Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Miguel: a fonda rodeira

miércoles, 23 de mayo de 2018
Meu querido amigo:

A semana pasada fúcheste silandeiro e a nós sorprendeunos a túa partida nun gume frío de inmenso baleiro. Sabía que a túa presenza era necesaria, contundente e imprescindible. Sabía, tamén, que os baleiros acostuman a ser directamente proporcionais ás presenzas e, polo tanto, o teu é moi duro. En cambio, non me podo crer que non te volva ver, que o teu sorriso se apagou e que xa non vou provocar máis aqueles ollos pillos con picardías que devalaban en gargallada.

Non, non podo a pesares de tantas persoas, tantas amizades que agarimaron a túa despedida. De súpeto, entre aquel amor que ti desprendías, fun debuxando o teu legado. Descubrín toda esa filosofía da alegría que presidiu a túa vida e que fica como exemplo para nós. Encarnaches unha felicidade sinxela que, con pouco ou con case nada, fai momentos inesquecibles porque nunca che fixeron falla as verbas para provocar emocións, bastábache estar e mirar para dar intensidade en amor puro. Os que tivemos a gran sorte de terte vímonos obrigados a renegar da tristura, dos patéticos buscadores de milagres lacrimóxenos e dos cotillas escabrosos choromiqueiros. A túa amizade foi a fonte de inspiración para unha loita inmensa da que sempre fuches parte activa e na que deixas unha fonda rodeira.

É moito, Miguel, o que nos deches, o que temos que agradecerche porque a túa mirada desfixo o silencio da túa voz e berrou con ela unha nova revolución. En cada son falábasnos da vida, da marabillosa oportunidade que nos tocou en sorte e da responsabilidade de aproveitala ao cen por cen. O teu legado é un campo de sinxeleza onde sementar porvir e o teu recordo tórnase un alicerce que nos fai soñar.

Segues en nós e con nós. Xuntos camiñamos e seguimos soñando para facer unha realidade mellor. Ti, coa túa fonda presenza, acompañarasnos sempre e cada riso será unha homenaxe a ti. Por iso agora mesmo te imaxino ao meu carón, ríndote de todo e amosándome que só iso, só o riso, é o que transcende na vida: esa fonda rodeira que nos eterniza en ledicia.

Oes, goza moito do paraíso: anda todos os camiños, vai a todas as festas, baila baixo a choiva e deixa secar as feridas ao sol. Alí nos veremos un día no que volverás a exercer, para min, de capitán na travesía das ledicias.

Unha aperta dende esta fonda rodeira na que seguimos e na que sempre irás con nós.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES