Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

José Castiñeira Pardo, un home, un sacerdote, un músico

viernes, 26 de octubre de 2007
Jos Castieira Pardo, un home, un sacerdote, un msico A piques de cumprirse o décimo oitavo aniversario do pasamento de Don Xosé Castiñeira Pardo, o Orfeón Lucense ten o desexo dunha lembranza agarimosa para o que foi o seu fundador, no “ano grande” desta institución lucense.

Dende a humildade e modestia do seu lar, no Carballal en Aspai, onde nace un 23 de febreiro de 1928, á maxestosidade da Basílica do Vaticano en Roma. Dende a sinxela música da natureza -dos ríos, das fontes e dos paxariños-, á complexa harmonía das súas composicións. Dende a sabedoría popular herdada dos seus antergos, ás leccións maxistrais dos grandes mestres da música, da filosofía e da teoloxía. Son contrastes que todos eles souberon trazar a sobranceira personalidade que hoxe estamos a lembrar.

A crónica da morte de Xosé Castiñeira, escrita polo sacerdote Nicanor Rielo, aparecía no Boletín Oficial da Diocese de Lugo, e dicía: “A música enriqueceu a súa vida e o seu sacerdocio. Coa súa timidez, parecía protexer unha humildade única e servizal”. Que síntese tan perfecta e profunda sobre a vida deste home: sacerdote e músico! Que máxicas as palabras cando son capaces de definir un espírito grande, inmenso... o propio dun home de Deus!

O baleiro que certas persoas deixan ó dicirnos “deica logo” é imposible de encher. Moito máis cando esa persoa é ó mesmo tempo amigo, pai e irmán. Por iso, D. Xosé deixou un baleiro que dura ata este momento, e durará. El era un amigo único, fiel e leal. Un pai extraordinario, sobre todo dos seus innumerables alumnos, e aínda máis dos seus mimados seminaristas. El era un irmán, non so dos seus de sangue, senón tamén dos adoptivos da Igrexa, e dos compañeiros de ministerio.

Querido tío Pepe, sentímonos preto de ti, se cadra con esa saudade que nunca ninguén soubo definir ben, pero enchoupada da serena certeza de que nos acompañas, de que aínda segues connosco. Persoalmente síntote moi preto, sobre todo cando escoito a túa música, na túa Catedral, ó pasar pola túa rúa, nos alumnos e amigos que te lembran emocionados, nas voces vivas do teu Orfeón, nas homenaxes que este pobo de Lugo che dedica...

Por iso, creo que é preciso sentirte hoxe, aquí, xunto de nós. Digo aínda máis: verte e escoitarte. E que mellor lugar para facelo, que este tan importante para a túa vida. Nesta rúa bispo Aguirre, ó pe do teu Seminario, na que podemos aínda escoitar os ecos da Scholla Cantorum ensaiando para algunha celebración.

Vémoste con apenas trece anos, entrando por primeira vez no Seminario, por algunha destas portas, cheo de ilusión de neno. Estamos a verte saíndo cara Roma, en 1947, e regresando pouco despois a causa dunha enfermidade que, como a derradeira, soubeches levar con enteireza e esperanza. Vémoste un 17 de maio de 1953 ordenándote Sacerdote, e regresando de novo a Roma. Imos verte unha vez máis no medio de nós: cara á Catedral, onde visitabas a túa Naiciña dos Ollos Grandes e onde a túa Scholla cantaba “as misericordias do Señor”; cara ó Círculo das Artes a ensaiar a túa primeira coral. Vémoste camiñando con présa por estas rúas, parándote con nenos e maiores, ricos e pobres, ilustres e xente do pobo. Estamos a verte botando man ó teu peto, e sacando lambetadas para os nenos, asistindo ás túas clases nas Josefinas, ou a celebrar a Eucaristía; entretido nunha conversa animada e íntima, indo a visitarnos na nosa casa, que sempre te acollía con ledicia. Estamos a verte ilusionado coa Escolanía que aínda hoxe leva o teu nome, pese a que xa nese momento a enfermidade quería, sen conseguilo, danar a túa xenerosa bondade. Vémoste tamén como o 31 de outubro de 1989, Lugo che rendía último, sentido e profundo homenaxe de oración, nas que foron as túas casas: o Seminario e a Catedral.

Así te vemos: un home, un sacerdote, un músico. “Tan afinadas como as harmoniosas cordas da súa alma musical, estábano as fibras máis íntimas do seu ser de home. Se pecou, pecou por excesos do seu corazón bondadoso! Que tenro pecado!” destacaba pouco despois do teu pasamento o teu íntimo amigo Jaime Delgado.
Dende agora, grazas ó Orfeón Lucense por quen tanto agarimo sentiches, verémoste e verante máis, pois a túa escultura estará aquí, sempre, neste lugar, lembrando quen foi e quen é Xosé Castiñeira Pardo.

Luís Varela Castiñeira
Varela Castiñeira, Luis
Varela Castiñeira, Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES