Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sen previsión non hai prevención

jueves, 28 de junio de 2018
Comecemos sentando algún concepto previo. Utilizaremos aquí o termo DETERMINISMO, como aquela concepción filosófica que sostén que todo acontecemento físico, psíquico, de pensamento e de accións humanas, está CAUSALMENTE DETERMINADO, nunha relación causa – efecto, antecedentes – consecuentes. Este utilizámolo como un determinismo forte, que non admite eventos azarosos e considera o futuro predicible; pero debemos ter en conta tamén o débil, que aínda que mantén a correlación entre feitos presentes e futuros, admite sucesos imprevisibles.

Remitimos este artigo, principalmente, ao social; mais tendo en conta que son as estruturas dos sistemas sociais as que producen certo determinismo, se ben contando coa liberdade do home, quen tampouco está libre dalgún grao del, e senón pensemos no biolóxico, no xenético, no da educación e, sobre todo, no seu inconsciente.

E aplicamos o INDETERMINISMO, como contraditorio do determinismo, cos sucesos non dependentes dun proceso causal LINEAL, senón azarosos, aleatorios, nos que tamén interveñen as accións humanas de libre decisión. E isto é de especial importancia, xa que o home pode influír, modular, incluso neutralizar determinados sucesos futuros; pero nesta operación tampouco procede excluírse un certo determinismo individual, ao que xa fixemos mención no parágrafo inmediatamente anterior.

Pensamos que todo o dito ten unha indiscutible importancia, porque explica un pouco o fundamento das ACTITUDES PESIMISTAS E OPTIMISTAS do home/da muller. Aquelas comprometen o pensamento das persoas que poñen o acento na previsión do determinismo relativa aos sucesos e feitos futuros. Estes, os optimistas, sempre esperan as correccións introducidas polo home/a muller nos ámbitos sociais. Os primeiros poden verse sorprendidos, por exemplo, nos eventos destes ámbitos, por unha intervención inesperada dos axentes libres, e os segundos, por non considerar suficientemente os elementos determinantes que os constitúen.

Tamén aquí os extremos son viciosos: Unha doses adecuada de cautela parece aconsellable. No ámbito social nunca se pode prescindir dos factores de indeterminación, que incluso poden neutralizar os efectos nun proceso causal. O home pode enervar os efectos, incluso, dunha causalidade física, sen suprimila: Debilitar a forza da gravidade, mediante un paracaídas, por exemplo. Pero tampouco se pode prescindir dos constituíntes determinantes, ignorando o inconsciente do home/da muller.

Á luz do exposto, pretendemos interpretar un artigo publicado por D. Javier del Arco, biólogo e especialista en epistemoloxía, na revista dixital Tendencias 21, sección de Megatendencias, titulado “La Humanidad atraviesa un estado de agotamiento”.

Empeza afirmando que estamos ao final de algo que afecta ao Homo Sapiens e á Gaia (Terra), e non oculta unha visión pesimista que razoa. Pensa que o estado polo que está pasando a Humanidade e tamén a Terra é de esgotamento. Trae a palestra o maltrato que se lle está dando a esta por un home cobizoso, que necesariamente terá que valerse das realidades tecno–científicas, para sobrevivir nesta nova situación que el mesmo está creando, aínda que non descarta que este home adquira capacidades antes descoñecidas: Non hai que esquecer que o mundo está sendo conquistado pola tecno–ciencia, e os humanos non somos excepción nesta conquista.

Así mesmo escrebe o articulista, a este respecto, o seguinte: “Vaia por diante que en ningún modo desexaría que isto sucedese (aquí refírese a que o home está poñendo en perigo a súa supervivencia). Antes ben, agradecería que aqueles conxéneres que dirixen o destino da Terra espertasen da súa cobiza, egoísmo, cegueira, e idiocia e invertesen o rumbo das súas accións. PERO SON PESIMISTA E CREO TER RAZÓNS PARA SELO”. (Maiúsculas, miñas).

O home é un animal da familia dos Homínidos, depredador, incluso de si mesmo, como intuíu Thomas Hobbes, xa no século XVII, quen o expresou cunha frase latina de Plauto, recollida da súa obra “Asinaria”, “homo homini lupus” (o home é un lobo para o home). E esta actitude parece confirmada polo evolucionismo, xa que está tamén o home suxeito á Selección Natural, e nel actúan, ademais, os conflitos por razón do PODER e a cobiza.

Non esquecemos que o home foi xa capaz na prehistoria de auto–transformarse de cazador en agricultor e gandeiro, domesticando plantas e animais, facendo a chamada revolución agrícola, e máis recentemente a ciencia puxo nas súas mans a capacidade de auto–destruirse, e agora, na Era da Información, vai do brazo da revolución biotecnolóxica e enfrascado no universo da NBIC, que é a converxencia entre as catro tecnoloxías punta que empezan por estas inicias: Nanotecnoloxía, Biotecnoloxía, tecnoloxías da Informática e ciencias Cognitivas.

Todo isto – ven a dicir D. Javier – lévanos á sociedade do risco, na que impera un certo medo. Medo a nosoutros mesmos?!, preguntamos. Si..., pola nosa natureza, pois, como dicía Terencio, se “nada humano nos é alleo”, tampouco o é “o nada inhumano”, e podemos incluír aquí a emerxencia do PODER, e con el o EXCESO, aos que cabe atribuírlles os vicios capitais, que xa tratou Tomás de Aquino, precisamente aqueles aos que a natureza humana está máis inclinada.
Velaquí por que a construción das sociedades humanas estables, con leis e normas para a convivencia pacífica e en colaboración entre os humanos, ESTÁ EN CRISE. E engade o biólogo isto: “A caída da Modernidade comezou e acelerouse coa caída do Muro de Berlín. Posto que o que sucedeu tras este feito histórico orixinou unha sociedade que non ven despois (mediante unha evolución de lóxica histórica?, preguntamos nós), senón que xurdiu dunha maneira abrupta na que todo é distinto, incluso cambiou o substrato material co que se fai a historia”. “O home xa pensa pouco. Goza, sobrevive, malvive ou morre nun mundo inxusto e moi desigual que carece de telos, é dicir, de sentido e propósito”.

Que opinan, insistimos nas preguntas, os lectores de todo isto?. Volvamos aos primeiros parágrafos e tomemos nota das actitudes pesimistas e optimistas. Os primeiros verán, aínda que non compartan as ideas do Dr. Del Arco, un mundo escuro cunha Humanidade camiño do esgotamento, pasando a unha era que xa se chama post–humana, á que teñen un certo medo: Son os deterministas que non esperan nada da intervención dos axentes libres, dos seres humanos, coas esperanzas cando menos debilitadas, porque o home está incluso determinado pola súa cultura científico–técnica. Polo contrario, os indeterministas sempre esperan unha intervención máis ou menos azarosa e positiva, e, consecuentemente, non dubidan que os tempos mellorarán: Teñen plena confianza en que os acontecementos sexan positivos, porque así o veu confirmando a historia, pese aos evidentes desvíos: Son os optimistas.

Non nos consideramos con ningún privilexio intelectual para despachar consellos; pero pensamos que este é un lugar para tomarse reflexionadas precaucións, aplicando comportamentos cautelosos, evitando os excesos. Parece indiscutible que estamos pandando cos avatares dunha nova Era, que sen dúbida vai traer sorpresas. Insistimos, pois, en prepararse para recibilas. O home/a muller evolucionaron adecuadamente; non obstante, queda moito camiño por andar: O pesimismo e o optimismo son actitudes, propensións, a xulgar as cousas polo lado menos positivo ou polo máis positivo, respectivamente; pero as cousas e os eventos soen ofrecernos ambos lados, e xustamente por isto, cada un destes estados ten un lugar propio, e non deberíamos situarnos fora del. Para iso está a cautela.

A nivel patriótico, poderíamos aplicar estes razoamentos á situación política do noso país, de España, cunhas estruturas institucionais que semellan esgotadas (sen excluír as xudiciais!!!), ou, cando menos, debilitadas; pero, ao mesmo tempo, algúns espazos soleados burlan o nubrado e alimentan a esperanza: Alguén iluminado pola intelixencia, e con competencia decisoria, esperemos que DENDE AS PREVISIÓNS GLOBAIS E XERAIS INTRODUZA MEDIDAS PREVENTIVAS CON ACERTO NO CASO DE ESPAÑA, e non perda o tempo RECHAZANDO O QUE HAI, AS REALIDADES ESTABLECIDAS CONTRASTADAS, PARA ACABAR POSTULANDO O QUE NON HAI, algo que foi moi socorrido por quen sentiu o pracer da negación do que agora encontra, disimuladamente, como evidente; e esperemos que se equivocara Nietzsche, cando afirmou que o home era unha pluralidade inmanexable, pois parece que os asesoramentos teñen unha certa acollida.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES