Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E que é iso da aporofobia?

viernes, 24 de agosto de 2018
Rexeitamento do pobre. Adela Cortina vén de escribir un libro que pon o dedo sobre a pobreza e a desigualdade. Sobre a intolerancia.

Como profesora, milita na dúbida razoable. Como filósofa sinala a obriga de pensar, de buscar a verdade. 'Quedei desfalecido na procura da verdade' exclamaba o filósofo grego. Incriblemente a filosofía esmorece no currículo escolar. E iso que axuda a mirar nos adentros. A filosofía axuda a vivir.

Aporofobia, rexeitamento do pobre. En Colombia chámanlles 'desechables', innecesarios, como a minoría rohingya expulsada cara a ningures de Birmania. Xentiña que sobra. Non produce, non consume, non firma hipotecas nin ten tarxetas de crédito. E cando viaxan é no low cost dunha patera. Son xente que depende dos servizos sociais alí onde aínda hai servizos sociais. O sistema económico trunfante compórtase con eles dun xeito desapiadado, con infinita crueldade, triturando vidas e soños, convertindo en semiescravitude e medos o traballo humano.

Aínda que semellan invisibles, vémolos nas ondadas de inmigrantes expulsados polo clima, expulsados pola economía da pobreza, expulsados polas guerras dos non-países nos estados fallidos alí onde convén que existan estados fallidos. A lista non para de engordar: Irak, Libia, Somalia, Sudán, Siria, tantos países subsaharianos que apenas poden pagar exército e policía.

Ao fin pobres, aporói. De aí aporofobia. Fobia, odio, rexeitamento do outro. E non pola relixión, pola pel ou pola categoría de estranxeiro: canto amamos a Messi e a Ronaldo! Marcados polo sinal indeleble, polo indisimulable olor da pobreza.

Sobre este fenómeno reflexiona a escritora. Para superalo propón a receita máis fiable: educación. Educación para respectar a dignidade das persoas, como recolle a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o máis parecido que temos a unha Constitución mundial. Unha decidida aposta por loitar contra as crecentes desigualdades económicas, pai e nai de todas as pobrezas. E unha democracia onde crear lazos sexa máis forte que erguer muros e afiar coitelos.

Chama a atención que a aporofobia medre no país que ano tras ano bate marcas de turistas. Con cartos molestan menos que refuxiados e inmigrantes pobres. Por iso hai que estar vixiantes diante dos que alimentan o odio ao outro, ao pobre. Diante da crise que empobreceu a tantos e enriqueceu a tan poucos, diante deste Trump e os que están detrás, diante do ascenso de movementos extremistas, nacionalismos xenófobos, países do leste máis afeccionados aos euros que aos valores europeos.

Non hai que ir lonxe para descubrir o racismo, o machismo, a xenofobia: abonda con mirar no espello. Adela Cortina ten unha profesión inquietante, perigosa e necesaria: filósofa. E vén de escribir e describir a aporofobia.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES