Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Quintas Canella e Miro Casabella, Chairegos de honra

miércoles, 03 de enero de 2018
Coido debo ser eu quen explique o por que desta dobre consideración a dúas persoas, a un tempo e por xunto. O 1º motivo é un tanto anárquico:por ser algo distinto, sen máis, algo novidoso. Porque, anque só sexa de vez en cando, hai que abrir novos horizontes e formatos, que cambien as dimensións do agardado e da rutina.

O 2º motivo e nada desprezable, ten un común denominador que se chama “amizade”. Valor que hoxe poñemos sobre da mesa, na especial e leal correspondencia de dous sementadores de conciencia, conciencia de autenticidade, de país, de orixe e que resulta ser un vínculo extraordinario que cómpre por –por riba doutros- debe significarse enestima.

O 3º motivo, é outro común denominador “música e canción” e que van máis alá das verbas e do verbo: sabedes que a música, pero sobre todo a canción, é aquel código expresivo único e capaz de dicir aquilo tan delicado que as verbas non dan dito ou calan, aquilo tan impreciso que enche de emocións e gratifica a alma, de paso que aproxima os espíritos. Ese vínculo que xungue e convoca sen deixarnos indiferentes.

E xa para non desdicir, vou parar cunha ultima razón a sinalar, hoxe, aquí. Nesta razón ou motivo conflúen a amizade e a canción. Porque na vida danse múltiples aventuras, unhas que case nada arriscan e que, mesmo, se venden en serie, cousas de catálogo, que veñen a expresar algo así como que a experiencia puidera medirse en números, en cartos, programarse e case preconcibir a vida en virtualidades, hoxe tan de moda. Pero non, esta aventura á que me refiro, esta de botarse a cantar por aí, e facelo como oficio que dá un sosego de conciencia, anque non dea pescuño en beneficio.

Ese oficio de autodefensa, de defensa propia e de saberse en conciencia masiva de pobo, defensa tamén dos que non teñen outra defensa: é unha convicción que vai e nos leva máis alá do estritamente anunciado polas pautas deste tempo, ou polos adquiridos hábitos do correcto. Si, estou a falar de “cantoras e cantores”. Desa sublime condición que asume a portavocía dos silencios, dos medos, dos amores e desamores que, en forma solidaria, asumen tamén a nobre fidelidade, como causa, que debe corresponder na complicidade de sumar forzas, sen intereses nin egoísmos procaces. E así ocorre con estes dous e con moitos máis (Pilochas, Maríamanuelas, Beneditos –hoxe tan doído no seu propio esquecemento, Susos Vaamondes, etc).

Implicáronse na loita pola dignidade, desde a lealdade, e hai moito tempo desde textos que falan do noso Pobo, de nós nesta deriva na que nos levan, da nosa historia incontada, da nosa autoestima derrotada tantas veces pola farsa e pola ousada forma das propagandas que deturpan a realidade. Falan tamén da vontade de ser que nos roubaron, dos perversos auto-odios e menosprezos que deron lugar a desapego e envexas, a gabanzas do alleo contra do propio, chegando a facernos crer que todo o que vén de fóra é mellor cá o noso.

Si, hai unha cuarta razón que é a aventura de cantar, de poñerse nun escenario diante do público, sen virtualidades nin virtualismos. Dando a cara e a voz. Nesa soidade que te aperta contra o asento, que che comprime os alentos, que che nubra os ollos mais non o corazón. É coma tirarse a voar desde o alto, como lanzarse ao precipicio dos silencios contidos que te observan e esculcan, de arriba a abaixo.

E ti, atópaste so. Nesa mudez agarrotada, nesa parálise chea de contracturas e medos, agarrándote aos teus dedos, cruzando as mans, sen saber onde meterte ou se, pola contra, escapar derrotado. Pero acodes á voz, en elevado ton, ese que rompe os xeos e que, aínda desde o tatexo impreciso, fai que tragues a emoción das verbas que se atopan na gorxa e entre elas consegues dicir un salouco, un alento na harmonía precisa de sentir xuntos.

Os ollos da xente sacódente, transfórmante, móvenche os esteos do teu corpo e ti, silandeiramente, dáste conta que xa nada é igual, pero tampouco distinto. Que xa hai miles de anos “uns poucos, moi poucos” se tiraron ao mesmo baleiro para –precisamente- derrotar a mudez e, desde a fraxilidade da voz, acenderon os ventos e foron quen de apreixalos. Si, desde a voz estremecida, foron quen de tocar afectos e de trocalos para aumentalos, para emocionar e darlle azos ao desexo, para acender soños e prender o lume das paixóns, descubrindo ceos inauditos! E fixérono desde a palabra e os laios da mesma dor, desde os saloucos para namorar ouvidos que che agasallan aqueles ollos atentos e brillantes que van canda ti, no mesmo soño, confabulando unha forza indescritible capaz de romper fronteiras, de descubrir segredos, de soletrear os latexos do corazón en sentimentos.

Ah, cantores e cantoras! Cuadrilla de vociferantes, xente que –se realmente é- non se somete nin se vende. Xentes periféricas sempre na vangarda, que non calan nunca, nada. Que chaman polo seu nome ás cousas. Que non abandonan loitas nin complicidades asentadas no amor ao Noso. Persoas de rigor e conviccións ben fondas,que se manteñen coa testa ergueita, mirando ao lonxe, para verse ben por dentro. Fan, esa loita denodada, gratis, e no esforzo dos seus propios recursos, na ansia desmedida de amor á Lingua, á raíz que nos terma á Terra, da Cultura en letras grandes.

A cambio reciben enormes esquecementos e falta de recoñecementos. Por iso hoxe, os que os propuxemos por xunto, queremos dicilo e ben alto, pois son cantores de auga fresca. Non teñen masas enormes de xente chamando por eles, non son BelenesEsteban nin Xesuses Vázquez, nin van ao Luar nin fan pregravados, eses modos tan levados da sibilina man dos adormecedores, dos perversos moduladores desa outra consciencia dos inconscientes, que mira para outro lado escrava e servil e que nada ten que ver co que aquí tratamos, pero que gozan de grande cotas de pantalla e seguidores. Nada que ver coa humilde pero sublime distinción de “Chairegos de honra”, honra que ademais lles obriga ao exercicio da entrega á nobre causa de amar sen límite, a desta humilde orixe.

Saberedes que a condición de chairego, aínda que sexa a xeito honorífico recoñece os esforzos revertidos na Terra Cha. E anque non dá esa propiedade real do atributo nativo, resume esa esencia orixinal que tanto nos honra, mesmo imprime un certo carácter, unha condición diante do mundo. É un selo identificador que nos fará teimudos no amor, na tolerancia e na calma; pousados na natureza do sosego. E permite persuadirnos non só da paisaxe que cabe nos ollos senón, a do no corazón que presinte e sente. Aquela que levamos dentro, na harmonía das distancias, sabéndonos estimados do encontro participado que se concentra en pequenas unidades afectivas e debe chegar á convivencia duradeira, consecuencia de sentirse socialmente integrados nunha unidade chairega que é de amparo e de busca do destino nesta Galiza que debe espertar dos soños e dos sonos pasivos e compracentes.

Temos un modo de ser, unha afección grande polas nosas letras, pola música, por deixar translucir no vocabulario eses fíos de conexión coa terra, eufonías que tecen muxicas de luz e aluman como estrelas en charetas incandescentes de soños que sempre soñamos. Músicas nas verbas, caracterizadas co “i” epentético que se mete no ce-i-o e faino máis azul, máis estrelado, …anque tamén abonde soidades e fainas máis “so-i-as”, máis “che-i-as” de nostalxia, nesa forma de señardade que se chega a espantar co renxer do eixo dun carro (M. Mª). …Dicimos “mai” con eme, un fonema moito máis pleno, que abarca a boca toda, bilabial e sonoro –porque, saberás, aí nese emeque nace bilabial como os bicos, está a propiedade posesiva: “miña mai”-para ela dous bicos- como sucede no gran Río “O Miño, meu pero tamén noso” que se afirma en pertenza total da orixe mesma, en comunidade.

Lembrade, que neste territorio que foi mar nos tempos non lembrados, somos sabedores de conciliar vontades para sobrevivir, para a loita común: xuntos, somos moito máis e sentimos a proximidade en forma de lenturas e fogar.

Ser chairego é sentir antes que nada, antes aínda de advertir as cousas. Xuntos lembraremos aconteceres dun mundo enteiro non dimensionado: a Terra Cha. Claro que si, somos galegos porque somos chairegos e levamos impresa a nosa marca, os acentos na honra de ser.

Descubride a nosa Matria, tamén con eme dos afectos, dos bicos soletreados nesta fala, ...e –por último- quixera que todos nos recoñezamos, na vosa compaña, aínda máis fortes, porque estamos seguros cumpriredes o mandado da honestidade que acaroades xa na distancia dos anos de exercicio,aplicándovos nesta nova causa en procedencia e no responsable orgullo de mantervos en pé de dignidade.

Así o expreso,coa miña devoción e o recoñecemento que facemos extensivo tamén para Carme e Mónica, colaboradoras imprescindibles deste amor desmedido pola verdade. Sabédevos, pois, meus amigos, na vosa casa!

(Palabras de Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero, na homenaxe a XOSÉ QUINTAS CANELLA e MIRO CASABELLA, o 16 de decembro, en Vilalba, no seu nomeamento como CHAIREGOS DE HONRA).
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania