Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Branca Rodríguez Pazos

lunes, 08 de octubre de 2018
Como se nacese inmunizada contra o individualismo, Branca Rodríguez Pazos soubo desde moi cedo que a vida é servizo, de aí o seu compromiso social que, máis tarde, se viu reforzado polo seu compromiso político.

Branca Rodríguez Pazos
Esta luguesa, Graduada Social, exerceu primeiro a súa profesión na Coruña, mais regresou a mantenta á súa cidade natal onde reside desde hai máis de trinta anos. Viaxeira incansábel, descubriu tras o periplo, na súa volta a Lugo, o propio país, Galiza.

Repetía así a experiencia de tantos e tantas dos nosos clásicos.

Este (re)coñecemento, esta anagnórise, non a colleu sentada, senón camiñando, dando pasos para casar pensamento e acción.

Así destacou como concelleira, tenente de alcalde e portavoz do Bloque Nacionalista Galego no municipio de Lugo. Somos moitas as persoas que lembramos o seu bo facer, a súa atención continuada ás necesidades veciñais, a súa firmeza nas demandas a outras administracións, o seu profundo sentido galego, en fin, a súa dedicación á cultura, en cuxo labor foi fundamental para o nomeamento da Muralla como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, no ano 2000.

Hai xente cronoloxicamente nova que, en realidade, é vella porque desistiu de cambiar as cousas: “Éche o que hai”, adoitan concluír.

E existen persoas que nunca perden a curiosidade, o desexo de loitar e a vontade de mudar a sociedade para mellor. Branca é un claro exemplo deste segundo grupo de persoas. Endexamais será vella porque as súas ideas para Lugo e para Galiza non o son.

Como tampouco se resenten co paso dos anos a súa vontade e disposición de servir.

Branca é unha asidua de Outeiro de Rei, de todos os actos que recordan a Manuel María, do que foi (é) amiga e lectora. Hoxe, as persoas aquí presentes, coa Irmandade Manuel María á cabeza, así llo recoñecemos na entrega da navalla, símbolo do partir o pan da fraternidade e a poesía. Fraternidade e poesía que, fundadas nunha memoria común, traspasan todos os valos e nos convidan a seguir, como quen labra unha póla de salgueiro cunha humilde navalla, a lles dar forma ao noso soño de ser: nada máis, nada menos.

Este río Miño que maxistralmente cantou Manuel María, unido á fermosa carballeira tamén por el poetizada, é o mesmo que ve Branca cada día desde a varanda da súa casa. Quero imaxinar que, no medio e medio do seu curso, o escritor e a loitadora, como aquel cabaleiro e aquela dama dun poema de Cunqueiro, cruzan as vistas. Porén, Manuel María e Branca, volveranas ao mesmo
tempo para o seu único punto cardinal, Galiza e a humanidade que, dáse o paradoxo, devén en rosa dos ventos.

(Palabras de Marica Campo na entrega de "A navalla do Manuel" a Branca Rodríguez Pazos, na Campa de Santa Isabel, no cabodano de Manuel María).
Campo, Marica
Campo, Marica


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES