Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Chairego de Honra

viernes, 05 de enero de 2018
Amigas e amigo: Grazas pola vosa presenza e grazas tamén á Asociación Xermolos e á Irmandade Manuel María, e de maneira especial aos que fostes indutores e consonantes directos da miña elección como Chairego de Honra diste ano 2017.

Celebro a distinción porque, a ver, quen son eu para cuestionar un acordo decidido por vós, vós que tendes nomes e apelidos, vós que vos teño dediante e que vos estou vendo, os meus amigos e valedores, que vos escudades tras as devanditas institucións coma se non tiverades nada que ver co asunto, así é que, outra non me queda, asumo disciplinadamente a vosa lúcida iniciativa e o voso douto e superior criterio.

Anque si que teño algunha cousa que dicir sobre o particular. Primeiro ca nada manifestarvos que o maior ben que me podiades facer xa o fixestes comigo, con largueza e as mans cheas. Que non vos pareza mal pero, sen desmerecer esta consideración de Chairego de Honra, que me resulta especialmente valiosa e estimable, hai un rango superior co que me favorecestes desde o primeiro día e que para min non ten prezo, estou a falar da vosa estima e amizade que, non o dubidedes, é recíproca, moi valorada e correspondida.

Cheguei á Tribo da man do Miro, do Mero e, non podía ser doutra maneira, tamén do Mini. O preludio fora un xantar na casa do Miro, no que a Mónica, boa anfitrioa, aplicouse coa dilixencia, a fartura e a mestría gastronómica que a distinguen. Alí animáronme para volver á música, ofrecéndose incluso a acompañarme instrumentalmente. Que luxo o Quintas Canella acompañado por Mini, Miro e Mero.

Era un disparate. Conque empecei a concorrer aos eventos e a formar grupo musical con outros amigos. Xa na Tribo, puiden reparar en vós coma grupo, singular e vernáculo, e cando falaba de vós sempre me refería ao clan dos lugueses, ao fin e ao cabo lugueses erades maioritariamente, e observei dúas características que, para ben e xeneralizacións aparte, vos distinguen e vos diferencian, o voso carácter porfiado, non testán, para que se me entenda, firmes e perseverantes e, logo, a vosa extrema e xenuína xenerosidade.

O primeiro aspecto do voso carácter, que xa observara en Miro, Mini e Mero, pareceume un exemplo a seguir, e que de ningún modo debería ceder ao desánimo e abandonar á mínima contrariedade e que tiña que asumir o que din os bos mariñeiros, que o asunto non está tanto en de que lado sopra o vento senón no xeito en como acomodamos as velas. E que cumpría vogar viñeran de onde viñeran os bos ou, o máis frecuente, os malos ventos. Ademais outra cousa moi boa da pertenza á Tribo foi que me resultou profundamente confortante e terapéutica ao constatar o moito que compartiamos, xa que todos tiñamos semellantes andaduras vitais e que viñamos das mesmas de ou moi parecidas batallas perdidas. Recibín trato de igual e tan deferente que me facía sentir moi ben convosco, convosco non tiña que exercer de nada, nin tan sequera de galego, mesmamente como cando estou na miña terra.

O outro aspecto ten que ver coa vosa xenerosidade, cos alleos e cos propios. A inclinación polos alleos vennos de lonxe a todos os galegos, tradicionalmente sentimos unha grande propensión polos modos e costumes foráneos e, ás veces, en detrimento do que temos de noso. Somos moi alleiros e admíranos todo o que ven de fóra. Certo é que en positivo, non temos ningún cualificativo pexorativo para os non galegos, aquí non hai ”charnegos” nin “maketos”, nós fagocitámolos e a non tardar, na segunda ou terceira xeración, xa son galegos de seu. Os alcumes de moitas familias non menten, zamoranos, palentinos, santiagueses, limiaos, carballeses ...

Na nosa historia hai exemplos dabondo reveladores da nosa inclinación polo foráneo. Fisterra, aí tes, que che parece? Uns cobizosos invasores procedentes da Roma Imperial van e arriban á nosa terra que, como lles quedaba moi lonxe da súa, sinalárona coma o “Finis Terrae”, a ver, coma o cu do mundo. Eles podíannos chamar coma quixeran, non me parece mal, o que non ten xeito e que os nativos renunciaran ao seu propio nome, a ser e o embigo do mundo e o centro do universo, perpetuando o cambio de denominación, cousa que de ningún modo debería facer un aborixe con orgullo do seu e que valore a propia estima.

O caso de Hércules, tamén ten o seu aquel, resulta que un fachendoso heleno, fillo de Zeus, ven á nosa terra para darlle morte a un xigante chamado Xerión, que a el nada lle fixera, só para poñerse medallas e darse a valer. Era un dos 12 traballos que tiña que facer como proba da súa competencia e valía, xa lle cumpría chularía, fillo dun deus e, polo tanto, semideus ... así calquera! Conque ven a Galiza, vai onde vive en calidade de residente o bo de Xerión, mátalle os cans, róuballe a facenda e asasina ao que era o noso veciño. E nós celebramos a súa xesta coa Torre de Hércules, poñémoslle unha rúa co seu nome ao homicida, unha gran rúa a Avenida de Hércules, e para o pobre Xeríón, o noso veciño vilmente inmolado, tarde, mal e a rastro lembrámolo cunha pequena rúa.

Un último exemplo a denominada lírica galaico-portuguesa. Un fenómeno literario que se supón anterior ao Século XII e de exclusiva titularidade galega á que, desidiosamente, renunciamos e compartimos cos nosos irmáns e veciños portugueses. Se resulta que a secesión do Condado de Portugal da Galiza aconteceu a finais do Século XII con Afonso Henriquez , “O Galego”, que a secesión foi física e non cultural, e que aínda haberían pasar algúns séculos antes de amosar algunhas diferencias. A que ven chamarlle galáico-portugués a un fenómeno rematada e xenuinamente galego?

Eu sempre fago a mesma pregunta aos discrepantes: “ Ai flores, ai flores do verde pino,/se sabedes novas do meu amigo!/ Ai Deus! E ú é?” ... e aquela outra de “Señor en tan grave día/ vos vin que non podería,/ máis e por Santa María/ que vos fez tan venturada/ doédevos algún día de min/señor ben tallada!” Isto que é, galego ou portugués? Cando se me contesta que en galego dígolles eu que o que tales cousas escribira fora o rei Don Dinís de Portugal, neto do rei Afonso o Sabio. É cousa sabida que calquera manifestación literaria sempre leva, ou debería levar, como referente o idioma utilizado. Polo tanto Lírica Medieval Galega sería o que lle correspondería, á marxe da orixe ou procedencia dos autores, máxime neste caso no que autores peninsulares e extra-peninsulares usaron a nosa fala para artellar ese marabilloso legado cultural.

Temos un dito moi revelador e moi noso, que nos retrata ás mil maneiras: “santos da casa non fan milagres”. Lamentable, pero certo.

Con esta fascinación polo alleo que levamos nos xenes os galegos, a vosa xenerosidade cos propios ademais de heroica é admirable. Defendedes o voso coma ninguén e apoiádesvos dun xeito case que visceral, solidarios, sen fisuras e sen ausencias. Escóitovos cando falades e sei que tivestes bos mestres, máis tamén que fostes escolantes aplicados, iso é evidente. Polo que aquí, en Vilalba, no corazón da Terra Cha, aquí os santos da terra si que fan milagres, das mans dos bos e xenerosos chairegos de seu. Polo tanto, parabéns para vós, chairegos de alma grande, non precisades mover os marcos da vosa contorna, pois de tanto e tan ben que vos prodigades sodes o fermento que leveda unha boa porción da masa cultural da Galiza.

Unha última consideración, eu prodigueime ben pouco e cativa é a miña obra, polo que abondaba co Miro Casabella, non vou facer ningún panexírico da súa persoa, nin das súas facultades e capacidades, creo que polos seus moitos méritos é merecente de polo menos dúas edicións de Chairegos de Honra, anque acepto con moito orgullo e satisfacción esta oportunidade de compartir este día ao lado do meu amigo.

Confío ser merecente da distinción, de facer méritos que a xustifiquen e actuar coma se fora un chairego de verdade. Debo dicir que a miña honra ven triplicada: pola propia designación de Chairego de Honra, polas mans daqueles dos que me ven a distinción e por ir no mesmo carro que o meu admirado amigo e compañeiro de aventura Miro Casabella.

Máis nada, grazas de novo, que saibades que a vosa amizade para min é a maior consideración e a máis grande recompensa, que pasedes boas festas e a ver se co novo ano hai polo menos algúns indicios de progreso, e as nosas mozas e mozos poden volver a casa, para elaborar un proxecto de futuro no seu propio País e procrear serenamente para darlle tamén un futuro esperanzado á Nosa Terra.

(Palabras de Quintas Canella, en Vilalba, o 16 de decembro de 2017, no acto de nomeamento de Chairegos de Honra a Miro Casabella e Quintas Canella)
Quintas Canella, Xosé
Quintas Canella, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES