Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Son d'aldea: puro teatro

jueves, 12 de julio de 2018
Acontece (e este ano é a oitava edición) en Santiago de Albá, Santo Xusto e Vilafofe, no concello de Palas de Rei (na Ulloa), lugares tamén cubertos de balor. Son aldeas emprazadas nos carreiros dos mundos de hoxe, como calquera outra aldea do noso país, no interior dunha Galiza que esmorece, que, como tantas outras, olla con inquedanza e nostalxia a perda dun xeito de vida que nos trouxo ata aquí, que nos identifica e nos permitiu ser quen somos.

Veciños bulideiros, con orgullo do seu, que non resisten ou non queren perder a memoria da súa “alma mater”, da terra que os criou. Deles manou a ousadía, a entrega, talvez romance amoroso coa vida dos seus maiores, unha experiencia carnal, unha andanza de ilusión; deles xorde a creación dun evento onde a aldea e a súa xente recobran convicción e recoñecemento, a recreación do íntimo ser do lugar de hai catro, cinco, seis... innúmeras décadas. Persoas chegadas de distintos puntos de Galiza únense a estes veciños no lance acometido e velaí temos unha aventura senlleira, un acontecemento onde se implican, con agarimo, máis de cen persoas, actores e actrices insospeitados intérpretes do seu propio pasado, intérpretes de todo un sentir adormecido no xenio da nosa esencia.

Trátase dun proxecto que pretende espertar, dinamizar, recobrar a vida que non hai tantos anos tivo o rural galego e hogano viste unha cumprida capa de po. A estas xentes bástalles un pequeno murmurio e todo o que levan dentro abrolla coma torrente sen domar; vólvense falangueiros, alegres, enfían e aloumiñan canto na profundidade dos seus ollos somos capaces de enxergar, brilla neles unha serenidade imposible, confían todo o que teñen e son, comparten e entréganse.

Cada persoa que neses días, o 31 de agosto e o 1 de setembro, se achegue a Santiago de Albá, Santo Xusto e Vilafofe, é transportada a través do seu mundo a un mundo diferente, que cada quen acomoda e esclarece en base ao seu, percibe e recoñece, e volve do soño para topar de fronte coa realidade, e esnaquizarse; este mundo hai poucos anos estaba vizoso e hoxe en silencio apágase.

Conscientes disto, sae á luz a maxia das árbores, dos paxaros, dos seres latentes nesta outonía. Os camiños cara a aldea transfórmanse en mil historias, tantas como camiñantes (e algunha máis), cada paso é unha experiencia de sensacións, de imaxinación única e dispar, idéntica. Cada paso convértese na concreción calma e humilde dun espazo físico, duns recursos subestimados que de súpeto, co camiñar, por momentos agroman e rebentan. Palpan os ollos e os dedos, o corpo enteiro, o universo dos nosos devanceiros, tócano e imaxínano, emparéllano con respecto co noso universo. Fronte a nós a Galiza máis próxima, natural, xenuína, as persoas que viviron na aldea e da aldea, a miúdo por iso desairadas e desprezadas, obxecto de burla e tidas en menos. Alí, sen baixar a vista, transmíteselles aprecio e agradecemento.

Son quen eles de convencernos, personaxes e lugares, espazos de vida plena noutrora, agora abandonados e sen man que os coide, que estime o bulir antano pousado neles, son quen de nos amosar que outra realidade é posible. É quen de engaiolarnos o feitizo no que dormen olores e obxectos, un serán e o canto do carro, o aloumiño e agradecemento a unha vaca e o ladro do can. É o momento para gozar, contar e escoitar contos no escano da lareira.As corredoiras ábrense, e con elas un durmido universo novo, e ábrense os valados e as leiras, a carriza, as castañas e os carballos; escóitanse palabras xa diferentes, rómpese a monotonía doída, pásase por unha corrupia, o namoro duns mozos ocorre no arcano da eterna natureza. Talvez o lobo acompañe e suba o esqueiro antes ca a xente, o arreguizo da súa imaxe perdida ince no sentimento previo do medo, e respéctase o lobo.

En Son d´aldea compártese a profundidade do noso idioma, a nosa identidade, a fala, a alma galega. Dáse alento e son a termos, de xeito práctico e plástico, xa case en desuso ou pouco utilizados, ás veces por ignorancia, que perden o seu contexto de emprego e caladamente van desaparecendo. Estréitanse relacións con xentes doutras aldeas, doutros lugares de Galiza e de fóra de Galiza, convívese, celébrase o espazo e a contorna. Fúndense as raíces na sabedoría entrega, nun xeito de vivir natural e digno para o ser humano, menos destrutivo para o medio que o rodea. Fúndense as raíces nas lendas vivas, historias verdadeiras, meigas e trasnos, contos que vagaron de avós a netos, cancións para durmir e traballar, para andar de esmorga ou bailar, liturxias de moceo ou rogas para facer levadíos os labores do campo ó longo do ano.

En Son d´aldea celébrase. Celébrase o sentir fondo dun pobo e o seu “modus vivendi”, o enxeño para enfrontarse e amañar os atrancos día a día, que, talvez, decorreu polo baixo e camiña atroz cara o esquecemento. Celébranse con ledicia os chíos do paporroibo ou, sinxelamente, o abraio e xúbilo dun neno ó dar cun niño de pega. Celébranse as mozas e os mozos, os maiores e os nenos e nenas, a estima e o orgullo de ser da aldea.

Son d´aldea é pór o pan en común, as ideas, o cariño por unha existencia primixenia e respectuosa co medio, orixe de todos nós. Pór en valor a terra, o toxo, a carqueixa e a uz; dar vida e alma nova aos misterios dormentes nos eucaliptos que invaden as corredoiras e as silvas que comen as pedras das casas. Son d´aldea é cuestionar a farsa representada con desexos e palabras, con pena e mágoa, con fotos a esgalla e “Que fermoso é todo isto!”, mentres a distancia é o apego preferido no abismo do corazón.

Dezaseis escenarios, dezaseis rostros de esencia materna e paterna; arredor de cen actrices e actores, artistas sublimes todas e todos eles, arredor de duascentas luces alí te miran, de fronte e con respecto, de cero a cen anos, a simbiose é inevitable.

Será, en conciencia, puro teatro?
García Penas, Fernando
García Penas, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES