Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Santa Reliquia de Sabadelle

martes, 12 de junio de 2018
No día de hoxe a igrexa celebra a festividade de S. Juan de Sahagún (en véspera da de S. Antonio). A parroquia chantadesa de Sabadelle lembra a este santo da orde de S. Agostiño, natural da cidade leonesa de Sahagún, onde naceu en 1419 (para o vindeiro ano celébrase o seu seiscentos aniversario), falecendo en Salamanca en 1479. Canonizado en 1690 polo papa Alexandre VIII e proclamado patrón de Salamanca, debido aos grandes feitos milagreiros en favor dos salmantinos. O seu verdadeiro nome era Juan González del Castrillo, afamado predicador e intelectual dunha época convulsa. Foi un excepcional protexido por Alfonso de Cartagena, o famoso e influínte bispo de Burgos, despois da súa tonsura o nomeou seu secretario e cóengo da catedral burgalesa. Mais tarde foi destinado ao Colexio de S. Bartolomeu que a orde de S. Agostiño tiña en Salamanca. Na capital do Tormes foi unxido pola súa retórica xermonística e por seus milagres, que acrecentan grande popularidade. Un deles e cando un neno caeu nun pozo e Juan de Sahagún o salvou, lanzando o seu cíngulo e a auga do pozo foi subindo e entregou o neno ao santo. Outro dos acontecementos milagreiros foi cando un touro bravo creou grande pánico polas rúas de Salamanca, dándose á fuga a poboación, o monxe Juan saíu ao seu encontro e díxolle: “Tente, necio”, e o touro aplacou a súa ira converténdose en animal de paz. Outro deles foi que librou a Salamanca da peste negra. A súa imaxe leva como símbolo un pozo -no caso do de Sabadelle-, e noutras igrexas de Salamanca o pozo e o touro. Sirva esta pequena situación da figura de S. Juan de Sahagún, para verificalo no contexto da parroquia de Santa María de Sabadelle.

Como chegou esta reliquia, ou suposta, á referida igrexa? Foi por vontade e decisión do bispo de Salamanca, Agustín Lorenzo Varela de Temes (O Pazo de Sabadelle, 1776-Salamanca, 1849), de nobre familia e emparentado coa nobreza do pazo de Tor, e doutras familias fidalgas da Ribeira Sacra e non só. Foi párroco de Santo Estevo de Ribas de Miño (Saviñao), cóengo de Lugo e nomeado polo papa León XII, bispo de Salamanca en 1824 ate o seu pasamento. A familia Varela de Temes e a de Tor tiñan grande influencia no reinado de Fernando VII e, mais tarde no carlismo galego, no que o bispo foi un preclaro defensor. Non perdamos de vista que liquidado o réxime do trienio liberal (1820-1823), a maquinaria da Igrexa e do Estado empregouse a fondo para liquidar calquera vestixio do liberalismo intelectual. Agustín Varela de Temes foi elixido bispo de Salamanca, un ano despois do derrube liberal, como persoa de ferro para impor un conservadorismo absolutista fronte aos estudantes e intelectuais liberais da Universidade de Salamanca.

Agustín Varela de Temes lembrouse da súa parroquia natal, Sabadelle, construíndo un enorme igrexario, que ben parece un grandilocuente santuario ou mosteiro medieval, que se asenta nunha antiga igrexa románica. Contoume o sancristán, Luís do Oseira, que corre un dicir pola parroquia, que o bispo Varela de Temes mandou ao párroco que construíra un enorme templo a conta do mitrado, cando a remataron mandáronlle a conta e un deseño do mesmo, e parece que ficou moi desgustado pola conta que lle pasaron, pareceulle tan ridícula que sacou en conclusión que o templo era moi reducido e non como el pensaba. Un recordatorio de bronce lembra ao magnánimo bispo que construíu a oigrexa. Isto vén a manifestar a obstinada ostentación dun bispo principesco do antigo réxime fernandino. Cunha inmensa influencia na corte e no Vaticano. Unha das provas é que o seu parente, José Antonio Ribadeneyra (natural de Buciños) foi nomeado bispo de Valladolid en 1831, por influencia de Varela de Temes que foi o que o consagrou como mitrado.

O vello bispo de Sabadelle -como lle chamaban os vellos- nutriu a esta igrexa dunha reliquia de San Juan de Sahagún, un pequeno óso, introducido nun relicario que era o oráculo para sandar aos posuídos por meigallos. Desde a segunda metade do século XIX até a década dos sesenta do XX, mantívose unha peregrinase á Santa Reliquia de Sabadelle de persoas tomadas por vociferantes meigallos. De neno, pasaban por diante da miña casa de Podente cara Sabadelle, berrando e votando espuma pola boca, e algunhas destas vítimas depresivas ían atadas e conducidas por seus familiares. Lembro ben aqueles 12 de xuño, festividade de S. Juan de Sahagún, nesta igrexa había grandes bruídos e desafíos ante o exorcista de torno. Había un crego exorcista moi famoso que viñera de Cuba e era o párroco de Mourelos do Saviñao, que ía polo día de Santa Reliquia a destronar a meigas e meigallos, nos primeiros anos da década dos sesenta. Naqueles anos impúxose a medicina preventiva dirixida por psicólogos e psiquiatras que curaron as grandes depresións e doenzas que aterraban ao medio rural galego. Esta foi a causa de que os maleficios satánicos desapareceran e a Santa Reliquia de S. Juan de Sahagún tamén.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania