Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xulio Xiz Ramil

viernes, 02 de febrero de 2018
Moi boa tarde. Saúdos a todos. Grazas pola súa presenza.

Dicía Baltasar Gracián que “quien honra a sus amigos, se honra a sí mismo”. E a inmensa maioría, todos os que eiquí estamos, sentímonos honrados, porque vimos cumprir unha débeda de gratitude impagable que temos contraída cun amigo grande, leal, eterno, como é Xulio Xiz Ramil, sen dúbida, un dos bos e xenerosos que canta o himno de Pondal.

Tal e como acaba de narrar o relator do acto, o Concello de Vilalba Xulio Xiz Ramilacordou conceder a súa Medalla de Ouro a Xulio Xiz, e hoxe cumprimos ese acordo, facendo entrega da mesma neste lugar emblemático. Non tanto polo Auditorio en si mesmo, que tamén (non se esqueza que aquí entrou Manuel María na Real Academia Galega), senón, e especialmente, polo espazo físico que pisamos: á sombra da Torre do Castelo, lugar onde se erguían a antiga casa e o cine parroquial e, sobre todo, lugar de referencia, xunto co Cotarón, para as escapadas e os xogos de moitos nenos de Vilalba. Singularmente os da Porta de Cima, esa rúa senlleira de retorcido trazado e unha arquitectura que aínda lembra en parte á da Vilalba de mediados do século pasado; e rúa que ten a honra de ser o berce de Xulio Xiz, ademáis de outros persoeiros ilustres, e dende sempre e para sempre no noso corazón, en gran medida grazas ao corazón dos veciños da rúa que o ano pasado promoveron a homenaxe popular a Xulio neste mesmo lugar, homenaxe que constitúe o xermolo da distinción que hoxe outorgamos.

Eu non subo a esta tribuna para relatar os méritos de Xulio para o outorgamento da Medalla porque, honradamente, non é necesario. Non é necesario:

-Porque neste caso os feitos e os méritos preceden ó persoeiro e falan por si sós.

-Porque son consciente de que estou falando a persoas que en moitos casos traballaron man a man con Xulio e son testemuña directa e persoal deses méritos.

-E porque tamén sei que falo a xentes que naceron baixo o mesmo cacho de ceo, que pasearon nas mesmas rúas, e que tiveron por berce estes mesmos lugares en que hoxe nos congregamos.

O Concello de Vilalba concede hoxe a Medalla de Ouro a Xulio Xiz, outorgada polo seu traballo en prol do pobo, por unha vida de apoio a Vilalba en xeral e ó propio Concello en particular. Concédeselle a Medalla polos seus feitos. Pero eu xa dixen que non subía eiquí para narrar eses feitos. Permítanme que me centre en algo tan importante coma os feitos, ou máis: a persoa. As persoas son as que fan posibles os feitos.

E compre ser agradecidos coas persoas que fan da súa vida causa da dignidade, da verdade, da razón, do servizo ós demáis. Xulio Xiz é desas persoas. A súa obra e a súa forma de ser convertírono nun home sabio na máis noble acepción da palabra.

-So é sabio o que se comporta con humildade e non presume delo.

-Só é sabio o que sabe con sobriedade e non alardea de saber máis do que lle importa.

-Só é sabio o que detesta a arrogancia, a soberbia e a mentira, e se entrega gustoso a compartir cos máis o que sabe.

Xulio ten todas esas virtudes. Nunca eu lle vin dar un desaire, nin coñezo persoa que non saíse gustosa da súa compaña. Capaz de escoitar con paciencia infinita, e se enfadarse, ata aos indiscretos e importunos; e a todos respondendo con cariño e con respecto.

O Concello de Vilalba outorga a súa Medalla de Ouro a Xulio Xiz. Mais eiquí están presentes moitas persoas, asociacións de fóra de Vilalba que coa presenza arroupan o acerto da decisión e axudan a xustificar as razóns da distinción:

-Xulio Xiz é un mago da palabra. Secretario, presentador, alma máter do Certame Literario, todos somos testemuñas de que é dono dunha voz prodixiosa de terciopelo, doce e recia á vez, embaucadora como as sereas de Ulises, capaz de dicirlle a cada palabra o que ten que expresar en cada momento. A palabra é a expresión do sentimento, e o canto e a música son a sublimación dese sentimento, por iso non é casualidade que neste acto estean presentes a Banda de Música de Vilalba, a Coral Polifónica e o Orfeón Lucense, entidades tan queridas por Xulio e ás que agradecemos a súa asistencia.

-Xulio tamén é chairego. En palabras de Alfonso Blanco, A Chaira non é só unha patria poética, que tamén, senón un espazo singular polos seus ríos calmosos, as chairas inabarcables, as súas veigas e lagoas, e unha poboación de carácter aberto, acolledor, comunicativo. Xulio é, por riba de todo, chairego, e chairego de honra. Por elo, tampouco é casualidade a representación de asociacións e entidades chairegas ás que tamén agradecemos a súa presenza hoxe.

-Con estes dous precedentes, o lóxico corolario é deducir que Xulio tamén é unha das grandes voces da Chaira. Dicía Manuel María aquelo de que “non canta ninguén na Chaira”. Sabía o eximio poeta que na Terra Chá fala ata o silencio, e que ninguén interpreta o silencio como as xentes da Chaira; pero sabía tamén, e sabemos todos, que na Chaira hai voces portentosas como a de Xulio, ou como as de Mero e Mini, a quen homenaxeabamos en días pasados, e como as dos seus poetas e cantores extraordinarios, que tamén, e tampouco por casualidade, nos honran coa súa presenza. Mellor que as miñas palabras para definir a Xulio como voz da Chaira, permítanme usar as de Xosé Otero Canto na homenaxe rendida neste lugar o día 18 de setembro pasado: Xulio, ave cantora, luz, fiestra, paixón, campá / que tocas e posnos a rebato co éxtase da túa palabra / Deus te garde / Xulio da nosa alma e dos noso sentimento.

Remato con dúas consideracións:
Primeiro, o agradecemento á familia de Xulio Xiz. Dicía o propio Xulio, tamén o 18 de setembro, que “a patria da persoa é a casa”. E ten razón. Por iso, por ser a patria de Xulio, grazas a seu pai e súa nai, chegados de Ambosores e do Freixo; grazas tamén, por coidar del, a Merce, súa muller; ós seus fillos; á súa nora; ós seus netos; a toda a familia.

E segundo, dicir que hoxe, seguindo co indicado ao inicio das miñas verbas, o Concello de Vilalba honra a Xulio Xiz e tamén nos honramos a nós mesmos recoñecendo o mérito dun amigo, dun home grande, non polo seu poder, nin polo seu diñeiro, nin pola súa influencia, senón polo afecto e o cariño que foi capaz de gañarse, pola súa persoa e obra. A obra dun home sabio.

Di un dos libros das Sagradas Escrituras: “O sabio será honrado do seu pobo, e o seu nome vivirá perpetuamente”.

Xulio, coa entrega desta Medalla, entregámosche a honra do pobo de Vilalba, e o teu exemplo quedará sempre nos nosos corazóns.


Palabras de Agustín Baamonde, Alcalde de Vilalba, adicadas a Xulio Xiz no acto de Entrega da Medalla de Ouro do Concello de Vilalba.
Baamonde Díaz, Agustín
Baamonde Díaz, Agustín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES