Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

V Trapeiro de honra

lunes, 09 de abril de 2018
Compañeiros e compañeiras, amigas e amigos:
Moitas grazas pola vosa asistencia, e grazas tamén á Asociación Cultural Lareira de Soños, non soamente por este inmerecido premio, senón por ese inmenso traballo cultural que, ao igual que Xermolos, están a facer; de activistas como Alfonso, Antón e Pastora non pode presumir calquera concello, e menos unha parroquia.

Sei da certeza de que ninguén é profeta na súa terra e tampouco eu penso en selo, pero para min é un honor recibir este homenaxe de tantos e queridos amigos, e mais porque este recoñecemento fáiseme entre os veciños da parroquia que me viu nacer.
V Trapeiro de honra
Antes de nada eu quixera lembrar e facer un recoñecemento aos que me precederon neste galardón, porque eu non creo que fixera dabondo para merecelo nin para equipararme a eles.

Eu non fixen esa gran obra poética que levou a variante dialectal da nosa comarca á literatura universal, nin puxen a nosa parroquia e á bisbarra de Guitiriz no mapa mundial como fixo o noso vilarego mais universal, o meu amigo, Xosé María Díaz Castro, que moi merecidamente acadou o primeiro Trapeiro de Honra. Tampouco fixen os méritos de Pepe de Cristos, quen con moitos traballos, despois de facer as labores propias do campo, ía na bicicleta a aprender solfeo a Aranga e despois, cando agora as orquestras levan ata cinco camións, el ía cos instrumentos ó lombo ou nun carro de vacas a amenizar as festas nas parroquias do arredor ou na sala de festas do Carboeiro; nin sequera tiven a valentía, o mérito e a coraxe de Asunción dos Ares, quen a pesar de quedar viúva e con fillos pequenos, sacounos adiante ela soa a base de tesón e traballo.

Para todos eles o meu recoñecemento e admiración.

Penso que viñemos a este mundo para vivir pero tamén temos que deixar vivir aos demais. Herdamos unha terra e unha cultura que temos que deixar nas mellores condicións ás futuras xeneracións. Rainer María Rilke, un dos grandes poetas do século pasado, a quen Xosé María Díaz Castro traduciu, e lle tiña moita lei, dixo que a patria das persoas é a infancia, e outro poeta, o noso veciño portugués, Fernando Pessoa, escribiu que a patria é a lingua. Por iso eu penso que a infancia e a lingua son as dúas materias mais importantes para calquera persoa, e renegar do noso idioma e da nosa infancia é como cuspirlle á cara a leite que mamamos a todos os nosos antepasados.

Os Vilares foron para min o centro do universo e a miña infancia tamén se engrellou na teadaraña deste berce que nunca se foi do meu recordo, como dicía o noso poeta:

Miña infancia engrellouse,
nai, na teadaraña
dun recordo. Recóllea,
dam-a.

Aquí fun descubrindo o mundo. As cousas e a cultura que me rodeaban foron conformando a miña personalidade; foron deixando pegadas en min as persoas coas que convivín e que me educaron, por iso gardo un cariño especial á escola habanera da Conchada e ao meu primeiro e apreciado mestre, don Andrés Pérez Carballeira.

Todo iso foime formando como home, polo que estou orgulloso de haber nacido nesta parroquia trapeira e, encima!, de ser fillo dunha trapeira das Mourelas. A primeira vaca que houbo nas Mourelas veu cos cartos dos trapos, e eu, que nunca quixen mamar a teta, a primeira leite que bebín foi da Linda, un agasallo de voda que lle fixo a meu pai a súa madriña, María Antonia de Rato.

Cando eu era moi neno quedoume gravada unha imaxe que xa contei moitas veces e que algún de vos xa igual ma escoitou. Era pola festa da Pascua, e cando pasaban os músicos cara a igrexa para amenizar a misa, un deles reparou nun San Miguel con unha balanza, que había na furna que está na fachada do campanario e dixo en voz alta aos seus compañeiros: Manda carallo! Aquí ata os santos teñen romana.

Despois, cando no outono de 1969 emigrei a EuskalHerria atopei un mundo e unha cultura diferente. Daquela había unha certa antipatía entre vascos e galegos, como ben explica nuns sonetos o gran poeta vasco,que foi amigo de Manuel María e de todos os galegos, Gabriel Aresti Segurola, polo que cumpría crear naquela terra algo parecido ao meu paraíso perdido que deixara aquí, tender pontes e abrir camiños entre as dúas comunidades para rematar con aquela xenreira, e pensei que a arma mais poderosa e eficaz para facelo sería a cultura.
Vendoque case todos os Centros Galegos e Casas de Galiza so dedicaban os seus esforzos ó folclore e á gastronomía, un fato de compañeiros,entre os que estabamos tres deste municipio de Guitiriz: Anxo Deive, e Xosé Lois Campos, que nos acompaña hoxe aquí, (case éramos maioría)fundamos a Asociación Cultural Rosalía Castro de Barakaldo, e, en certo modo conseguimos que algúns Centros mudaran o rumbo e fixeran algunhas actividades culturais.

Estabamos ilusionados, e para alimentar o noso espírito e erguer a nosa autoestima levabamos intelectuais galegos para dar conferencias, como Manuel María, Felipe Senén, Alfonso Blanco, Uxío Novoneira, Lois Diéguez, Marcial Gondar, Francisco Carballo, Anselmo López Carreira, Francisco Rodríguez, Xosé Vázquez Pintor co seu grupo de mimo Ancoradouro e O Mago Anón co seu moneco Facundo;editabamos libros na colección “Nimbos de Poesía” e revistas como “A Esmorga”, que distribuíamos gratuitamente en establecementos e Centros Galegos,facíamos exposicións de cerámica e incluso tíñamos unha exposición permanente do libro galego. En maio de 1989 homenaxeamos a Díaz Castro, pero el, por mor da enfermidade, non se puido desprazar para recoller a placa que agora conserva Xermolos na Casa Das Palabras e que algún día, cando sexamos capaces de rehabilitala, pasará á Casa da Xente, de todos nós, no seu berce do Vilariño. Pero todo isto non foi so obra miña, senón de todos aqueles compañeiros que soñábamos con unha Galiza próspera, rica e dona de seu, por iso fai ben a Lareira de Soños ao querer homenaxear con este acto aos emigrantes que non esqueceron as súas raíces e cos que quero compartir este galardón.

Eu quería ver aquela terra como galego, polo que sempre exercín como tal e nunca perdín esa condición, incluso daquela cando moitos paisanos se avergonzaban de selo e sentían certo auto odio. Entendía que o mundo vese perfectamente mirando cara afora desde unha pequena fiestra, pero nunca poderemos ollalo si miramos desde fora, pois por moi grande que sexa a fiestra so veremos a escuridade, por iso debemos respectar e amar as outras culturas sen esquecer nunca a nosa. Compre ter as raíces afincadas na terra na que se nace e as polas abertas aos catro ventos para comunicarnos coa rica diversidade cultural desta casa común que é o noso planeta, como nos ensinou o gran escritor vilalbés, Agustín Fernández Paz.

Cumpría respectar a cultura vasca e darlle valor á nosa para facerse respectar tamén polos vascos, pois si un non se respecta a si mesmo tampouco o van respectar os demais. Si non confiamos en nós mesmos, a quen lle imos inspirar confianza? E si non somos nós nunca poderemos ser outro distinto, por moito que o queiramos imitar chegaremos a ser a súa fotocopia, pero nunca seremos ninguén porque unha fotocopia carece de valor. Non somos mellores nin peores que outros, pero somos diferentes; temos unha cultura milenaria que nos legaron os nosos devanceiros e temos a obriga de preservala para formar parte dese concerto mundial de nacións e de pobos que hai nesta aldea global.

Sendo como somos podemos contribuír a enriquecer o mundo, e mirade si somos importantes, que sen nós este mundo sería moito mais pequeno e mais probe.

Para rematar, quixera verme retratado nos versos do noso poeta do Vilariño,nos que lembra de que estábamos feitos e describe moi ben o que tamén el levaba no corazón:

Galiza en min, meu Deus, pan que me deron,
leite e centeo e soño e lus de aurora!
Longa rúa da mar, fogar da terra,
e esta crus que nos mide de alto a baixo.

Moitas grazas a todos e a todas.

(Palabras de Raul Río ao recibir o V Trapeiro de Honra, nos Vilares, o 7 de abril de 2018).
Río, Raúl
Río, Raúl


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES