Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Raúl Río

miércoles, 11 de abril de 2018
Hoxe comprácenos moito a celebración á que nos convocades a Asociación Lareira dos Soños. Hai varios motivos, un deles é o de poder estar xuntos precisamente aquí, na súa terra, e facernos tamén, con el, partícipes deste agasallo. Si, hai algo de reconfortante cando teñen consideracións de calquera tipo con un amigo, e é posible chegar a este encontro feliz con Raúl, cando resulta ser recoñecido. Aínda hai outro moito máis importante que é o de estar –dalgún xeito- coa súa presencia nas nosas vidas. Ás veces o custo é caro, cando falamos -de amigas e amigos- e que botan moito tempo fóra. A empatía que pode xurdir entre dúas persoas, resulta parecer apoloxía –ao falar así- dalgo compartido para botarse un farol, unha esaxeración ou pretender dar canle a envexas alucinadas polo exceso.
Raúl Río
Pero non é o caso. Veredes, pois certamente somos moito do que fomos e somos unha prolongación da terra. Somos produto da xenética e das circunstancias que nos foron envolvendo e ditaminando. Pero tamén somos moito do que cultivamos, en ideas, relacións, honradez e –para min, perdoade que así me exprese- a humildade das persoas, que é un trazo espectacular, cando se produce. É certo, dentro das características que me chaman máis poderosamente a atención está ese estar con tan pouca presenza e aínda menos alboroto. É o caso de Raúl cando non se deixa apercibir e está tomando nota fotográfica de toda a xente.

Poucas relacións humanas son tan importantes e espertan tantos pensamentos e consideracións que senón, non se producirían. Posiblemente sexa a relación máis importante entre os humanos, incluso máis –din algúns- que o propio amor. O certo é que se pode comprender como unha forma de amor e así Aristóteles afirmaba que dous amigos comparten a mesma alma en dous corpos. Tamén, e despois de moitos estudos, sábese que é bo ter eses poucos bos amigos e prescindir dos que –parecendo ser- non o son. Eses poucos son beneficiosos para a saúde porque nos fan felices, Din os estudosos que hai catro círculos de amizade, un primeiro “o da distancia corta”. Son amigos todos os días, en todas as circunstancias, as de sempre, os oportunos, necesarias, os mellores! Están sempre cando as cousas van mal e caben nos dedos da man. Son poucos pero exclusivos, nunca distantes para ningún tema -por dificultoso que poida parecer-, estarán á nosa disposición sempre.

Nun segundo círculo están outras dez persoas, máis específicas e de certa actividade. Aquelas que xa non saben tanto da familia, que descoñecen partes importantes de nós pero que están no noso arredor en moitos aspectos da vida. Suman tantos como os dedos das dúas mans.
Raúl Río
Nun terceiro círculo están trinta ou así, son amizades que habitan a memoria, que están na nosa lembranza, latentes naqueles intres importantes, cando se lles chama e veñen ás grandes celebracións e eventos, amizades –moitas veces- interesadas, pero que están oportunamente cando as cousas van ben.

Pero queda aínda un cuarto grupo, de amigos distantes, que poden chegar a un cento. Andan no noso arredor, comunicámonos con certa asiduidade e frecuencia, sentímonos ben e gratificados nunha dimensión tranquila que nos pon en contacto para emprender algo ou nada, simplemente estar, ser e ir de camiño.

A amizade é unha experiencia emocional e pasa por riba desas miudanzas do saber, que moitas veces son parcialidades. De aí que pasar tempo coas amizades é unha obriga que non está obrigada, nin sequera programada ou condicionada para, así, practicar a experiencia da co-habitabilidade, da conexión, de conxeniar en distancias pequenas. As amigas e os amigos merecen o noso tempo e nós o deles, por riba doutras actividades teimudas do hábito ou do desleixo. Chega con poñer unha desculpa para que o encontro satisfeito reparta felicidade e no que, en definitiva, nos atopemos ben. Pero para fixar a amizade cómpre rexeitar moitas cousas e estar previdos de desgustos. Mal asunto cando teñen un interese e aproveitan para procuralos insistentemente, cando nos buscan só cando todo vai ben. Mal que se apoie en nós para rexurdir por riba, anque diga que imos xuntos. Tampouco goza de boa amizade aquel que nos traizoa na sombra, sen razóns e con escusas. Nin aquel que rompe o pacto e a palabra “tacitamente” dada. Aquel que se deixa subornar ou aquel que resulta sempre protagonista de todo, pechándonos futuro ou camiño, ocultándonos a saída que nos permita ser quen somos. Nin aqueles que nos fagan tan só partícipes dos seus erros como danos colaterais, que nin sabemos nin buscamos.

A mellor homenaxe a esta condición de amizade vai na lembranza, alá están xa moitas e moitos dos meus, dos nosos, que nos nutriron o e fixeron do mundo un lugar máis habitable. Relacionaría a aquelas tantas persoas que me traen feliz recordo dicindo o nome delas ou de calquera orixe que nos comprace nunha situación, por exemplo Matria. Sen elas eu non sentiría como sento, non tería nada que facer senón tirar para adiante, sen mirar aos lados e sen recapacitar, sen darme conta da existencia compartida, da loita por mellorar este mundo tan mal repartido, e sempre co ánimo de novos amenceres e horizontes de esperanza.

Hoxe celebramos a un amigo, un bo amigo, a Raúl Río, quen sempre está detrás dunha cámara potenciando aos demais e sen dar novas da súa propia presencia nos resultados gratificados das súas fotos. Sei del que nos coñecemos desde hai ben tempo, nas múltiples actividades que facemos para potenciar a conciencia de Nación, de orgullo no medio de tanto esperpento e de tanta mentira que espallan teimosamente.

Tamén sei del por mor da amizade co seu veciño Xosé Mª Díaz Castro – a quen lle fixo agasallo cunha pedra que lembra o seu nome e obra- e por extensión pola amizade de Manuel María –o común amigo, sempre tan estrañado. Sei que é chairego de Tiñaz dos Vilares e que nunca esqueceu a orixe, que alá en Euskadi espallou a idea e a conciencia de Patria e Nación, na conciencia de recuperar o dereito de ser quen somos. E el, é dos que loitan, sendo a un tempo dinamizador cultural dos soños. É un traballador, un obreiro da humanidade, un construtor de esperanzas.

Estudou na Escola de Mestría de Lugo e foi traballar á Coruña e chegou a Euskal Herria para ser peón albanel e caldeireiro do Naval, nos Altos Fornos, breando na militancia dos comités de empresa e nas loitas pola dignidade laboral. Sempre sen esquecer a orixe, a terra e a Matria. Colaborou cos xornais de alá “Egin”, ”Euskadi Información” e “Gara”, de paso colaborou tamén cos medios que recuperaban a bandeira da liberdade e a república das ideas desde “A Nosa Terra”.

Xubilou no 2010, teoricamente, porque segue a facer, a suar en ferro e lume as cuestións de Galiza e Euskadi sabendo da forza sedutora da Cultura, da música, da poesía, das artes, das tradicións. El e mais Gloria, sempre presentes nos actos de Xermolos, da Irmandade Manuel María que nos poñen a andar e a conciliar vontades, para xuntos chegar máis lonxe e, de paso, compartir espazos e tempo, celebrando a vida nalgún café urxente e furtivo. Quíxonos levar, ao grupo A Quenlla, a Euskadi pero non foi posible. Sei que sufriu este revés, pois quedara apalabrada a actuación, pero puido comprobar unha vez máis que non eran políticos para cumprir palabras dadas! Desde entón vémonos con moita máis frecuencia e cada encontro resulta unha festa de celebración mutua porque sei que sinte a miña ledicia e tamén, iso é o máis importante, se doe das miñas dores. Como eu fago cando sei das deles, de que viñeron e están connosco. Grazas e louvanzas para os dous, para Gloria e mais para Raúl, referentes desa xenerosidade anónima e humilde.

Non hai moito foi distinguido coa “Navalla do Manuel María” e agora facédelo “Trapeiro de honra” desde a Asociación Lareira dos Soños, da que foi socio fundador, e ninguén mellor ca el, para personificar a homenaxe que se lle poida facer -e se lle debe- sempre aos emigrantes, sobre todo a aqueles que ergueron –aínda na distancia- o nome de Galiza en Dignidade!

(Palabras de Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, na entrega do "Trapeiro de Honra" a Raúl Río na igrexa dos Vilares, o 7 de abril de 2018).
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES