Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Dina Mita

lunes, 07 de mayo de 2018
Dina Mita Dina Mita é ante todo unha resposta. Algo polo que agardabamos, algo que necesitabamos. Esa esperanza que sempre queda no fondo da caixiña de Pandora. Por iso deixamos que nos contase tantas cousas que xa sabiamos, aínda que nos negabamos a aceptalas. É duro que sexa unha nena quen teña que sacar a relucir os disparates dun mundo que se vai derrubándose por todas as súas ladeiras.

Con todo, esa mestura de inocencia con sabedoría, coa lóxica lineal que só posuímos na infancia e que tanto nos custa conservar nunha adultez cada vez máis comprometida coa subsistencia, ten a virtude de espertarnos. De actuar como alarmas que nos lembran que non todo vale. Que a repetición de actos inmorais non os converte en morais. Que a desvergoña de certos gobernantes non nos pode subsumir a todos e a todas nunha cegueira intermitente. Que o disparate é disparate sempre, se eufemice como se eufemice.

Dina Mita ten inquietudes, soños, queixas, dores polas inxustizas de cada día, propostas e esperanzas. Trae de fábrica unha carga enerxética que a predispón a non claudicar, a ser unha Pepiña Grilo que apunte directo ás conciencias adormentadas. Unha Alicia caendo continuamente en caixas de galletas e perseguindo ao señor coello para pedirlle explicacións. Así, é no seu imaxinario infantil, estimulado por unha realidade que non acaba de aceptar, que teñen lugar as máis desopilantes historias. En ocasións enormemente graciosas, tinguidas desa inocencia que ten como nena. Outras veces, o seu humor vólvese amargo, acedo, mesmo negro.

A madureza que vai adquirindo a medida que penetra no mundo dos adultos, consegue que as súas reflexións desprendan un deixo de impotencia. Unha dor polo que barrunta fatalmente inxusto.

Dina Mita somos nós, cando nenas, cada unha de nós e as súas caixiñas de dúbidas e propostas. O temor que leva asumir que medrar significa irremediabelmente aceptar moitos feitos inaceptábeis, e a alegría de sentilos lonxe, incapaces de facernos dano.

Esta nena non é unha sabichona ao uso, é unha persoiña preocupada por la deriva dos acontecementos que lle tocou vivir, e que desexaría exorcizar para que seguisen de longo. Naceu nun mundo que odia ás mulleres, ela percíbeo claramente, e é unha nena. Naceu nun mundo que padece aporofobia e atópalo de cotío, tomando partido polos máis débiles, eses que se estrelan todos os días contra as portas de todos os reinos. Naceu nun mundo no que os que teñen poder o mal usan, canalízano no seu propio beneficio. E todas esas contradicións e inxustizas lévana a preguntarse, con moita ironía, se sempre será así, se non haberá algunha posibilidade de que algo cambie dalgún xeito. Aínda que sexa con cargas simbólicas de dinamita que estalen contra tanta tolemia xeneralizada.

Non queda nada na sociedade que non sexa cuestionado por esta nena. E iso é porque esta sociedade é moi cuestionábel. Claro que ela o fai dende a candidez que achega a infancia, e converte en pequenos gags, ás veces como bombas fétidas, cada episodio que chame a súa atención. Posibelmente, oxalá, Dina Mita encarne o espírito inquieto e asertivo das nenas do futuro. Unhas futuras mulleres capaces de ser libres sen que lles vaia niso a vida, unhas mulleres pares dos seus compañeiros en todos os ámbitos, unhas persoas que poidan elixir ante cada circunstancia o que consideren mellor para o seu desenvolvemento. Porque se hai algo que precisa o século XXI é a millóns de Dina Mitas que transformen, con empatía e firmeza, os restos dunhas sociedades que necesitan cambios profundos e estábeis, para que podamos, á fin, ser todas e todos un pouco máis felices.

(Palabras de Encarna Lago -Xerente da Rede Museística provincial de Lugo- na presentación de "DINAMITAdos-El despertar de la ironía", de Ticiana Ghiglione Darriba).
Lago, Encarna
Lago, Encarna


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES