Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre distopías e ucronías

jueves, 04 de enero de 2018
Entre distopas e ucronas A expectación xerada pola aparición de Blade Runner 2049, a secuela da mítica película de Ridley Scott protagonizada por Harrison Ford en 1982, confirma que as distopías e ucronías son fórmulas narrativas de todo tempo, tamén do noso, e que este modelo literario convive e se retroalimenta coa súa plasmación cinematográfica e, en non poucas ocasións, a súa adaptación ao mundo dos videoxogos e teleseries ou a súa lectura en clave de banda deseñada e outras vías creativas.

A Blade Runner orixinal foi guionizada a partir dun clásico da ciencia ficción escrito por un dos mestres indiscutibles desta literatura: Soñan os androides con ovellas eléctricas?, de Philip K. Dick. Este relato de 1968 imaxinaba o planeta no escenario de guerra posnuclear mundial en 1992, que foi adaptado á gran pantalla nunha localización posterior, o 2019, e que na nova cinta que agora se anuncia ten a súa continuación tres décadas máis tarde.

Con independencia do plausible da súa formulación argumental, semella evidente que entre as historias de ciencia ficción teñen lugar preferente estas distopías, narracións que suceden nun futuro caótico, opresivo, indesexable e moitas veces mesmo apocalíptico. Do mesmo xeito, tamén teñen un cultivo notorio as ucronías, novelas históricas alternativas que desenvolven unha trama preguntándose qué tería ocorrido se algún feito do pasado non acontecese da maneira en que sucedeu. Xa que logo, os exemplos destes dous tipos de escrita e a súa feliz maridaxe cinematográfica son abondosos.

Velaí, poño por caso, distopías como A máquina do tempo de H. G. Wells (onde un aventureiro viaxa ao futuro nun enxeño mecánico e descobre o caos tribal de loitas xenocidas que padece a humanidade); Un mundo feliz de Aldous Huxley (novela na que se imaxina unha sociedade de castes xeneticamente predeterminadas); 1984 de George Orwell (coa súa crítica feroz á manipulación da verdade por parte das clases políticas dirixentes); Fahrenheit 451 de Ray Bradbury (reveladora historia sobre a perigosidade que encerra para os totalitarismos a alfabetización e, por tanto, a capacidade persoal para desenvolver unha opinión propia) ou A laranxa mecánica de Anthony Burgess (narración que reflexiona sobre a extrema violencia e a deshumanización do individuo), novelas todas, por certo, levadas ao cinema con grande éxito.

Entre distopías e ucroníasDa súa parte, son boa mostra de ben curiosas ucronías O home no castelo, tamén de Philip K. Dick (que novela un mundo no que Hitler tería gañado a Segunda Guerra Mundial); Britania conquistada de Harry Turtledove (que novela a partir dunha hipotética vitoria da Armada Invencible), No día de hoxe de Jesús Torbado (quen fai arrincar a súa narración coa vitoria do exército republicano na Guerra Civil); Danza de Tebras de Eduardo Vaquerizo (que especula coa morte prematura de Felipe II e como o tería sucedido Don Xoán de Austria); O que o tempo levou de Ward Moore (obra na que o exército confederado sae vitorioso); Tempos de arroz e sal de Kim Stanley Robinson (cunha trama na que a peste negra arrasa o medievo europeo e o orbe é dominado por árabes e chineses) ou a recente Submisión de Michel Houellebecq (cunha Francia sometida a unha sorte de neo-estado totalitarista islámico).

Galicia outra
Na literatura galega téñense publicado tamén ben interesantes distopías e ucronías. É o caso, por citar só algúns títulos, do futurismo telecontrolado de Suso de Toro na súa novela A sombra cazadora; o mundo domesticado e opiáceo da Bailarina de Manuel Seixas; as revisións histórico-temporais de Xoán Bernárdez Vilar en Big bang; a Europa homoxeneizada e unitarista de Agustín Fernández Paz en O centro do labirinto; o apartheid dun estado omnipresente e controlador do Valdamor de Beatriz García Turnes; as cargas distópicas que, con derivacións diversas, conteñen Costa Norte/ZFK de Xurxo Borrazas, Delimvois de Rubén Ruibal, Stratos de Miguelanxo Prado ou Obediencia de Antón Lopo e, xaora, os aires ucrónicos do Hipógrifo de Antón Risco ou a intriga sobre a non morte temperá de Manuel Antonio coa que fabulou Xesús González Gómez na súa narración xustamente titulada Ucronía.

A maior parte destas obras comparten co Blade Runner 2049 que chama ás portas unha denuncia do presente que se configura nun futuro alegórico; isto é: chámase a atención do camiño errado que estamos a andar para facernos ver a Galicia, a Europa, o mundo que será se, teimudamente, nos empeñamos en esfarelalo. Trátase, pois, de revisitar criticamente un sistema presente-futuro que nega a liberdade do individuo en aras dun mal interpretado ben social común, asentando nun dirixismo extremo e feroz onde non queda marxe ningunha para a decisión persoal, para o camiño propio, para o albedrío que nos humaniza. Unha sociedade onde os que dirixen os destinos fomentan a desaparición dos lazos afectivos, a robotización do carácter, illando as persoas e negando a complicidade das relacións interpersoais, principalmente as familiares, na procura devecida da instauración do Pensamento Único como o novo Moloch ao que adorar.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES