Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mondoñedo en bicicleta

viernes, 21 de septiembre de 2018
Eu non sei andar en bici. Intenteino. Foi na do meu primo, Feliciano, pero no primeiro ensaio, cando xa estaba chegando ao Rego do Ferreiro de Rego de Cas por aquela costiña abaixo, o meu pé dereito soltouse do pedal e enganchou na cadea, e a cadea arrastrouno ata o piñón que, sen contemplacións nin respecto polo novizo, chantou con ímpeto un dente e traspasou de lado a lado a deda longa sen que a zapatilla nin o calcetín opuxesen resistencia. Traballo me costou excarcerar o pé!

A ferida era profunda e a dor inmensa, pero máis dolorosa foi aínda a vergoña que sentín polo que as decisións que tiven que tomar resultaban obvias. A primeira, non contarlle a ninguén o sucedido aquel día setembrino(era polos Remedios), nin sequera ao meu primo, e a segunda, renunciar solemnemente por sempre endexamais a manexar vehículos de menos de tres rodas.

Mentres a segunda promesa segue o seu curso, ouso contar hoxe a miña triste relación coas bicicletas para celebrar que La Vuelta, a Volta Ciclista a España, fixo parada e fonda en Mondoñedo.

Volvendo a vista atrás, cando en 1935 comezaba a andaina da primeira edición de La Vuelta, en Mondoñedo constituíse un comité para colaborar na organización da segunda Volta Ciclista a Galicia coa intención de que a cidade fose final de etapa. Non puido ser. A cuarta etapa, 15 de outubro, partiu de Lugo e rematou, pasando por Mondoñedo, en Ribadeo. En xuño de 1936 a Sociedad Poliesportiva Mindoniense dispúxose para colaborar na terceira edición da Volta Ciclista a Galicia que non se puido celebrar, por razóns ben coñecidas, ata 1945. Alí estaban formando parte da equipa de organizadores personaxes da cultura mindoniense como Raimundo Aguiar, Graciano Fraga Veiga e, entre outros, o noso vello cronista, Xosé Díaz Jácome.

La Vuelta pasou por Mondoñedo (sen parar) en 1993. Xa entón, en columna de opinión escribía o xornalista Xosé M. Palacios sobre o evento que constituía “especial significado en una ciudad que con frecuencia se ve incapaz de seguir el ritmo marcado por el pelotón de la historia”. Ía pasar en 1995 pero a etapa foi suspendida no tramo Reinante-Vilalba por mor do forte vento.

O día 6 de setembro deste 2018, ademais de coincidir co vinte aniversario do pasamento do ilustre poeta, xornalista e cronista amante do ciclismo, Xosé Díaz Jácome, vimos saír de Mondoñedo arredor do mediodía en dirección á Estaca de Bares aos cento setenta e pico protagonistas da 12ª etapa desta 73 edición da carreira.

Foi unha oportunidade magnífica para que Mondoñedo e a Mariña enteira saíran ao mundo a través das retransmisións de TV e das crónicas dos xornalistas. Oportunidade que, como seguramente saben os lectores ben informados, se contrata con cartos públicos e privados coa finalidade de transformar a inversión en imaxe e promoción turística.

É a primeira vez que Mondoñedo é punto de partida de tan célebre proba deportiva. Non se lembra nada igual no tocante a bicicletas desde que o bispo Gea Escolano, admirador de Pino e de Bahamontes, se nos apareceu polas rúas mindonienses montado en bicicleta un amencer calquera de 1987.

(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo)
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES