Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Limiar

lunes, 03 de septiembre de 2018
Comezo esta primeira colaboración literaria (se alcanza esta consideración, ou non, déixollo aos lectores e lectoras) agradecendo a Xulio Xiz e a todo o equipo de Galicia Dixital a posibilidade que me presta de compartir co público internauta varios feixiños de verbas que fun coleccionando ao longo de todos estes anos.

Dende novo tiven a teima de escribir e, en determinados momentos da miña vida, ata cheguei a ter necesidade de facelo.E aínda que todos escribimos para nós mesmos, tamén gustamos da idea de que nos lean, porque cando un desfruta escribindo tamén considera que outras persoas poden desfrutar lendo (como cando cociñas).

O xénero empregado é o narrativo, especialmente relato e microrrelato, nos que me sinto máis cómodo para ir vestindo as ideas que de cando en vez van agromando nos meus miolos. En canto ao público será maioritariamente para persoas adultas, sen esquecerme do xuvenil, co cal convivo a diario froito do meu traballo como profesor de instituto, ou do infantil, no cal me estreei dende que fun pai.

O idioma será sempre o galego, porque é o meu, o da miña nación, o de todos os meus antepasados e gustaríame que siga sendo tamén o dos meus descendentes. É o idioma no que amo, no que imaxino e no que soño, no que aprendín a falar e no que agardo dicir as miñas últimas verbas. Sen afán de superioridade ningún, e respectando aos demais, os galegos e galegas debemos de defender a nosa lingua como o maior herdo recibido dos nosos antepasados, nin mellor, nin peor que as demais, pero a máis adaptada ao noso medio natural e social.

En canto aos textos, a maior parte son inéditos, outros recibiron algún pequeno premio literario e unha minoría foron publicados en distintas recompilacións. As temáticas e os estilos son moi diferentes, froito dunha escritura espallada nas últimas dúas décadas e dunha persoa que ten moi escasos coñecementos de literatura. Agardo pois que as críticas non sexan moi duras, pero iso si, construtivas, porque só escoitando as opinións dos lectores e lectoras se pode medrar neste campo.

Para rematar, gustaríame dedicar esta colaboración a Xosé Manuel Carballo Ferreiro, persoa que me influíu en moitos aspectos pero sobre todo na paixón pola nosa cultura e a nosa lingua. El foi un colaborador periódico no portal Galicia Dixital e sei que ten, entre os distintos usuarios e usuarias desta casa, estreitas amizades de vello.

(O primeiro dos traballos aos que se refire neste Limiar MARIO OUTEIRO, titulado MATHEMATICA, será publicado este martes, 4 de setembro de 2018)
Outeiro, Mario
Outeiro, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES