Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Poemas de Conchita Paz Montenegro

lunes, 25 de junio de 2018
Poemas de Conchita Paz Montenegro Agradezo a Conchita Paz Montenegro que me convidase a participar na presentación deste seu poemario, porque se non o tivese feito eu pediríalle que me deixase participar.

Hai varias e poderosas razón que me impelen a estar aquí, sendo unha delas a do común orixe nas terras de Vilalba, xa que os vilalbeses e os chairegos en xeral temos unha especial afinidade que nos marca por nacencia e por convivencia.

No caso das Paz Montenegro, e falo así agora en plural, teño con elas unha especial relación, por coñecelas e estimalas desde hai algo máis de medio século, xa que a mediados dos anos sesenta fun compañeiro de traballo de seu pai, Jesús Paz Cabo, e xa en Vilalba tivera gran relación co seu tío Antonio, que o era todo na Academia Santa María, onde eu estudei.

En cando ao seu pai, Jesús, era un home especial, culto, traballador, ilusionante e ilusionado. Naqueles tempos nos que a mecanografía era esencial, Paz –como todos o coñeciamos- era un especial precursor dos ordenadores pola velocidade e pola calidade da escrita. Sabía de todo, aprendía todo, compartía todo; era un exemplo para todos nós, e por maior e por sabio viña ser o noso mestre.

E cando esto digo de Jesús Paz Cabo dígoo das súas fillas, que se os compañeiros aprendemos del, que non sucedería coas que medraron á súa beira.

Daquela Paz comentaba que a súa filla maior, Conchita, mestra, estaba destinada no alto das terras da Pontenova, un lugar entón lonxano – na escola de Vilarmide- en terras que a min me eran coñecidas porque sendo ben pequeño chegara a un lugar chamado Pipín, acompañando uns familiares que viñan da Habana e tiñan familia naquela parroquia.
Poemas de Conchita Paz Montenegro
Do mesmo xeito que tiveron que pasar moitos anos ata coñecer unha especial faceta de vocacional escritor de Jesús, cando vin unhas lembranzas vilalbesas que publicou na revista do Centro da Terceira Idade da entón Caixa Galicia, tamén tardei ben anos en saber que Conchita tiña, aparte da vocación de ensinar, outras querencias relacionadas coa arte –tamén súa irmá Luisa camiña por eses especiais vieiros- e plasmaba en lenzos as súas especiais visións do mundo que a rodea, e agora mesmo lembro un magnífico cadro de paisaxe urbana vilalbesa, premiado hai anos no Certame de Arte que anualmente convoca o Belén de Begonte. E na miña casa figuran en lugar de honra traballos seus cos que xenerosamente me ten agasallado.

Deixei de ser compañeiro de Jesús Paz porque eu seguín en Información y Turismo e el, a idade que daquela nos parecía avanzada, gañou unhas oposicións libres ao Ministerio de Xustiza, e deixamos de convivir para atoparnos pola rúa e pararnos a conversar sobre os máis diversos temas.

Paz era un home fervoroso, e alédame comprobar que desde logo a súa filla Conchita herdou ese fervor, e o transmitiu aos alumnos na súa etapa de docente, evidenciado na forza da súa expresión plástica, e que queda patente nas verbas poéticas que conforman este libro CONVULSIÓNS-CONVULSIONES, das que a primeira impresión que tiven foi a de que posúen “cor”, como se fose quen de plasmar no papel o colorido da natureza, o colorido da vida, que se percorre toda a gama das cores, a intensidade dos negros e dos blancos pode producirnos fortes impactos.

Pero ningún deses impactos, especialmente o das negruras vitais, quere a autora que nos domine, e así un dos pensamentos que abre o libro –e tamén o pecha- avisa: “Cando todo ennegrece no teu cerebro, albisca a lucerna que serpea entre as neuronas, alumándoas”.

Non vou entrar no eido poético xa que, ademais da autora, van intervir dous especialistas na materia. Quero, tan só, asomarme á súa fiestra poética para confesar o meu asombro diante da súa fonda visión do noso papel no universo:

Somos selos
apegados no alcatrán,
sen releve, só unha historia
esvaéndose no chan.

A expresiva crítica social que se respira na súa poética:

Amor á carne de outro.
Amor á carne da outra.
Amor, obxecto mercado.
Amor, escrava paixón,
Amor, doce benestar.
Amor, dor,dor… e máis dor.
Amor aos euros alleos,
quizais o mais grande amor.

E unha terceira mención a un tema de tanta actualidade como a fuxida cara a unha terra de promisión,

Que moitos reventarán
ainda antes de chegar…
Chegar a onde,
Meus pobres…?

Pero quero rematar cun pensamento de esperanza, xa que ao comezo e ao remate Conchita avisa: “Non cruces os lindes da túa mente. Quizais non volvas nunca”. E aí está implícito o maior dos desafíos, se temos en conta que este libro que hoxe presentamos está “dedicado a todas e todos os que valoran os soños e a liberdade”.

Que saibamos soñar, e ser libres; así nos quere, de xeito intensamente convulso, Conchita Paz Montenegro.

(Palabras de Xulio Xiz na presentación do libro CONVULSIÓNS/CONVULSIONES, de Conchita Paz Montenegro)
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES