamén vocábulos de carácter culto, conseguindo coa mestura de ambos os tipos de léxico unha simbiose perfecta que lle confire á súa poesía un sabor afresca manteiga de leite de vaca rubia galega, feita na casa, adozada co mellor mel de cortizo e presentada na mellor cunca de Sargadelos.

Observade unha mostraxe de léxico tradicional: picaporte, farnadeiro, frangullas, seara, barrelos, lareira, fibelas, cimbraron, afardelado, cotenos, soutos, zarzallo, ferreiriños, rella, gadañas, gavilleiros, garañóns, silveiras, maimiña, caravilla, manxadoira, restreba, ladrairos, carrachas, ovo goro…

E vexamos agora algunhas palabras de uso menos común:hilozoica, souril, deliquio, xiróvaga, xangal, lonxicuas, ampea, progredir, macieza, íncubos, apolínea, axenésico, pertesía, alburgado, tanático, vougo, abufinada, turmalinas, incoercibles, calafateada, zaloma…

Ademais, na segunda parte da obra podemos asistir á conxunción, á ensamblaxe harmónica de léxico técnico da economía e mais do mariñán e ata oceánico. Son palabras do mar: marusía, preamar e baixamar, xerfa, buguinas, surada, arrentías, ardentía, arribada, vagallóns, farallóns, salseiro, cons, amura, naos, singradura, velame, enseada, relinga, escumallos, dorna, sobrequilla, ronsel…

Por todo isto e por moito máis que non teño tempo a comentar aquí, quero felicitar unha vez máis ao profesor e amigo Xosé Otero Canto, por facer este traballo literario soberbio, merecedor, sen dúbida, deste primeiro premio e quero agradecerlle que nos siga facendo gozar coa súa poesía. Agardamos máis premios e máis libros porque queremos continuar recreándonos coas túas
obras literarias.

Moitas grazas a todos.

(Palabras do profesor Vázquez Somoza na presentación do libro "Sinódica luz", de Xosé Otero Canto, na Librería Trama de Lugo, o 23-10-2018.
Vázquez Somoza, Xosé Luis
Vázquez Somoza, Xosé Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES