Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Parabéns e Grazas, Mato!!!

martes, 03 de julio de 2018
Xa pasou o día do que tanto se falou en redes sociais e nos medios de comunicación. Estou a referirme a entrega da medalla Castelao a Xesús Mato. Tiven a oportunidade de compartir a emoción do momento xunto a un reducido grupo da familia e amigos. Digo reducido porque polas dimensións da igrexa de San Domingos de Bonaval estaba limitada a asistencia.

Son moi variadas as facetas que o fixeron merecedor do galardón e que resaltaron a súa particular “filosofía de vivir a vida e de axudar a vivila aos demais”. Vou a comentar a que foi motivo principal da nosa relación e que el cualifica como a máis humana e querida.

Coñecín a Mato, o de chamarlle Xesús non o usei moito, cando estaba rematando o bacharelato. Dirixiuse a min á saída do Instituto Feminino polo simple feito de ser unha persoa con diversidade funcional. Aquilo desconcertoume, pero pasei do tema. Máis tarde uns compañeiros de Maxisterio animáronme a ir con eles a unhas colonias de Auxilia en Camposancos (Pontevedra). Alí volvinme atopar co tal Padre Mato nunha visita que provocou moita alegría -ata diría que desmesurada- na maioría dos asistentes. Novamente me desconcertaba o papel daquel cura bulebule que falaba a toda velocidade. Non tardei en comprender que moitas das persoas que estaban alí, era a primeira vez que saían das súas casas porque Mato xunto a algúns voluntarios foran a visitalas. Este descubrimento impactoume xa que o meu proceso de inclusión na sociedade fora moi distinto.

A idea de Auxilia viña de Ourense e Mato foi o seu receptor e fundador en Lugo, quizais sen ter moi claro cal era a finalidade. Había que facer algo por aqueles minusválidos!!! Puntualizo o de facer algo por eles ou para eles porque aquí empezou o noso encontro ou mellor o noso “desencontro”. Non esquezo a miña primeira reunión de Auxilia a nivel nacional na que se falaba de minusválidos, pero sen minusválidos.

Desde a miña vivencia entendía que había que facer algo con eles, pero sendo eles os protagonistas da súa historia na medida do posible. Como matizou no seu discurso en Santiago, de traballar para a traballar con hai unha diferenza considerable. Mato foi quen de captar rápido que faltaba a voz dos interesados na directiva de Auxilia para afianzar unha loita, aínda inacabada. Era necesario pasar da compaixón a denunciar a vulneración dos seus dereitos e reivindicar unha lexislación inexistente. A partir daquelas colonias compartimos reunións, loitas, éxitos, desgustos, proxectos…

Quero destacar o seu “empuxe” no difícil proceso para acadar a primeira lei, a famosa Lismi (“Lei de integración social dos minusválidos”). Partiuse dun borrador de tres folios presentado polo deputado catalán Ramón Trías Fargas, pai dun neno con síndrome de Down. Foron cinco “longos” anos, ata a súa aprobación no 1982, nos que traballamos a nivel estatal uns cantos afectados co apoio de persoas relevantes como Marcelino Camacho, secretario xeral de CCOO, e o deputado andaluz Juan de Dios Ramírez Heredia. Aínda conservamos algunha entrevista significativa.

Corenta e seis anos despois do nacemento de Auxilia, Mato pode congratularse de como medrou e segue a medrar a súa semente. Por iso quero sumarme a ese merecido recoñecemento. Recoñecemento do que me fixo partícipe. PARABÉNS e GRAZAS, Mato!!!
Marisol Bravos
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES