Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

BearZo(ne). An education

jueves, 25 de octubre de 2018
A comarca galaico-leonesa (pese a quien le pese) do Bierzo xa hai uns anos que volve ser oficialmente unha “bear zone”, é dicir, unha zona de osos. Tamén, xa dentro dos límites da provincia de Lugo, téñense producido cada vez con máis frecuencia varios avistamentos O.V.N.I. (Oso “Velutino” Necesariamente Indesexable) nas serras dos Ancares e do Courel.

Din os expertos que este crecente aumento da poboación de Ursus arctos pyrenaicus é un beneficio para a diversidade medioambiental da zona e tamén un atractivo turístico que deberían aprender a vender estas comarcas de montaña que, aínda por riba, cada vez atopan menos recursos nos que soster a súa mermada economía. Con todo, tamén existen notables problemáticas que é preciso resolver.

A inseguridade de sendeiristas, os ataques a colmeas e outras preocupacións das xentes do lugar son cuestións que deben primar á hora de desenvolver estratexias de convivencia entre o home e este plantígrado, algo que se contempla no Proxecto LIFE Oso Courel que levan a cabo a Xunta de Galicia, a Asociación Galega para a Custodia do Territorio e, como non podía ser doutro xeito, a Fundación Oso Pardo.

En primeiro lugar, este último colectivo ten na súa páxina web un decálogo das normas que debemos seguir se nos atopamos cara a cara cun oso. Destas recomendacións, se cadra a máis básica é, ao mesmo tempo, a máis difícil de levar a cabo: manter a calma en todo momento. Pero o caso é que, afortunadamente, estas situacións non son frecuentes, xa que o animal tende a evitar de seu a presenza do home.

Se falamos doutro tipo de “perigos” máis reais entramos no país das abellas, é dicir, no polémico territorio dos ataques a colmeas. É certo que o oso é un animal “gol-oso” por natureza, como o nome indica. Pero tamén é certo que un dos piares esenciais deste Proxecto LIFE é a consecución dun importante investimento público para poder dotar aos apicultores de pastores eléctricos que protexan as súas alvarizas.

Polo tanto, temos dúas bases notables das que partir: normativa e financiamento. Falta, coma sempre, o máis complicado: a concienciación.

É curioso como aos galegos (supoño que noutras latitudes tamén pasará) nos gusta meter todo no mesmo “caixón desastre”: que se os osos son unha ameaza que antes non tiñamos, que se van acabar con nós as velutinas, que se os lobos os soltan os do Seprona, etcétera...

É preciso partir dunha educación ata certo punto historicista para diferenzar entre aqueles elementos que pertencen ao noso ecosistema e aqueloutros que foron introducidos nel con posterioridade, aínda que ambos poidan representar un perigo potencial de facto.

É, por último, absolutamente necesario que todos aprendamos de todos e non nos deixemos levar (especialmente nas redes sociais) por boutades con pouco fundamento. De nada serve a arroutada do paisano carraxento e irado porque lle rebentaron a colmea a pasada noite. De menos serve a opinión do suposto animalista de salón que na p*ta vida puxo unhas catiúscas para sacar no esterco. Non. A virtude radica no diálogo razoado e fundado, na exposición pormenorizada de conflitos e na busca de solucións conxuntas e beneficiosas para as partes.

Ou, parafraseando o dito, hai que “cazar” o oso antes de poder vender a súa pel.
Domínguez, Baruk
Domínguez, Baruk


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES