Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ‘Caminho Longo’ de Oliveira Guerra

miércoles, 03 de octubre de 2007
O Caminho Longo de Oliveira Guerra "Caminho Longo. Antología de sonetos de Manuel Oliveira Guerra" foi apresentado no pasado 21 de xullo en Viana do Castelo, cidade histórica das relacións culturais galego-portuguesas, e anteriormente no Porto, polo profesor Salvato Trigo, quen tamén é autor do prólogo. A presentación, á que non faltou unha pequena representación de galegos do Norte, entre eles quen isto asina xentilmente convidado pola filla do poeta e a Cámara da cidade do Lima, tivo lugar durante a Feira do Livro alí celebrada e nun horario desusado entre nós: as 10 da noite para rematar case á media noite. Estivo envolvida, ademais, por unha exposición con paineis sobre a vida e a obra do autor.

A súa filla, Maria Virgínia, tamén poeta con obra de interese, leva tempo empeñada na recuperación e divulgación da obra do seu pai. Xa anteriormente conseguiu publicar Esta cidade que eu amo (1999), poemas que Oliveira dedicou a Porto, e Escritos. Dois Contos e Alguns Poemas (2002, que recolle algúns dos poemas “galegos”), ademais de contribuir a espallar na Galiza varias coleccións da vella revista Céltica que ficaran na súa casa.

Caminho Longo é o título -que xa utilizara Oliveira para un seu libro de prosa (1963) e que el quería que envolvera toda a súa obra- desta antoloxía de sonetos dos seus poemarios publicados en vida: Padre Nosso (de 1932, que causou escándalo na época entre a reacción católica, reeditado en 1960), Ave Maria (editado en 1960 e redactado pouco despois do anterior), Algemas (1963), Coisas desta negra vida (1963). Ademais de “Diversos, inéditos e dispersos”. Fican fóra, curiosamente, os poemas que dedicou á Galiza en diversas revistas e xornais e cos que pensou facer un poemario que titularía Maruxa, por non adoptaren a forma clásica do soneto. Na coidada edición da Papiro editora inclúense tamén varios documentos gráficos, rematando as suas 278 páxinas un posfácio de Jorge Listopad. Leva na capa o retrato (semella que a pruma) que lle fixera o seu amigo Carlos Carneiro (fillo do célebre pintor António Carneiro) e que debía ser grato a Oliveira pois reproduciuno en varios dos seus libros.

No 2005 completouse o centenario do nacemento de Manuel Oliveira Guerra (Oliveira de Azeméis, 1905- Porto, 1964), persoa moi vencellada á Galiza e que a principios dos anos sesenta esforzouse por criar pontes culturais entre os dous países coa creación do frustrado Círculo de Estudos Galaico-Portugueses e a sua concreción máis afortunada: a revista Céltica, obra cuase persoal de Oliveira Guerra, que conseguiu sacar catro números (sen publicidade nen axudas oficiais) antes da súa morte en 1964.

Amigo de Garcés, de Leandro Carré (outro impulsor das relacións galaico-portuguesas); de poetas mozos como Manuel María ou Pura Vázquez…; dos nosos vellos poetas e en especial de Rosalia, de quen tiña un retrato na súa casa; de galegos máis anónimos ou descoñecidos; amigo, en fin, da Galiza, coa que mantivo unha relación de amor dende a infancia e da que foi un xeneroso e fiel propagandista nuns tempos dificiles para a nosa cultura e a nosa lingua. Cando Oliveira Guerra estaba a recuperar unha actividade literaria que interrumpira en plena xuventude, coa edición dos seus textos elaborados durante anos, chegou a sua morte inesperada sen chegar a cumprir os sesenta anos.

Na poesía de Oliveira atopamos ecos de Guerra Junqueiro na crítica xuvenil ao catolicismo e mesmo de Antero de Quental. E, sobre todo, unha tristeza antiga que o acompañou toda a vida dende os tempos de adolescente internamento hospitalario, agrandada polo choque entre os seus anceios e ideais literarios e a prosaica realidade cotiá que lle obrigou a pospoñelos até os últimos anos da existencia. Mais non imos valorar a súa poética (que sentimos e estimamos), cousa que non nos corresponde nin para a que estamos preparados. Só transcribiremos este resume telégrafico do profesor Salvato Trigo, un galego do Sul como se definiu na presentación, quen atopa tres ideas forza na súa obra: “intimista nos seus propósitos, coloquial no seu estilo, sensorial na sua semântica.”
Torres Regueiro, Xesús
Torres Regueiro, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES