Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo

miércoles, 28 de marzo de 2018
Bailar agarradiño ós libros

Estou acabando de ler un libro. Teño outro para ler. É mércores. E se por un casual me quedo a fin de semana sen nada para ler? Máis seguro que o que estou rematando lle lea mañá o derradeiro parágrafo, pero o seguinte case seguro que me botará algúns días. Pero, e se o remato nun chiscar de ollo? Ai que angustia! Mira que se me quedo sen lectura para a fin de semana. Pois nada, mellor é ir á biblioteca para coller un. Aproveitei que fun cun rapaz ata o Couto e desde alí marchei correndiño á biblioteca. Pillei dous, claro. Que é iso do pensamento fixo! Veña, home; pillar un tan só?, onde se viu outra! E para máis aquel vendo o estante onde están máis ou menos as novidades. Ese pensamento deixou Pingas de Orballode ser fixo para bailar agarradiño ós títulos e ás simples estampas ou portadas dos libros. É tal a atracción por estes que me sinto como unha muller ante un escaparate de roupa. Agora enténdoas perfectamente cando se paran e deteñen diante dos escaparates; váiselles a vida. A min váiseme a vida ante unha ducia de libros. O peor é que ó ser en préstamo teñen un prazo e por conseguinte, ale, lectura a máis non dar.

O asunto está...

O asunto está en que teño que acender o ordenador e poñer música. Acendo o portátil e no youtube busco o álbum “Une rencontre historique”, de Charlie Parker, Dizzy Gillespie e Thelonious Monk, para escoitalo e para subilo ó facebook. Vaia trío! Escoito a música mentres escribo. Agora o asunto está en completar o relato canto antes porque a película nocturna está aí, ó virar na esquina, xusto ó saír ó corredor da casa para virar á dereita, onde teño o salón e un sofá no que me acomodo como Deus manda (nestas noitiñas de inverno cunha mantiña sobre as pernas) e entón si, entón xa os soños se apoderan de todo o meu ser. Aínda que hai veces que no canto de soños son auténticos pesadelos, auténticas trangalladas cinematográficas que as vexo porque hai noites nas que non proxectan nada decente. O asunto está en que o jazz deses tres monstros si que me transporta a eses soños que quero soñar. Mentres todos eses marabillosos acordes se me meten polos oídos, lembro que o asunto estivo na neve que quixo caer e caeu pola mañá por toda a comarca de Maceda. Folepas gordas, grandes, inmensamente brancas, marabillosamente fermosas que non callaron moito por culpa da humidade e da chuvia. E agora mesmo, o asunto está en que xa rematei.

Ladróns por avaricia

Se alguén rouba produtos de alimentación, podemos pensar que, a fame, ás veces, provoca pecados mortais. Pero se dúas persoas de distintas aldeas se xuntan para roubar produtos de alimentación, aí xa case pensas que non é por fame, que é por avaricia, que é para vender os produtos e sacar tallada. Contan as crónicas que no mes de xaneiro de 1910 a benemérita de Maceda detivo a Benito Iglesias Bouzo, natural de Sobradelo, en Xunqueira de Ambía, e a Jovino Quintas Lemos, de Almoite, en Baños de Molgas. Seica os pillaron coas mans na masa roubando castañas, millo e centeo. A quen llas roubaron? Pois xeralmente róubaslle a alguén que coñeces, porque sabes que ten tal ou cal produto. Neste caso non podía ser doutra maneira, e así foron dereitiños na procura dos citados produtos pertencentes a Remigio e Generoso Diéguez e a algún outro veciño máis de Almoite. Normal, Jovino sabería ben onde había que roubar. Claro que non contaron con que a garda civil é moi lista e moi espelida. Convictos e confesos non lles quedou outra que ingresar no cárcere e a expensas do xuíz municipal de Baños de Molgas.
Pingas de Orballo
Non dar o Santo para a vela

Fabián Trabada Meira sentou á beira dos canastros da aira do Forno, acendeu un cigarro e pensou na herdanza que acababa de recibir dun tío que non coñecía, dun tío que emigrara, xusto cando el nacera, para Arxentina. Tal herdanza estaba a darlle moitos quebracabezas porque intuía que ía pagar máis en gastos do que valen as leiras que lle tocaron. “Penso que non me dá o santo para a vela”, exclamou mentres deixaba escapar o fume dos seus beizos. Fabián Trabada quixera preguntarlle ó pai polo tío Gabino, pero cando lle viu a expresión da cara soubo que non ía conseguir nada. De todas formas insistiu por se acaso, pero o pai soltáralle unha sentenza definitiva: “A ese nin nomealo. O nome dese porcalleiro non quero oílo pronunciar máis nesta casa. E morra o conto”. Ante isto, Fabián nin tan sequera se atreveu a botar man da súa nai. Así é que non lle quedou outra, non lle queda outra que apandar coas tres leiras que lle deixou o tío Gabino, aínda que non lle dea o santo para a vela, aínda que lle sexan máis as perdas. Fabián Trabada Meira esmaga o cigarro coa bota dereita, deixa escapar un longo suspiro e marcha da aira do Forno camiño do barrio da Igrexa.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES