Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As festas do Antroido

martes, 30 de enero de 2018
A Javier Golpe "Canea" polo seu humor e amizade que nos une desde nenos.

No ciclo da vida dos pobos chega o Antroido, isa festa de desenfreno que era moi fermosa pola gracia que supoñían as máscaras e o humor satírico dos seus protagonistas. Eran unhas festas de xantar -lacoadas, filloas, en Viveiro chamábanse freixós, orellas de frade, chulas con leite, sucre e canela…- eran festas de xantar e encher, e encherse; de troulear polas rúas e tabernas incordiando ó persoal, falcatruadas e frases retranqueiras amparadas na libertade que supoñía a careta, amosaban, cando o protagonista entendía ó antroido, a verdade.

No medio tamén había algún faltón, envidioso ou miserable que aproveitaba a ocasión para expoñer a súa miseria. Mágoa que hoxe isas caretas sexan só un simple adorno fermoso que non agocha o inxenio e humor dos seus protagonistas. A vida hoxe é descafeinada. Pouquísima xente é capaz de falar con claridade e dici-lo que pensa porque vivimos encorsetados e maltratamos a quen di o que realmente pensa. ¡Qué pena que sexamos tan hipócritas e valeiros!

Naqueles tempos da miña infancia todo era criticado, e ata cousas que poideran seren perseguidas pola súa implicación política, sempre eran convenientemente agochadas para dicilas sen que a autoridade poidera reparar nilo. Niso consiste o inxenio.

Contan moitas anécdotas do noso viveirés Rabeno, desde cancións ata simpáticas e espontáneas ocurrencias, de quen viña sendo o verdadeiro tótem daqueles tempos, pero eu case non o conocín. Non embargantes, recordo a outros como o Eléctrico, o pai do Canelo e cía, e que ía pola tintorería de meu pai e alí montaba un orfeón coa súa canción: “Los eléctricos somos en este carnaval…” e despois…veña outra e outra… ata que se ía a taberna de Rosendo a molla-la palleta.

Daquela a xente vivía pobre, pero vivía, e para disfrazarse só era necesario o humor e calquera roupa vella, unha saba, un corcho afumado, uns abelorios e moita gana de pasalo ben. Nunca entenderei os que agora confunden o antroido cunha pasarela e compiten en elegancia e gasto e, sen embargo, non teñen gracia algunha. Así como tampouco a aqueles que se disfrazan só para o desfile. ¿E logo non hai que ir pola rúas ou os bares vacilando e ríndose uns doutros con esa sal e pimenta que son a esencia do antroido?

As festas empezaban o xoves de comadres con algunha apetitosa larpeirada, pero o Antroido era desde o sábado ata o mércores de cinza. Daquela o día principal era o martes: Bón xantar, sobremesa corta e prepararse para ir troulear. Estar un pouco enchispado, axudaba, dito sexa con tódo-los respectos para os doutores.

Certamente, non son fechas axeitadas para o fígado e para o sexo, aínda que daquela o sexo era… ¡outra cousa!

O mercores de cinza agora en Viveiro tén unha moi simpática comitiva de autoridades que organización a festa con moita chispa. Desde pola mañá comenza unha charanga a dar un pasarrúas con todas autoridades habidas e por haber, porque algunhas só existen no maxín do seu representante, e que rematan sendo recibidos no concello pola autoridade competente. Unha comitiva parrandeira que vai por todo o pobo visitando as tabernas e colocando nas casas dos antroideiros predecesores unhas placa de recordo como agradecemento ó seu esforzo. Loable e plausible labor. De seguido, como antesala do enterro da sardiña, celebran un opíparo xantar seguindo a máis clásica tradición da lacoada, postres típicos, chopitos, queimada e demáis combinados ó gusto do consumidor. Unha sobremesa de cantos e recordos, de risas e falcatruadas… que empalma, xa a noite, co enterro da sardiña.

Seguindo á charanga, montase na Praciña da Herba unha marea de xente vestidas con sabas e toallas, a xeito de turbante, e caras pintarraxeadas de negro para acompañaren á sardiña ó alen cunha parafernalia de faroles e outros artiluxios. En procesión camiñan polas rúas, trouleando, bebendo e sobre todo cantando "Ven dueño mío", "Con el dinero de la grúa", "Los eléctricos” e outras como aquela que fala de D. Senén… A festa remata na Praza queimando a sardiña, comendo bolos preñados e bebendo unha vez máis a queimada cuio exconxuro serve de responso. Para o ano siguiente haberá outro.

"Si te queres divertir, non tés máis que ir ó antroido a Viveiro…".
Timiraos, Ricardo
Timiraos, Ricardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES