Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tillerson axita o patio

martes, 13 de febrero de 2018
A xira hemisférica que levou a cabo Rex Tillerson, secretario de Estado da administración Trump, por México, Arxentina, Perú e Colombia, certifica a definida posta en escena por parte de Washington para atenuar os efectos exteriores da crise venezolana e tomar a iniciativa decisiva que concrete un maior illamento rexional contra o goberno de Nicolás Maduro. O contexto electoral 2018 en Venezuela e América Latina supón un momento chave para propiciar este escenario, particularmente ante os comicios presidenciais en Caracas pautados para o primeiro trimestre deste ano e un ciclo electoral hemisférico (Colombia, México, Brasil) onde Washington pretende asestar o declive do xiro esquerdista establecido na rexión durante a década pasada.

Nun momento de letargo nas negociacións entre goberno e oposición venezolanas en Santo Domingo, o contexto hemisférico é o escenario onde mantense o pulso venezolano. Tillerson aproveitou este contexto para adiantar unha xira onde Venezuela é o epicentro estratéxico, amparado igualmente ante as recentes sancións contra o goberno de Maduro impulsadas dende EUA e a Unión Europea.

A confirmación e ampliación da sentenza xudicial contra o ex presidente brasileiro Lula da Silva (24 de xaneiro) e a derrota do correísmo no recente referendo constitucional ecuatoriano (4 de febreiro) son factores que igualmente reforzan esas opcións de Washington. Toda vez, a xira de Tillerson enfocouse naqueles países con liderados politicamente afíns (algúns deles con calendario electoral en 2018) e que teñen intereses propios dentro da crise venezolana. Foron estes os casos de Mauricio Macri na Arxentina, Pedro Pablo Kuczinsky en Perú, Juan Manuel Santos en Colombia e Enrique Peña Nieto en México.

Precisamente en Bos Aires, Tillerson e o seu homólogo arxentino Jorge Faurie discutiron a posibilidade de impulsar un bloqueo petroleiro contra Venezuela. Paralelamente, Maduro recibía en Caracas ao secretario xeral da OPEP, Mohammed Barkindo, no que ratificaron medidas de estabilidade dos prezos do cru, estender por cinco anos o actual recorte de produción e utilizar as criptomoedas como forma de pago nos mercados internacionais.

No marco da xira, Tillerson buscou reafirmar o apoio dos seus aliados hemisféricos á hora de acentuar as sancións contra funcionarios do goberno venezolano, así como para descoñecer as eleccións presidenciais convocadas en Venezuela pola Asemblea Nacional Constituínte (ANC). Neste apartado logrou un amplo consenso, especialmente en Perú, Colombia e Arxentina, membros do Grupo de Lima, que consideran á ANC como ilexítima.

Non obstante, durante a súa visita a Lima, Tillerson non logrou desconvocar o convite do presidente peruano a Maduro para asistir ao VIII Cumio das Américas previsto a celebrarse na capital peruana a mediados de abril. Este aspecto permitiu a Maduro cualificar como “fracaso” a xira hemisférica de Tillerson.

Pero non é só Venezuela a preocupación de Tillerson. Como efecto colateral, Washington tamén advertiu dos riscos que para a súa seguridade nacional corresponde a presenza de China e Rusia en América Latina, neste caso a través de Venezuela e Cuba, tal e como declarou o propio Tillerson durante a súa visita a México. A semana pasada, durante o seu primeiro discurso sobre o Estado da Nación, o presidente Donald Trump identificou a Rusia e China como “ameazas” para os “valores de EUA”, razón pola que instou á modernización do arsenal militar e nuclear estadounidense.

Durante 2017, Moscova converteuse no principal prestamista financeiro para Maduro, ademais de constituírse igualmente como un socio estratéxico para Venezuela en materia enerxética e de venda de armamentos. Pola súa banda, a crise económica venezolana afecta considerablemente o subministro petroleiro venezolano cara Cuba, razón pola que A Habana ven reforzando a súa relación con Rusia.

Con estes factores na mesa, a xira de Tillerson enmarcouse igualmente como efecto persuasivo por parte de Washington de cara aos comicios presidenciais colombianos (maio) e mexicanos (xullo). Isto particularmente ante a presunción dun suposto apoio por parte de “chavismo” ás candidaturas esquerdistas de Gustavo Petro en Colombia e Andrés Manuel López Obrador en México.

A falta do que suceda nas presidenciais brasileiras de outubro, particularmente cunha esquerda post-Lula atomizada, Washington busca disuadir ao hemisferio ante a posibilidade de conformarse unha especie de “fronte esquerdista” en Colombia e México que eventualmente favoreza a Maduro e amorteza as presións de Washington. Por tanto, o pulso hemisférico de Tillerson só acaba de comezar e prevé intensificarse nun candente 2018.
Mansilla Blanco, Roberto
Mansilla Blanco, Roberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania