Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As zocas máxicas

lunes, 01 de octubre de 2018
Son neto de zoqueiro e gastador de zocas na nenez. Cando se fala delas véñenme á memoria sensacións visuais e emocionais como a das labras da madeira amoreadas arredor do banco onde o meu avó lograba a maxia, desde o desbastado ata o puído, de converter o toro de abuidueira, salgueiro ou ameneiro no humilde calzado que se axustaba como unha luva aos nosos pés.

Lembro a quentura morna da madeira, tanta que ás veces, de tan intensa, nos forzaba a refrescar o pé fóra dela, e lembro especialmente a vergoña que, en caso de fendelas, accidente que sucedía con máis frecuencia da desexada, nos obrigaba a ter que levalas remendadas con canterlas.

Veño de visitar na capela de Santa María a exposición, organizada polo CENTRAD da Deputación e deseñada por José M. Salgado, "Cos pés na terra". Alí está en fotografías, datos biográficos e textos informativos xunto a ferramentas do oficio e pezas de mostra a obra maxistral de 24 zoqueiros da provincia de Lugo que resisten a sentenza do tempo. Xa non fan zocas, uns por idade e todos por falta de demanda. Só un, o máis novo, Alberto Geada, segue adiante pois atopou outro camiño, este sen lama, para darlles esperanza ás zocas moribundas.

Alí as chinelas e as galochas, as abarcas, as de cana e as madreñas, as tinguidas e as enfeitadas. Unhas, especializadas nos traballos e outras en iren de festa ou de mercado, que de todo hai, como na xente, na raza das zocas.

Di Cunqueiro cando describe en Poemas do si e non (1933) a súa hora matriz: Eu nacín -entre as zocas e os lóstregos na mitade da noite- corenta e sete días despois do primeiro aeroplano. Foi na madrugada do 22 de decembro de 1911. Todos os nenos e nenas do célebre cadro "Escola de Doloriñas" de Julia Minguillón, pintado en 1940 en Lourenzá, calzan zocas. Xa pasou!

Ás veces é a ficción, a tradicional ou a de autor, a que nos devolve a esencia das cousas. En Rubiás de Lugo había un magnífico cruceiro. Catalogámolo en 1985 F. Arribas, X. Cuba e mais eu. Temos fotografías. O cruceiro desapareceu sen que se saiba cando nin como. O que si recordamos é a razón que nos contaron para poñéreno alí. Foi que de repente presentouse unha treboada e dous dos tres homes que andaban por alí, por arremedar o trono, repetiron: Zocas de macira! Caeu un raio e matounos. Ao que non dixo nada, un tal José García, non lle pasou nada. E é que os nubeiros tamén gastan zocas; e con elas, ademais de non mollar os pés cando se desata a arroiada, fan, cun zapateado enxordecedor, a música dos tronos.

Volvo a Cunqueiro e reproduzo a historia de Evaristo, o garboso forasteiro que chega a Baldrido das Rodrigas, cando as mozas aínda gastaban chinelas para voar en vez de andar, para mercar unha cabana no medio do monte. Aprendeu a zoquear nun só día aínda que, en realidade, quen zoqueaba era o banco mentres o amo asubiaba. Cando o párroco de Reigosa soubo a nova, esmuxicouse: Ha ser o Demo!

Nese intre o alboio de Baldride pegou lume, Evaristo desapareceu e alguén atopou entre as cinsas unha zoquiña de ouro. A zoca migrou canda un que se foi para Arxentina pero no lugar disque aparecen de cando en cando moedas de prata e de ouro.

Como acostuma, aínda que se esqueza a esencia, sempre nos quedará a ilusión de atopar o que habita o seu recordo. Vaian ver a exposición, merece moito a pena; vailles parecer, en verdade, un tesouro.

(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo)
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES