Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Ribeira Sacra e o Canón do Sil

miércoles, 27 de noviembre de 2002
Sen dúbida, no chamado Canón do Sil, atópase unha das máis fermosas paisaxes de Galiza e deica hai unhas décadas, das máis descoñecidas. Foi Carlos García Bayón, o prestixioso mestre e coñecido xornalista, quen deixou dito “(…) si tuviera que inventar un paraíso lo situaría en las orillas del río Sil, esplendoroso y místico, en aquel profundo desfiladero, donde se lee media geografía de Galicia (…)”.

Si dende un dos moitos miradoiros, que se atopan acolá enriba, ollamos cara o Sil, semella durmido, aconchegado pola aperta dos encoros, que lle roubaron a súa liberdade. A moitos metros de profundidade, o río confrádase cas veiras, por mor dos infindos reflexos, dos carballos, uces, carrascos, das penas, e das viñas, labradas en bancais, que se miran no espello das augas mansas, amigas que acariñan as súas ribeiras.

De cando en vez, óese o zumbado dun “catamarán”, no que viaxan abraiados turistas, sorprendidos por tanta beleza. Sempre irán máis a presa do desexado, pois estes son lugares para percorrelos a modo de vagariño, ollando cada un dos recantos. Cómpre facer paradas no camiño, e visitar as igrexas, e os mosteiros, que uns preto, e outros un pouco máis lonxe, foron configurando esta “vía sacra galega”.

Xa dende a Idade Media, foi coñecido ese fermosísimo curruncho de Galiza coma a “Rivoira Sacrata”, púxolle ese apelido a Condesa Dona Tareisa de Portugal, filla do rei Alfonso VI, nun documento datado no ano de 1127. Neste mesmo documento, engade que “ en toda a ribeira do Sil prégase en soidade”. De certo estábase a referir ós cenobios, cobarrochas de anacoretas, mosteiros e igrexas que se erguían por tódala cunca que forma o chamado Canón do Sil, entre as provincias de Lugo e Ourense.

O longo de toda a baixa idade media foron xurdindo na beira lucense do Sil, os Mosteiros de San Miguel de Eiré, Santa María de Amandi, o Priorato de Doade, o de San Vicente de Pombeiro, o Mosteiro Cisterciense de Ferreira de Pantón, entre outros moitos.

Na ribeira da provincia de Ourense, atopamos a beleza de San Estebo de Ribas de Miño, San Pedro de Rochas, o convento e Montederramo, o Mosteiro de Xunqueira de Espadañeda, a cada cal máis fermoso, cas vellas pedras enchidas de historia. Todos ester refuxios foron centros de oración, de estudio e de traballo.

Non fai falla moita imaxinación, para soñar con antergas lendas, inxenuas e cheas de meiguería ó albiscar ó lonxe espallados polas ladeiras, das dúas beiras do Sil, esesabraiantes vestixios artístico-relixiosos, que nos fan lembrar tempos que xa fuxiron.

Ás veces, as igrexas, é o pouco que nos foi quedando, dos moitos mosteiros que nesta terra buscaron acomodo. Pódese dicir que moitas delas cegaron ós nosos días, porque o miúdo, pasaron a ser igrexas parroquiais das pequenas aldeas que, pouco a pouco foron xurdindo, preto do mosteiros, quizabes na procura de amparo e agarimo. Todas elas confrádanse formando un dos máis fermosos consuntos da arquitectura románica de Galicia, de tal xeito que esta “Rota do Románico”, ten sona en toda a nosa terra, e aínda fora dela.

O Concello de Ferreira de Pantón, festexa cada ano, no mes de xuño, unha xuntanza, na que se mestura a cultura e mailo popular, para loubanza e coñecemento distes tesouros do románico, do que ben pode sentírse orgulloso. Ninguén pode dicir que coñece a nosa terra, si non parou a ver o Canón do Sil e maila súa Ribeira Sagrada, facendo paradas a cada pouco.

Eu aconsellaría o percorrido en catamarán, para coñecer ese mar interior, no que se convertíu o Sil por mor dos encoros de San Esteban e os Peares. Este paseo permite contemplar unha belísima paisaxe, na que non han de faltar os altos penoucos, que ollan cara o ceo, ou o escadoiro de bancais, nos que desde fai séculos,vense cultivando un dos mellores viños galegos o AMANDI, gracias ó esforzo e coidado dun bo número de adegueiros, que encariñados ca uva, fan dela unha bebida de deuses. A denominación de orixe, distes caldos galegos, non podía ser outra que “RIBEIRA SACRA”, de xeito que, con tal nome é coñecido o viño, froito dos esforzos de moitos.

É doado cegar desde calquera dos concellos de arredor, Monforte de Lemos, Ferreira de Pantón, Sober, Quiroga, no sur lucense. Ou por Ourense, desde Castro Caldelas, Teixeira, Parada do Sil, Luintra ou Póboa de Trives.

Endexamais coñecín a ninguén que se arrepentise de facer esta viaxe, pois pola contra sei, que moitos axiña recuncaron. Abofé que paga a pena esta mesturanza de historia, arquitectura e natureza, todo elo ca dose xusta, nada falta e nada sobra. Deus e máis o tempo fixeron esta fermosa xuntanza.
Rdguez. Otero, Margarita
Rdguez. Otero, Margarita


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES