Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

E logho elas... que? (2)

martes, 05 de junio de 2018
2. Jacinta Landa Vaz

Naceu en Badaxoz ou 3 de novembro de 1894, e foi a terceira das fillas da familia formada polo E logho elas... que? (2)avogado Rubén Landa Coronado e Jacinta Vaz Toscano.

A familia, laica e librepensadora, tivera amizade con Nicolás Salmerón Alonso (efémero presidente na Iª República) e de Francisco Giner de los Ríos, fundador da Institución Libre de Enseñanza (ILE). Pola súa vez, tiña vínculo familiar e de amizade con Manuel Bartolomé Cossio, alumno e posteriormente profesor e director da ILE.

Pola súa vez, Jacinta é irmá doutra muller moi relevante: Jacinta Landa Vaz (Badaxoz, 1904 - Palma de Mallorca, 1942), militante comunista represaliada pola ditadura, que se suicidou no cárcere por non renunciar aos seus principios bautizándose, que era o que o réxime quería dela, para utilizala como propaganda da “conversión” dunha comunista.

Pola ideoloxía da familia e os seus vínculos con Giner de los Ríos e con Cossio, as tres fillas (Aida, Jacinta e Matilde) e o fillo (Ruben) estudaron na ILE.

Rematado o bacharelato, Jacinta estudou maxisterio e especializouse no ensino de nenos e nenas cegas e xordomudas. Neses anos, Jacinta coñeceu ao que sería o seu compañeiro de vida: Xoán Vicente Viqueira López-Cortón, tamén estudante na dita Institución, e casan polo civil en 1917, rasladándose a vivir a Galiza (país de orixe de Xoán Vicente), primeiro á casa familiar e logo á Coruña, onde ingresan na Irmandade da Fala e contribúen decisivamente á fundación das «Escolas do Insinho Galego», inspiradas na filosofía da ILE. A influencia de Jacinta neste proxecto é decisiva.

En 1924, falece o home. Jacinta enviúva con dúas fillas (Luísa e Carmen) e un fillo (Jacinto), cando Luísa, a máis vella, tiña seis anos. Decide pouco despois marchar a Madrid, para comezar a traballar como mestra. Desde este momento, a súa actividade pedagóxica e política é inmensa:

É cofundadora do Lyceum Club Femenino Español, que comeza a súa andaina en 1926, e no que están, entre outras, Victoria Kent Siano, María de Maeztu Whitney e Zenobia Campubrí Aymar. O Lyceum Club foi a organización máis relevante do feminismo do estado, naquela altura, en plena ditadura de Primo de Rivera e sen crearse as múltiples organizacións que comezaron durante a IIª República.

En 1928 funda, xunto con José Castillejo Duarte, a Escuela Internacional Española, da que foi profesora e directora ata 1933.

En 1930 afíliase á UGT e, en 1931 contribúe á creación da Federación Española de Trabajadores de la Enseñanza (FETE – UGT).

En 1933, parece que debido a discrepancias con Castillejo, abandona a Escuela Internacional Española e funda, xunto con outras profesoras que tamén marcharan canda ela, a Escuela Plurilingüe, da que tamén é profesora e directora ata 1936. Polas súas aulas pasaron, entre outras personalidades da cultura, coma a escritora Encarnación Aragoneses de Urquijo (coñecida como Elena Fortún) e o tenor Miguel Ángel Burró Fleta (coñecido como Miguel Fleta).

Tamén en 1933 estuda obstetricia e obtén o título de matrona, chegando a exercer como tal nalgún momento daquela altura.

O golpe de estado fascista sorprende á familia en Galiza, pasando o verán nunha casa alugada en A Lagoa - Gandarío (concello de Sada). Non está claro se pasando as vacacións ou (tamén) acompañando unha colonia infantil desde Madrid. O caso é que, vista a gravidade da situación, deixan a casa e marchan para a finca familiar (en Vixoi), percorrendo a pé os 8 quilómetros que separan ambas vivendas. Alí úneselles Aida, a irmá de Jacinta, coas súas crianzas, que viña fuxindo de Badaxoz tras a masacre que fixeran as tropas do xeneral fascista Yagüe, na que asasinaran, entre outros milleiros de persoas, ao seu home, o médico Florencio Villa Pérez.

En Vixoi son axudadas por amizades e veciñanza, que mesmo lles proporcionan alimentos para que poida sobrevivir tanta xente... e así fican na Galiza ata abril de 1937, no que son evacuadas nun barco inglés, que as deixa en San Juan de Luz (Iparralde) para, aos poucos días, iren nun coche ata Barcelona e de alí a Valencia, onde se fai cargo dunha colonia infantil de nenas e nenos evacuados, que fundara pouco antes Casimiro Mahou Olmeda, único membro da familia Mahou (propietaria de 'cervexas Mahou') que defendeu a República, mentres o resto apoiaba o golpe fascista.

Jacinta traballou desde aquela para o Consejo Nacional da Infancia Evacuada (CNIE), sendo primeiro delegada local, despois rexional e, por último, estatal. En febreiro de 1939 pasa a Francia, onde continúa desenvolvendo unha importante actividade de axuda ás crianzas evacuadas e á xente que fora internada nos campos de concentración do sur do país, proporcionándolles alimentos e roupa, e axudando a que encontren ás súas familias. Este foi o caso, por exemplo, de Rafael Dieste Gonçalvez, recluída no campo de Saynt Ciprien, ao que finalmente reuniu coa súa compañeira Carmen Muñoz Manzano, que se atopaba en París. Nun destes campos atopou tamén ao seu propio fillo, Jacinto Viqueira Landa.

En xullo de 1939, embarca con Jacinto e Carmen cara Londres, onde agardan para reunirse con Luísa, que botara boa parte da guerra na URSS, como mestra de crianzas evacuadas, e con Carmen López-Ganivet Landa, única filla da súa irmá Matilde, que fora enviada á URSS por súa nai. A familia embarca entón cara a Nova Iorque, desde onde viaxa a México, onde a agardaba Casimiro Mahou cunha casa alugada, para se instalar definitivamente. Aí inicia Jacinta a relación de parella con Casimiro, que sería o seu segundo compañeiro de vida.

Nos primeiros tempos, Jacinta traballa como mestra infantil no colexio Ruíz Alarcón. Pero a década dos 40 non foi boa para Jacinta. En 1942 recibe a mala nova do suicidio da súa irmá pequena, Matilde Landa Vaz, no cárcere de Palma de Mallorca; en 1949 o seu xenro, Rafael Rodríguez Torres, dirixente comunista e compañeiro de Luísa Viqueira Landa, aparece morto dun tiro na fronte.

É neste período de exilio, aproximadamente a mediados da década dos ’50, Jacinta decide gravar unha serie de cantigas populares de Estremadura, Portugal e Galiza. En Badaxoz aprendera as estremeñas, durante a infancia; tamén as portuguesas, que lle aprendera súa nai, Jacinta Vaz Toscano, que era de Évora. En Vixoi e na Coruña aprendeu as galegas, nos anos que alí viviu. Queríalle deixar este legado ás súas netas e netos. Por iso, foi a un estudo de gravación e alí cantou, a capella, todas as pezas que aprendera.

Desde México, o país que a acolleu en 1939, fixo dúas viaxes a Galiza. A primeira en 1962 e a segunda en 1973. Só foron visitas. Nunca se propuxo quedar.

Jacinta faleceu en México, o 13 de xullo de 1993. Ven de ser publicada recentemente a obra. O legado sonoro de Jacinta Landa Vaz (libro + CD), de José Luis Pico Orjais, Domingos Morais e Pilar Barrios Manzano, que recompila o repertorio musical de Galiza, Portugal e Extremadura que Jacinta gravou en México, durante o seu exilio. Veñen precedidas dunha biografía (da que obtivemos algúns dos datos que aparecen aquí). É precisamente unha das netas, Jacinta Palerm Viqueira, antropóloga e profesora na UNAM, quen as conserva e llas facilita ás autoras do libro. Altamente recomendábel.

3.- Aurora Liste Forján
Naceu en Ameneiro, un lugar da parroquia de Calo, no concello de Teo (A Coruña), en 1916, no seo dunha E logho elas... que? (2)familia labrega. Era das máis novas dunha prole de seis irmás e irmáns, un dos cales foi Enrique Liste Forján, coñecido como Enrique Líster, un dos comandantes do “V Regimiento” e posteriormente xeneral do exército na URSS.

Igual que outras moitas mulleres do rural galego naquela altura, case non foi á escola e, ata moitos anos máis tarde, non aprendeu a ler e a escribir.

Traballou desde moi pequena e o seu oficio era o de leiteira. Ela e a súa irmá Manuela mercábanlle leite á xente que tiña vacas na súa parroquia e íana vender a Compostela, carrexándoa nunha caldeireta que levaba 45 litros, pousada sobre a cabeza. A diferenza das empresas leiteiras da altura, que lle pagaban a quen a vendía con un ou dous meses de demora, elas pagaban en man, ao collela. Malia aos seus escasos estudos, sempre levaron a contabilidade do seu traballo.

Aurora era comunista, igual có resto da familia e, por iso, foi detida cando o golpe fascista, estivo no cárcere e, desde que saíu, volveu ao seu oficio de leiteira.

Cos anos sacou o carné de conducir e mercou unha furgoneta pequena (unha 2CV) para poder repartir o leite con maior comodidade e sen cargar con ela na cabeza, e así comezou a andaina daquela 2CV, que Aurora lle prestaba á xente da esquerda na clandestinidade para o que a precisaban, o que xeralmente era para levar xente, ou panfletos e outra documentación. Tamén sempre colaborou economicamente coas caixas de resistencia que se organizaban para soster as familias dos obreiros en folga.

No ano 1973 abandonou o PCG e comezou a militar no PCOE, fundado na altura polo seu irmán Enrique, pero isto non lle impediu seguir colaborando solidariamente coa xente doutras organizacións da esquerda, perseguida de mil maneiras pola ditadura.

No ano 1977, con motivo das primeiras eleccións tras a morte de Franco, o PCOE organiza un mitin na Alameda de Compostela. Non resulta do agrado dun sector de xente do PCG e alí se presentan a expresar o seu incomodo. Aurora, presente no mitin, fai uso da palabra, dicindo: «Os tempos cambiaron, non sei que lles pasa ás esquerdas que sempre andan esturruando uns contra outros, os inimigos son os fascistas...», lembrando así os inconvenientes da división e, en consecuencia, pedindo a unidade.

No ano 1982, presentouse ás eleccións xerais, como terceira integrante da lista do PCOE.

A comezos dos anos ’80, participou activamente nas loitas contra a cota empresarial, pola que se consideraba empresarias ás familias propietarias de pequenas explotacións agrarias e gandeiras, asoballándoas ata arruinalas... e non pararon ata que lograron suprimila.

Aurora faleceu en Calo, en 1984, cos seus ideais comunistas intactos e despois de toda unha vida de loita contra a ditadura.

Na alameda de Compostela hai unha escultura de granito, feita por Eiroa, na que figura a lenda “A leiteira de Calo”. A dita leiteira, mellor dito leiteiras, eran as irmás Aurora e Manuela Liste Forján. O Concello aínda non dispuxo que figuraran os seus nomes, malia terllo pedido varias veces.

(Seguirá...)
Ferreiro Díaz, Lola
Ferreiro Díaz, Lola


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES