Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Rei de Mondoñedo, no 25 cabodano do seu pasamento

viernes, 07 de septiembre de 2018
Este 2 de agosto de 2018 cumpríronse 25 anos do pasamento de Carlos Folgueira García, o Rei das Tartas. Aconteceu en 1993 no hospital Juan Canalejo da Coruña, onde estaba ingresado para atender uns graves problemas renais que non tiveron solución. Foi soterrado en Mondoñedo, no Cemiterio Municipal, o 4 de agosto, tras un funeral na parroquial de Santiago pero que se debera celebrar na catedral a petición de veciños e autoridades mais o bispo, entón Gea Escolano, negouse en redondo. Sería un final, xa que tivo que ser tan urxente pois só contaba 56 anos, digno dun auténtico soberano.

Mondoñedo sempre tivo, e segue tendo, bispo, pastor maior dos crentes no plano espiritual, pero tamén debe conservar con orgullo a memoria, aínda que fose por breve tempo, de ser berce e residencia dunha monarquía doce e popular. Carlos Folgueira, o Rei das Tartas, o noso Rei, érao da simpatía, mestre das relacións públicas, doutor do doce abalo que pode ser a vida, sobre todo se lle poñemos a cada sobremesa a guinda dunha espléndida, exuberante, torta mindoniense.

Carlos Folgueira García, que así se chamaba o noso Rei das Tartas, era de orixe humilde, un pícaro inquedo que co tempo se converteu en eterno embaixador de Mondoñedo e, por extensión, de Galicia. Non houbo, nin seguramente se imaxinará nunca para ningún soporte, mellor campaña publicitaria de Mondoñedo que a que el puxo en marcha coa súa prodixiosa labia, co doce sabor do seu traballo e a súa imaxe singular.

Xosé Díaz Jácome, o noso vello cronista, sempre presumiu de ser el quen o coroou como Rei, idea que debeu facer pública en data que descoñezo no xornal La Voz de Asturias que el dirixía. Segundo confesión do propio Díaz Jácome, Carlos chamáballe “padriño” por ese motivo, e tamén por ser el quen interpretou unha suposta conversa, da que sería proba a foto de ambos monarcas que hai no Museo Carlos Folgueira entre o agora emérito Juan Carlos e o Rei das tartas. Don Juan Carlos diríalle ao Rei das tartas:

—Envidio la situación de tu reino...

—¿Por qué, Majestad?

—Porque es mucho más dulce que la mía.

Carlos Folgueira fora recoñecido en vida co título de Fillo Predilecto de Mondoñedo (onde naceu o 17 de marzo de 1937) e coa Medalla de Galicia, xunto con outras distincións que lle recoñeceron ese saber tirar proveito do seu quefacer como grande reposteiro e excelente comunicador.

Arcadio Mon, grande músico do Valadouro, hoxe tamén desaparecido, dedicoulle un pasodobre. Guillermo Feal, o escultor, fíxolle un busto que preside (a carón do vello cemiterio) a travesía que leva o seu nome.

O seu fillo, Carlos, xunto coa súa nai, Chicha, e o resto da familia continúan 25 anos despois con notable éxito dando brillo á empresa fundada polo pai. Carlos Folgueira López nunca deu o paso de autoproclamarse Rei das Tartas de Mondoñedo, título que obviamente e por razóns hereditarias lle correspondería. Eu son dos que celebran que así fose, pois ao tempo que amosa respecto pola memoria dun pai irrepetible, non é título menor nin que desmereza, ao contrario, ser proclamado e recoñecido como Príncipe das Tartas de Mondoñedo.

(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo).
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES