Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Santuario da Virxe das Virtudes (II)

jueves, 01 de noviembre de 2007
O Santuario da Virxe das Virtudes (II) O Santuario da Virxe das Virtudes en Pedrafita, O Corgo (Lugo).

Artigo publicado na Revista “Lucus”, nº 42. Deputación Provincial de Lugo, 1995.

7. AS PROMESAS
A unidade básica de relación entre a persoa e a imaxe sagrada para resolver unha serie de problemas é a promesa. Esta consiste normalmente nun contacto directo e sagrado de forza moral entre a persoa e Deus, a través de Cristo ou dunha serie de intermediarios ou mediadores como son as distintas advocacións da Virxe e os santos. "Pra chegar con máis seguridade a ese Deus, non sempre persoal, o galego bota man dos santos e da Virxen" (15).
Entre os devotos e a divindade pódense distinguir tres modelos de relación.
1º. A promesa xeralmente é condicional, é dicir primeiramente a divindade simbolizada por Cristo, a Virxe e os santos concede a petición ó devoto e logo este leva a cabo a promesa; trátase dun cumprimento "a posteriori". A este tipo de promesa dáselle os nomes de "Ofrenda condicionada" (16) e "Petición Condicional" (17).
2º. Algúns devotos veñen solicitar, suplicantes, a mediación de Cristo, da Virxe ou dos santos ante calquera problema cumprindo unha serie de rituais e ofrendas. Neste caso os distintos rituais e ofrendas que os devotos realizan teñen lugar antes de que lles sexa concedida a petición. Este tipo de promesa recibe os nomes de "Ofrenda propiciatoria" (18) e "Devoción peticionaria" (19).
3º. Finalmente hai devotos que veñen tódolos anos por algunha petición concedida pola divindade noutrora. A este tipo de promesa dáselle o nome de "Ofrenda de acción de gracias" (20).
As promesas máis frecuentes que se levan a cabo neste santuario son as seguintes:
I. O CUMPRIMENTO DUNHA SERIE DE RITUAIS, LIGADOS Ó SANTUARIO, QUE SEGUNDO O GRAO DE PARTICIPACIÓN TEÑEN UN CARÁCTER COLECTIVO OU INDIVIDUAL.

A. OS RITUAIS DE CARÁCTER COLECTIVO
1º. A CELEBRACIÓN DE MISAS

Tanto o xoves da Ascensión coma o venres, celébrase unha misa as sete do serán. O sábado, primeiro día da festividade, hai unha misa a unha da tarde. O domingo celébranse tres misas: unha ó mediodía e as outras dúas a unha e dúas da tarde. Tódalas misas son celebradas polo crego encargado do santuario, agás a das dúas da tarde do domingo que é concelebrada con outros cregos de parroquias contiguas no campo da festa.

2º. O RITUAL DA PROCESIÓN
Hai anos, na véspera da festividade da Virxe, traíase en procesión ó patrón da parroquia, S. Miguel, desde a igrexa parroquial hasta o santuario. Ó rematar a festividade volvíase a levalo a igrexa da parroquia en procesión, na que interviña, tanto a ida como a volta, o crego e fregueses da parroquia e doutras contiguas. Na actualidade tráese nun coche o xoves da Ascensión e ó rematar a festividade da Virxe volvese a levar do mesmo xeito. "O San Miguel tráese únicamente pola festa nun coche. Antes víñase cunha procesión; traíase a ombros desde o pueblo hasta aquí o víspora da festa. O acabar a festa levábase outra vez para a igrexa" (21).
Tanto o sábado coma o domingo, despois dos oficios litúrxicos, celébrase unha procesión xeral que percorre o campo da festa. A procesión ten como finalidade sacar ó exterior as imaxes sagradas, que santifican todo o entorno xeográfico.
A distribución dos distintos elementos que interveñen nela realízase do seguinte xeito:
a. Cruz do santuario levada por un fregrés da comunidade parroquial.
b. A imaxe do S. Miguel é levada en andas por catro devotos da parroquia.
c. As dúas imaxes da Virxe das Virtudes son levadas en andas por devotos de distinto sexo. De tódalas maneiras o normal e que sexan mulleres.
d.- Cregos concelebrantes.
e.- Devotos en xeral, colocados sen distinción de idade e sexo.

Hai bastantes anos ían devotos, de xeonllos, baixo as andas da Virxe e algúns, descalzos, acompañando á procesión. "Procesión según costumbre en las fiestas populares con las imágenes de la Virgen y de S. Miguel, patrono de la parroquia, que se lleva de la iglesia parroquial. Portan las imágenes de la Virgen mujeres del pueblo y hombres la de S. Miguel" (22).

B. OS RITUAIS DE CARÁCTER INDIVIDUAL
1. RITUAL DA CIRCUNVALACIÓN

Hai anos moitos devotos daban algunha volta ó redor do santuario, de xeonllos ou de pé, levando nas súas mans candeas, corpos de cera... Na actualidade este ritual xa non se realiza.

2. O RITUAL DO CONTACTO
O desexo de todo devoto é tomar contacto coas imaxes e demais obxectos e elementos sagrados do santuario, xa que o sagrado proxecta a súa cualidade, sacraliza. Entre as prácticas máis habituais de tomar contacto co sagrado, sinalo as seguintes.

2.1. O RITUAL DE POÑER O SANTO
Un xove da parroquia da a bicar unha imaxe pequena da Virxe ós devotos, que están de xeonllos; logo pásaa por detrás das súas cabezas, tocando con ela ámbolos dous ombros; o ritual remata dando a bicar de novo a imaxe ós devotos. O poñente, mentres realiza o ritual, vai dicindo a seguinte xaculatoria:
"La Madre de Dios de las Virtudes te libre de toda peste, mal. Amén".
Os devotos poden poñer o santo tanto pola mañá como polo serán, xa que o santuario permanece aberto case todo o día.

2.2. O RITUAL DO CONTACTO COA IMAXE ESTÁTICA
Algúns devotos bican o rosario que pende do pescozo da imaxe da Virxe. Outros tocan cos seus panos o seu manto e logo pásanos por algunhas partes dos seus corpos ou doutros cunha finalidade profiláctica e curativa, xa que os panos no seu contacto coa imaxe quedan sacralizados.

2.3. O RITUAL DO CONTACTO COA AUGA DA FONTE DO SANTUARIO
Preto do santuario está a fonte da Ascensión, onde algúns devotos levan a cabo durante todo o ano o seguinte ritual que consta de dúas partes:
1ª. Os devotos, que veñen á fonte, lavan cuns panos aquelas partes do corpo doentes: ollos, pel. A auga ten unha función ambivalente, xa que implica morte - enfermidade- e rexeneración -saúde-. "El agua mata por excelencia porque disuelve, suprime toda forma, borra el pasado, pero también regenera, porque la disolución va seguida de un nuevo nacimiento" (23). "El contacto con el agua implica siempre una regeneración no sólo porque la disolución va seguida de un nuevo nacimiento, sino también porque la inmersión fertiliza y multiplica el potencial de vida" (24).
2ª. Os panos déixanse colgados nuns aramios que hai a carón da fonte, habendo a crenza de que axiña que os panos vaian podrecendo as doenzas das persoas irán desaparecendo. "Hai xente que padece algo da vista, hai que levar os panos para lavar os ollos, pero hai que déixalos alí. Antigamente había cola para lavarse a xente os ollos" (25). "En las proximidades se encuentra una fuente de agua mineral, que utilizan los enfermos del hígado y de la vista...". (26)
Esta segunda fase do ritual simboliza a expulsión do estado de enfermidade e polo tanto a paulatina recuperación do estado de saúde. Por outra banda o que se está levando a cabo con este ritual e imitar dun xeito deliberado aquilo que se pretende acadar. "Es frecuente que los ritos consistan en una imitación de los efectos que la gente desea producir" (27).
O culto primitivo ás fontes foi incorporado ó credo cristián no momento da entrada do cristianismo en Galicia. Isto foi posible construíndo capelas no seu contorno, como medida para tentar erradicar da memoria dos seus habitantes calquera pervivencia pagá.

II. APARTE DOS RITUAIS DESCRITOS OS DEVOTOS LEVAN A CABO OUTRA SERIE DE PROMESAS.
1. Ofrenda dunhas trinta misas. No ano 1994 o prezo de cada misa foi de cincocentas ptas.
2. Algúns ramos de flores que se colocan a carón do altar.
3. A esmola en metálico ó poñer o santo.
4. Algúns exvotos de cera que representan algunhas partes do corpo humano: brazos, pernas, pés...
5. Algunhas candeas e cirios.

Por outra banda, no santuario hai unha ventá aberta ó exterior e pechada no seu interior por reixas, que permite que os devotos fagan ofrendas a Virxe durante todo o ano. Estas ofrendas consisten preferentemente en cirios e esmola en metálico.

NOTAS BIBLIOGRÁFICAS
15. Moreiras Santiso, Xosé: "A relixiosidade popular no sector rural", en Rev. Encrucillada nº 9, Ed. Sept, Vigo, 1978, p. 64.
16. Gondar Portasany, Marcial: "Racionalidad campesina y Relativismo cultural", en Antropología y Racionalidad, Edt. Sálvora, Santiago, 1980, p. 60. Crítica da Razón galega. Ob. cit. p. 154.
17. William Cristhian, A. Jr.: Religiosidad popular. Estudio antropológico en un valle español, Madrid, Tecnos, 1978, p. 134.
18. Gondar Portasany, Marcial: Ob. cit., 1980, p. 60. Ob. cit., 1993, p. 155.
19. William Cristhian, A. Jr.: Ob. cit., 1978, p. 134.
20. Gondar Portasany, Marcial: Ob. cit., 1980, p. 60. Ob. cit., 1993, p. 155.
21. Informante de Pedrafita.
22. Informe do crego da parroquia.
23. Fidalgo Santamariña, J. Antonio.: Antropología de una parroquia rural, Cuadernos do Laboratorio Ourensán de Antropoloxía Social, Serie Galicia Campesiña 1, Orense, 1988, p. 202.
24. Eliade, Mircea.: Lo Sagrado y lo Profano, Col. Guadarrama, Edt. Labor, Barcelona, 1967, p. 112.
25. Informante de Pedrafita.
26. N.R.C.: Palabra. Pedrafita, S. Miguel de. Ob. cit.
27. Frazer, J.G.: La rama dorada, Ed. F.C.E, México, 1969, p. 41.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES