Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sicarios

sábado, 20 de octubre de 2018
Ben poucas cousas máis tristes que rematar fagocitado polo propio éxito literario. Hai escritores que, logo dun comezo fulgurante cun título de valor ou tras publicar unha obra que ben pronto alcanza a condición de referencial, acaban por deixarse ir e revalidan, unha e outra vez, a fórmula que os levou ao éxito, reescribindo incesantemente o que, en esencia, é o mesmo libro.

Nos antípodas sitúanse aqueloutros autores que procuran con cada novo título abrir espazos ignotos para a súa escrita, ensaiando modos e estilos, temáticas e arquitecturas que ata entón non incorporaran ao seu macrotexto.

Este último é o proceder de Carlos G. Reigosa, quen, con case corenta anos de ciclo literario, non deixou de tentar novos xeitos de expresión, apostando pola novela e o relato, o ensaio documental e a crónica xornalística, o libro de conversas e ata a poesía.

Mais ficaba aínda algún xénero no que o lugués non se prodigara, por iso a sorpresa foi máis agradable, se cabe, ao coñecer a aparición de A soidade do asasino, unha peza de teatro que se engade á súa dilatada andaina nos eidos do xornalismo e a escrita de ficción.

E escribo ‘peza de teatro’ e talvez tería que rotular mellor ‘diálogo escénico’, pois aínda que A soidade do asasino presenta externamente a aparencia de texto dramático, as marcas internas do discurso abéirano á fronteira co narrativo. Neste sentido, fóra da didascalia de introito que describe o marco espacial no que se desenvolve a acción e algunhas outras indicacións mínimas ao longo do texto, case non hai referencias escenográficas e todo se concentran nun único e delongado diálogo entre os dous personaxes protagonistas, que permanecen nun espazo estático e non ven pautada a súa conversa en escenas nin actos, o que fai que a obra se imite moito aos diálogos extensos que con frecuencia poden lerse en non poucas novelas.

SicariosDoutra parte, a inclusión de A soidade do asasino nunha colección dirixida ao público xuvenil como é Fóra de Xogo de Xerais é, cando menos, discutible, pois se ben soporta unha lectura por parte do público desa franxa etaria, non é menos certo que tanto polo seu contido coma pola súa forma se abre nidiamente a lectorado de máis idade, así que a incorporación da obra nese lugar do catálogo da editora hai que entendela máis a partir de criterios comerciais que propiamente literarios.

A soidade do asasino convídanos a unha situación límite: un sicario profesional, Víctor, encerra no seu domicilio a Claudio, ao que ten a encarga de eliminar. Mais, antes de facelo, principia unha conversación con el que se vai estender ata levalos a ambos a descubrir ángulos das súas personalidades que permanecían ocultos.

É neste inesperado cambio de rumbo dos acontecementos onde reside o desafío da obra, que se configura como un auténtico cantil ético, empurrando ao lector a que tome partido e se posicione respecto a cuestións transcendentes: a mutabilidade ou inmanencia do ser individual e social; os códigos de conduta dos asasinos; o papel do azar e a incerta mecánica da vinganza; en fin, o valor dos sentimentos, a (in)consistencia da vida e a necesidade imperiosa de salvar o inferno da incomunicación.

Escrito cunha linguaxe vertixinosamente plástica, que ten a virtude de espellar con verosimilitude os rexistros esperables para o perfil dos protagonistas, onde os coloquialismos e as expresións grosas alternan con habelencia coas ocasionais pingas de referencia culta, mais, sobre todo, onde a forza da palabra arrastra o pensamento como un tren imparable cara a un precipicio, A soidade do asasino é un texto de tensión máxima, que consegue manter alerta o lector dende a primeira ata a derradeira páxina, intrigado por saber cal será o desenlace a tan inquietante situación.

Agradecido regreso, pois, este de Carlos G. Reigosa á escena literaria con A soidade do asasino, unha obra que confirma a solidez do autor na dialéctica que anoa pensamento, verba e acción.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES