Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Festa dos estradenses - Festa dos 'camiñantes'

jueves, 28 de junio de 2018
Cando se quere festexar, non se pode seguir coa perigosa teima de bater decote o po do camiño, anda que anda, día e noite e sen acougo. De cando en vez hai que se deter á beira do camiño, ollar cara ó verde das veigas alén das silveiras que flanquean o camiño. A fermosura e a paz da paisaxe que vai deixando ó lado o camiñante fan sorrir ás margaridas e tamén ós grilos debullar o seu canto de herbas e fogar. É preciso saltar o valado e aledar a vida e a existencia coa danza comunal e co frescor da herba limpa e fermosa, lavada coas leves pingas de orballo e a primeira raxeira do morno sol do abrente... Cos pés descalzos, áxil o corpo, ó son vexetal da nosa gaita e co salvaxe aturuxo rompendo os aires e o tempo, todos xuntos a danzar e a nos aledar do vivir, da existencia que chega ata nós dende tempos antigos, dende unha gratuidade primixenia!

Porque facer festa é sentirse agradecidos con quen nos deu a vida, co pobo ó que se pertence, coa fala e coa tradición dos nosos devanceiros, cos santos que nos protexen, co Deus que está alén do tempo e que coida, agarimoso, cada historia concreta.

As mulleres e os homes, e ata os rapaces, dos tempos de agora xa case non sabemos da festa comunal, da festa que a todos conxunta e vencella nunha unidade misteriosa ó sabermos que temos todos unha mesma tarefa, que participamos dun mesmo horizonte e duns mesmos desexos e anceios profundos.

A discoteca pode ser o recuncho rebuldeiro de mozas e mozos, a randeeira a dos rapaces, a cunca de viño e o xogo de brisca o de outros... Todo iso e máis cousas son xolda ou divertimento. A festa propiamente é algo máis. No día da festa patronal, da festa de todo o pobo, tódolos espazos se converten en festivos. Rúas e prazas, danzas e cantos e o estalo do foguete nas alturas crean unha unidade nova e sagrada. Son as festas patronais, as festas de todos: vellos e novos, veciños e forasteiros, nenos, mulleres e homes, pobres e ricos...

Cando A Estrada no ano 1582 non era máis ca un pequeno lugar, con só tres veciños, pertencente á parroquia de San Paio de Figueiroa, coido que, aínda sendo tan poucos, saberían xa celebrar xuntos a festa do seu santo rapaz padroeiro, San Paio, martirizado fóra da súa terra. A Estrada era xa daquela “camiño” de ida e volta a Santiago e a tantos outros lugares de Galicia ou de fóra dela. Os galegos –segundo nos conta Estrabón- sempre lles tivemos un certo respecto, tamén relixioso, ás encrucilladas dos camiños. E A Estrada era iso: encrucillada de vieiros e viandantes e, neste senso, lugar de encontro, de paso, non só de camiñantes, senón tamén de almas, de demos, de defuntos. Deus e o seu delegado, San Paio, están aí dende sempre para protexer os estradenses, os camiñantes. Deste xeito a festa queda xa constituída na súa relación coa comunidade e co santo padroeiro: din ben os antropólogos que “comunidade”, “festa” e “santo ou padroeiro titular” forman unha “triloxía” indestrutible.

O “neg-ocio” da traballadora vila da Estrada non perde, non, o tempo co “ocio” da festa. Porque a festa apréndenos a saber sobre a nosa orixe común, a ver que a vida non é só traballar, gañar cartos e afirmarse fronte ós demais, senón tamén e sobre todo sentirse vencellado con todos. A festa rompe co illamento do noso labor cotián. Na festa hai tamén sempre lembranza ritual e fecunda do tempo pasado, ledicia e acougo no presente e esperanza e soños dun porvir mellor. Precisamos as festas para as nosas almas case tanto como o traballo para os nosos corpos.

Os estradenses estamos sempre no “camiño”, na “estrada”. Camiñamos e vemos camiñar. Cara onde imos? O permanente engado da festa é que nela aprendemos a decatármonos de que camiñamos en realidade cara ó mesmo sitio de onde vimos. A nosa meta é a nosa orixe. Non camiñamos cara ó descoñecido. Por iso a festa é ó mesmo tempo sagrada e alegre. Ledicia, estradenses, que estamos en festa! E non esquezamos a copla: “quero cantar, ser alegre, que a tristeza non fai ben; inda non vin a tristeza dar de comer a ninguén”.

(Traballo publicado en "A Estrada. Festas-92. Días 24-28 xuño 1992", p. 42]
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES