Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Billete para o paraíso

viernes, 03 de agosto de 2018
Nómadas ou sedentarios. Xente con raíces protexida por valados. Excluidos expulsados da terra, lanzados aos camiños da inmigración, perseguidos por múltiples formas de violencia. O sedentarismo non é a regra na historia. Son máis frecuentes as guerras e saqueos, as deportacións e o comercio de escravos, agora de inmigrantes, colonizacións que zugan a riqueza e obrigan a emigrar.

A maldición bíblica vixente: 'Vivirás errante polos camiños da terra'. A humanidade sempre está en movemento, fuxindo ou a procura de oportunidades. No s.XIX e principios do XX chegaron a EE.UU 30 millóns de persoas. Irlanda tiña 8,5 millóns de habitantes en 1850, cen anos despois, menos de tres.

Conflitos entre os que están e os que chegan. O medo e o egoísmo dos que están dentro da UE contra o medo e a angustia dos que están fóra. O muro máis elevado e persistente é a xenofobia, na Hungría de Orban ou no Reino Unido de May, un virus contaxioso. Separa a indíxenas que foron migrantes, de migrantes que queren ser indíxenas.

Os intrusos acaban por se converter en indíxenas que ocultan a propia orixe mimetizándose cos que están dentro e negando a entrada aos que están fóra. Convén identificarse cos incluidos, crear unha nación con símbolos e bandeiras, reivindicar unha lingua, protexerse cun pasaporte, reescribir a historia a partir de mitos. E buscar, atopando, diferencias. Rasgos amables nos nosos, os outros apenas son humanos: primitivos, fanáticos, ladróns que se logran entrar destruirán o paraíso laborioso, demócrata, civilizado. Hai, di a ONU, 50 millóns de refuxiados. Os que están dentro do mundo confortable temen a avalancha, por máis que o espello reflicte sociedades envellecidas que precisan sangue novo.

Ao contrario das persoas, os cartos non atopan muros que impidan o movemento: deseñado para superar calquera obstáculo, sempre atopan patrias cos brazos abertos.
Cartos e medios de comunicación son o flautista de Hamelín que convoca aos que 'van errantes polos camiños da terra' ao Eldorado, á terra prometida con ríos de leite e mel, a un novo mundo onde todas as oportunidades son posibles. Pronto descobren que esa publicidade é mentira.

Nun mundo que aposta pola desigualdade os que emigran son novos e formados. Esta selección negativa nos países de orixe, esta fuga de cerebros é devastadora para eles. Un dato: o número de médicos do mundo pobre que traballan en Europa é maior que os médicos voluntarios en África, Asia ou América Latina. Quen axuda a quen?

Os muros son moi baixos para emigrantes cualificados ou con cartos. Xentes de aquí e de acolá. Ao final, aquí e acolá son dúas palabras só separadas por un muro de racismo e de xenofobia. Canta Dire Straits en 'Ticket to heaven', só quen pode pagar o billete ten entrada no paraíso.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES