Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O báculo de Mondoñedo tamén está en Cataluña

jueves, 14 de diciembre de 2017
O báculo de Mondoñedo tamén está en CataluñaQue cousas pasan! O chamado ‘Bácul de Mondoñedo’, peza singularísima da ourivería do románico, está exposta na sala 16 do Museu d`Art de Catalunya. Non sei se hai ou non probas documentais das sucesivas operacións que teletransportaron esta marabilla desde o Ribadeo de principios do s. XIII ata o MNAC do Parc de Montjuïc de Barcelona, museo onde se garda tamén, por certo, parte do controvertido ‘tesouro’ das monxas de Sijena.

Retrocedamos. Vaiamos á historia do báculo apelidado de Mondoñedo que en orixe, en realidade, procede de Ribadeo. Entre 1199 e 1218, breve período no que asentou en Ribadeo a diocese mindoniense, gobernaba o bispo astorgano Pelaio II de Cebeira. O tal morreu o 3 de novembro de 1218 e foi soterrado na Colexiata de Santa María do Campo de Ribadeo.

A mediados do s. XIX, cando o edificio da Colexiata estaba en ruínas, uns din que estaba na sancristía e outros que no sartego cos restos do bispo, apareceu o báculo do que falamos, xunto con dúas “sandalias de guadamacil pajizo y negro”, obxectos que foron trasladados entón á sede catedralicia de Mondoñedo e custodiados na secretaría de cámara do bispo.

O báculo en cuestión é unha fermosa peza de Limoges datada no primeiro cuarto do s. XIII, elaborada en cobre embutido e repuxado, cicelado e dourado con aplicación de esmalte «champlevé» e perlas de vidro;medidas, 32,1 x 14,9 x 7,6 cm. En 1859 o arqueólogo e historiador José Vilaamil e Castro enviou á Real Academia da Historia un informe moi detallado, acompañado de magníficos debuxos. A esfera, dicía, remata en forma de voluta con cabeza de serpe; no interior, o arcanxo Gabriel (San Miguel) loita contra un dragón, cuxa cola se alarga ata a empuñadura. J. Villaamil deu a coñecer estas pezas xunto cos debuxos en sucesivas publicacións da súa autoría.

En 1873 o goberno da I República ordena incautar o báculo xunto con outras pezas e ordena que se envíe ao Museo Arqueológico Nacional para a súa conservación en depósito ata que “se organizara el provincial de Lugo”.

Porén, a orde non se chegou a executar e o báculo e outras pezas permaneceron ao coidado do Goberno Civil de Lugo ata que en febreiro O báculo de Mondoñedo tamén está en Cataluñade 1875 o cabido mindoniense, a petición do gobernador civil de Lugo,  elabora unha listaxe de pezas incautadas en tempos da República para recuperalas. E así foi!

Despois, o báculo viaxou como peza singular que era á Exposición Histórico-Europea que se celebrou en Madrid en 1892 e 1893 e á Exposición Rexional de Santiago de 1909.

Mais as peripecias do noso báculo non acaban aquí. En 1912, ou 1913, para facerlle fronte ás débedas por unhas obras que se realizaron entre 1910 e 1912 na catedral  de Mondoñedo, e que excederan moito o orzamento inicial, o Cabido, co consentimento escrito do bispo Juan José Solís, venderon o báculo ao coleccionista catalán Lluis Plandiura pola cantidade, apunta E. Cal Pardo, de 38.000 pesetas.

O 9 de novembro de 1.934 o Museo Nacional d’Art de Catalunya merca mil oitocentos sesenta e nove obxectos da colección Lluis Plandiura por 7.000.000 de pesetas. O báculo era un deles!

Aínda que no Museo Catedralicio e Diocesano de Mondoñedo se conserva unha réplica de tan singular peza, non estaría demais pedir que se deixase ver por aquí a orixinal (a falta de dereitos de retracto) como fixo en 1991 con ocasión da magna exposición ‘Galicia no tempo’.

Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo.
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES