Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vai por tí, Xosé Manuel!!!

martes, 08 de mayo de 2018
1.- O pasado sábado, día 5 de maio, tiven a honra de participar no homenaxe a Xosé Manuel Carballo. A miña Noraboa ao seus queridos Baluros pola iniciativa. Seguín sempre a súa traxectoria e sentinme coma na casa porque algúns do grupo son como da familia… Foi un acto moi participativo no que se nos fixo pouco o tempo asignado porque cobraban vida tantos recordos… Recordos que vou resumir e concentrar a modo de decálogo e nun estilo coloquial. Así era a nosa maneira de falar.
Vai por tí, Xosé Manuel!!!
2.- Se tivera que poñerlle título a este comentario diría “Que che vou dicir eu a ti”! porque era algo que Xosé Manuel me repetía moitísimas veces. Sei que fun un dos seus referentes. Sirva de aclaración que tiven a polio aos 3 anos. Deixoume graves secuelas que non me impediron levar unha vida normal. Unha “minusvalía” forma parte da diversidade humana e simplemente hai que aprender a convivir con ela. A de veces que “filosofamos” os dous sobre este tema.

3.- Coñecino no Colexio Ramón Falcón de Castro de Rei a onde fun ver unha obra de teatro. Invitoume a comer cos mestres e iniciamos unha charla que remataría nunha gran amistade. Non me lembro que pintaba eu alí, porque diso hai moitos anos. A partires dese momento, estivemos sempre en contacto. Compartimos un montón de actividades, desde programas en Radio Popular ata un encontro co papa Xoán Paulo II pasando por conferencias, mesas redondas, actuacións... De cada unha conservo na memoria a “anécdota” correspondente. Por encima de todo vou destacar a súa colaboración con Auxilia. Tamén a dos Baluros (teatro).

4.- Sempre estivo presente nas miñas cousas boas e non tan boas e eu nas súas; pero desde que fun traballar a Castro, moito máis. Para darse unha idea e a modo de exemplos:
-- Escoitei eu antes que Fraga o discurso con motivo da inauguración das fontes ou depósitos de auga de Quintela.
-- Aínda debo ter proxectos, escritos… da Residencia que se fixo nunha parte do colexio.
-- Un día deixei atónitos a uns compañeiros contándolles o que fixera nunha actuación de maxia. Dixéronme, non te vimos alí. Claro, eu non fora; pero antes estivera el na miña casa.
-- Ata teño o borrador dos primeiros capítulos dun libro no que estaba traballando.

5.- Despois do accidente en Vilalba, patentou a frase “Que che vou dicir eu a ti”! Fun a visitalo ao hospital cando collía as muletas por primeira vez. Lembro que lle angustiaba moito ter as mans ocupadas, mans das que tanto gozamos nos seus xogos de maxia. Como se fose unha premonición, en varias ocasións actuou cun dos meus bastóns para contar un conto sobre a Seguridade Social. Ao pouco tempo escribiu un relato moi longo sobre o seu que aínda conservo. Cando o nomearon Fillo predilecto, deixei unha adhesión por escrito na que lle copiei un cachiño do relato. Díxome que ao empezar a lela xa me recoñecera. Normal, quen lle ía a falar de bastóns? Vóullelo repetir: “Pasar paulatinamente, e ao longo dun ano, dunha cama hospitalaria de traumatoloxía dotada de mil deprimentes artiluxios a un sillón, dun sillón a unha cadeira de rodas, dunha cadeira de rodas a dúas muletas e de dúas muletas a un só bastón…, foi unha experiencia de reconquista de liberdades que nunca poderei borrar do meu arquivo de vivencias máis profundas”. Toda unha lección de vida.

6.- Aínda moi convalecente, quixo ir actuar ao meu colexio de Alfoz. Eu preocupada, mandei buscar unha alfombra á miña casa para poñerlla no escenario. A de veces que me deu as grazas porque, ao parecer, tiña previsto non moverse moito para non esvarar. Dicíame que importante é poñerse no lugar do outro…

7.- Nos comezos da súa enfermidade falaba moito comigo porque sabía que tiña, polo meu traballo, afonías de vez en cando. Lembro a súa alegría un día que lle recomendei un sprai. Claro que o seu non era cuestión de sprai. Ultimamente preguntábame se tiñan fácil acceso algúns sitios aos que tiña que ir, por exemplo o Círculo das Artes de Lugo ou o Auditorio de Vilalba. Sempre empezaba así: “Ti has de saber…” Neses momentos, falabamos no “mesmo idioma”.

8.- Os cabreos que tivemos para que se coidara vounos deixar a parte. A última vez que estiven con el foi nunha comida que organizou con Irina, unha soprano rusa que coñeceu na miña xubilación. Con toda razón, quedou prendado da súa voz e levouna a varios eventos. Tíñanme a min de intermediaria e asegúrolles que non me era fácil coordinalos. Nesa última comida non parou de “falar por un tubo”, outra expresión moi oportuna e a que lle sacou moito partido. Estaba ao seu lado para traducir e, pobre de min, que me despistara.

9.- Cheguei a conclusión de que non lle podía contar as cousas con moita antelación porque, do contrario, xa se poñía a argallar algo. Precisamente vou comentar unha anécdota que me custou algunha discusión para paralo. Paréceme oportuno compartila agora porque ten relación co Concello de Castro de Rei e, de paso, deixo caer unha reivindicación sobre a falta de accesibilidade do seu Centro Cultural. Estiven 16 anos dando clase no colexio Veleiro Docampo de Castro. Un curso programouse unha visita ao Concello. Eu non fun, pero preparei a visita que xiraba en torno a coidar o medio ambiente. Cando chegaron de volta dixéronme os compañeiros: “Vaia sorpresa te vas levar...” Por moito que preguntei, non me contestaban porque querían ser os nenos quen mo contaran así que tiven que esperar á tarde. Resulta que ao rematar a reunión, unha nena, coa que sigo en contacto, propuxo en nome do curso, que “por favor se puxera un ascensor no Concello para que a súa mestra puidera acompañalos”. Repetín as palabras textuais que utilizaron eles. Pasado un ano e medio máis ou menos, había un ascensor. É evidente que non se puxo por iso, pero para min queda ese emotivo recordo do meu paso por Castro. Por certo, teño que ir a estrealo. Sei que Xosé Manuel viviu ese acontecemento como algo propio e quería recoñecerlles publicamente o detalle.

10.- Empecei falando dun decálogo así que teño que rematar. Estes sinxelos recordos, entre outros moitos, formaron parte do noso cariño, da nosa amistade, das nosas risas e da nosa sintonía por compartir dificultades no día a día; pero, sobre todo, por saber afrontalas. Vai por ti, Xosé Manuel!!!
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES