Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A fondura da raíz

lunes, 07 de mayo de 2018
Parece ser que o Goberno da Xunta está a traballar, e aprobará este ano, o primeiro Plan de dinamización da lingua galega na mocidade. LausDeo! O conselleiro de Cultura e Educación e a directora xeral de Xuventude presentaron o 17 de abril o documento marco a partir do que se pretende elaborar o devandito Plan en conxunción con axentes e institucións implicados. Recollidas as achegas que estes poidan aportar, e despois de ser analizado no Consello da Cultura Galega, na Real Academia Galega e no Parlamento de Galicia, hase proceder. Agardemos que ás dúas primeiras entidades as teñan máis en conta ca no arteiro e capciosamente chamado Decreto do plurilingüismo. Ben, caso si lles fixeron, mais caso omiso.

Pretenden un proceso “participativo e aberto”, benvido!; unha “ruta realista e útil”, benvida!; co obxectivo común de “incrementar o uso do galego por parte da mocidade”, horas era! Sinalou o conselleiro que “os mozos e as mozas son o futuro e, por tanto, os que poden garantir o futuro da lingua galega”. Recórdame isto cando hai uns tres anos a Radio Galega abría as novas das oito da mañá, entre gran expectación, cunha senlleira alocución do Sr. Presidente manifestando que para que Galiza tivese máis nenos os galegos e as galegas debían ter máis fillos. Siloxismo razoable el! A montaña pariu o seu rato.

Lembra o conselleiro, ademais, que neste momento o sistema educativo garante o coñecemento do galego, coas porcentaxes máis elevadas da historia nas distintas competencias (entender, falar, ler e escribir). Discutible, talvez, non como debería e unicamente con posibilidade nalgunhas disciplinas. Mais, o que si é certo, co menor uso da súa historia, tamén entre a mocidade. Son profesor de latín e grego, que eu saiba non hai un só libro de texto para latín en galego, aínda que eu poida optar por impartir a materia en galego; para grego, que eu saiba, só hai un. Ese é un pequeno exemplo das garantías e o compromiso do sistema educativo co galego. Os que estamos dentro coñecemos ben esa falacia.

“Agora é o momento de fomentar o uso”, ata agora non, entendo. “Un documento participado polas entidades que desenvolven a súa actividade no campo xuvenil... e mesmo cómpre a implicación de todos os sectores implicados”. Loable. Será verdade? Viñemos dar ao esqueleto, deámoslle vida. Con que? E a raíz? Onde está a raíz nutritiva? Importaralles iso? Se non se afonda nas causas de semellante fracaso, seguirá a ser como ata agora, un fracaso. A unha lingua non se lle dá vida só coa gramática e a actitude continua de desprestixio na práctica.A miúdo pódeselles escoitar aos nosos gobernantes e políticos expresións como “... e eu vos digo...”, que dubido, se se criaron aquí (se non, penso están exculpados), llas escoitaran a seus pais. Creo sería bo que tentasen falar coma os nosos devanceiros, e non me refiro agora soamente ao léxico. Pretende ser isto outra mínima mostra.

Os rapaces e rapazas, os mozos e as mozas, acaban falando como se lles fala; acaban dando importancia, valor, estima ao que os educadores, os pais e nais, os gobernantes, os medios de comunicación e maiormente os amigos e a sociedade dan importancia, valor, estima. Aludo agora á dignificación, ao convencemento, á querenza polo que un foi e é. E neste eido os gobernantes si poden facer algo. Palabras e actos de pertenza e loanza á lingua non faltan, mesmo subvencións nos centros de ensino e a outras entidades tamén privadas. Pero, serviron de algo? Non. Nunca tan pouco falou e usou a lingua a mocidade. Rexa certeza. A raíz? Négome a crer que unicamente a sociedade e o mundo envolvente termen do por qué. O amor non se realiza só cun micrófono diante.

Ata falan de superar vellos prexuízos. Axiña esquecen o ano 2009 e adxacentes, cando latricaban da imposición do galego e ignoraban que en Zamora, por exemplo, impoñían o castelán. Benvida sexa a superación deses prexuízos, mais falta fe para crelos. Eles, os grandes promulgadores do bilingüismo e os grandes actores da diglosia.

Non hai moito conversaba cunha persoa de 86 anos. Toda a súa vida en Galiza, tamén o servizo militar, e podemos supoñer que un 95% dela, ao menos, falando galego, primeiro nunha aldea e logo nunha vila. Mais sostiña que el no que se desenvolvía ben era en castelán. Iso si, cando lle falan en castelán pide ao interlocutor que lle repita. Esta consideración de si mesmo manca, doe, vén de lonxe, como o trataron?. Esta persoa ten falta de aprecio.

Soa moi ben todo o que propoñen na elaboración deste Plan: participativo e aberto, realista e útil, todos os axentes implicados...Se así o cren e senten, de non sentíreno han ser foguetes mollados, aínda tarde, benvido sexa. Non estraña oílos falar así, as palabras aguantan o que lles poñan, as obras acostumaron a ir sempre pola banda contraria, no concernente á nosa lingua. Levamos anos, anos, de mingua de falantes, sobre todo na nenez e xuventude. De súpeto amósanse iluminados e a carón da realidade. Agardemos que non sexa outra aparencia máis, xa que a orixe da raíz, para eles, parece estar fonda, allea, moi fonda. Se non, talvez axiña deamos co trapo no inferno.
García Penas, Fernando
García Penas, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES