Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os déngaros turdios

martes, 31 de julio de 2018
Co doado que é hoxe procurar un concepto na rede -escríbelo no google e nunha fracción de segundo contas con milleiros de entradas ó teu dispor-, que complicado resulta por veces atopar un libro no estante da túa propia librería.

Acontéceme con frecuencia cada vez que preciso botar man dalgún e de novo aconteceume hai un pouco, xusto antes de me poñer a escribir. Tes idea do estante no que o pousaches cando o acabaches de ler, pero non estás moi seguro. Entón, comezas a facer memoria. Sabes o título e o seu autor e pensas ter visión gráfica do seu deseño e da súa cor. Pero a memoria é traizoeira e o que agora é granate, resulta que era marrón. Entón buscas e rebuscas, levantas lombos tumbados que tapan outros lombos de pé. Xuras e perxuras que o pousaches alí, pero o libro non dá aparecido e desespéraste, porque semella ter vida propia para brincar contigo sen ti o saber.

"Baixo o sol do Magreb", de Víctor Campio, foi ó que lle tocou xudiar un pouco comigo esta tarde, pero ó final din con el:

"A miña avoa Concha sempre mo advertía: ¡Pecha a fiestra neno, e pásalle o taravelo, que de noite sopran malos ventos!

Os déngaros turdios habitan a noite. Son áxiles e percorren o mundo facéndose invisibles, pero non impalpables.

Non son homes porque voan coma se fose espíritos, pero tampouco son espíritos porque comen e beben coma se fosen homes.

Repártense entre os catro elementos: aires, auga, terra e lume. Os habitantes do aire chámanse silfos; os da auga, hespérides; os da terra, pigmeos, e os do lume, salamántigas.

Por veces deixan de ser invisibles e adoitan a figura de voaxas que navegan polo espacio, ceo arriba, ata chegaren ós arredores de Sestrelo. Alí mestúranse con outros espíritos e, todos xuntos, inflúen para mal no noso destino.

Moitas doenzas, atrancos, maliaxes e encantamentos proveñen dos déngaros turdios. Por iso a miña avoa Concha, denantes de nos deitarmos, sempre me avisaba: ¡Neno, pecha ben as portas e fiestras e pásalles a tranca e mailo taravelo, que de noite corren ventos raposeiros!

A miña avoa Concha non sabía que os déngaros turdios teñen o don milagroso da penetración. Poden atravesar pareces, vidros e penedos.

Os déngaros turdios andan entre nós, dirixen as nosas vidas, comen connosco á mesa e ata por veces -sen que nos decatemos- tropezamos con eles e atoutiñamos.

Son o remorso da nosa conciencia".

Velaí unhas cantas palabras escritas baixo o sol do Magreb, que agora cobran valor de seu. Pois non me estrañaría que aqueles déngaros turdios -aqueles medos literarios doutrora- fosen os que hoxe nos roubarán o privilexio de podermos estar con el.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES