Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Alonso Montero... e outros profesores, con gratitude

jueves, 07 de diciembre de 2017
O vindeiro quince de Decembro, reunirémonos en Lugo unha morea de Mestres que remataron a carreira na escola Normal de Maxisterio de Lugo no ano 1.967. O acto, organizado polo amigo Mendi, consistirá nunha xuntanza gastronómica no restaurante Manuel e Manuel.

Se un se decata un pouco, cómpre reparar que esos cincuenta anos da nosa vida son o corazón de cadaun de nós. Rematada a carreira de Maxisterio e, aínda por distintos vieros, vivimos, moitos de nós adicados ó ensino, para sementar cal labregos os nosos soños nuns nenos que xa non coñoceron aquel Lugo gris da nosa mocedade. Aquel Lugo de pedra gris, de famosa e magnífica muralla gris (e lousa verdosa con musgo da chuvia), de ceo gris,de roupa gris, de fala gris, de ensino gris…ata a policía era gris. Estamos a falar dos tempos da “longa noite de pedra”, que moitos descoñecíamos, porque vivíamos no oscuratismo que supoñía a dictadura. Mágoa que agora surxan grupos de ignorantes nostálxicos daqueles tempos. Non sería malo estudiar aquela Historia.

Éramos, na maioría dos casos, rapazas e rapaces vidos de todo-los rincóns da provincia mixturados cos da capital (a mixtura non era fácil, por mor do estúpido clasismo) que compartíamos clases aló na avenida Ramón Ferreiro desde o ano 65. Non crea nadie que era doado poder estudiar en Lugo unha carreira,aínda que fose só de tres anos. As familias, en moitos casos, buscaban alugueres baratos, nas casas dos veciños da aldea, e abastecíanas de patacas e outras viandas para facer máis levadeira a estancia. Outros, máis afortunados, parábamos en pensións onde compartíamos habitación con outros compañeiros.

A mín a xente da “Perla”, a miña pensión, onde máis tarde estivo o “Portón do Recanto”, tratáronme moi ben e aguantáronme moitos excesos de xuventude.

Sempre que voltei a Lugo, poucas veces por entón, sentín vergoña para ir a velos. ¡Qué boa xente era! Eran os pais daquel, famoso por entón, Manolo Pérez, piragüista de moita sona en K2.

Naquela escola de Maxisterio, ó carón da agarimosa Dñª Ana María Mujica, directora e profesora de Física e Química- cada un fala da feira como lle vai nela- recibíamos clases de Lengua e Literatura do xenial Alonso Montero; Matemáticas da Srta. Lourdes; Filosofía e Ontoloxía do recto D. Joaquín Marbán; música da sensible Srta. Cecilia Cedrón; Dibuxo e Agricultura do inxeniero e boa persoa Sr. Calleja; Manualidades do bonachón D. Gregorio Gullón ( tío da nosa compañeira Conchita); Política do controvertido Blas Escolante ( conmigo portouse excelentemente… e ben sabe Deus o que penso da Falanxe da que fuxín cando puiden); E. Física de D. Gregorio Rivera, avó da diputada de Ciudadáns, Marta Rivera de la Cruz; Relixión, da man do crego D. Celestino; Pedagoxía a cargo de Dñª Esther Uría…

Certamente…¡pasaron tántos anos! Eu era tan folgazán, que non recordo ben as cousas por dúas razóns: non rematei a carreira con esta promoción senón coa siguiente;tamén houbo algúns cambios de profesorado como D. Xulio Ulloa Vence, profesor, a máis de amiguete, de Ciencias Naturales e Agricultura; o despois tan famoso e teimado Cacharro Pardo a quen Deus perdoe, pola miña banda tamén, aínda que moitos quixeran cobrar facturas.

Teño moitas anécdotas, pero, como din sempre que diría Kippling, isa é outra historia… que non quero mixturar porque hoxe, coma todo-los días, é bó día para falar ben da xente.

Con vinte anos o mundo é ancho e pequeño o mesmo tempo. Ancho para vivir e pequeno para ver. Así que nós vivíamos (repito que sempre hai alomenos unha excepción e iles dín que eu era distinto e formaba parte dela) vivíamos para saca-la carreira de mestre e ter traballo, a poder ser, fixo.

Aproba-las oposicións era o clímax. Non estamos a falar da vaca que se vendía para ir a ver a D. Fulano. Tamén había quen estudiaba moito é aprobaba.

Quede claro que eu era unha excepción. A mín gostábame toma-los viños sen fronteiras, procurar uns labios acolledores e ir de farra onde fose menester. Moza, moza nunca tuven, porque aquelo eran ligues imposibles. Era moi difícil a cousa do sexo. Fame espesa. Na miña xeneración diso, pasamos moita fame, da outra menos: Había patacas.

Dicía que en Maxisterio había a ledicia da xuventude; o ar festivo do riso fácil; a solidariedade que nunca é inxenua; o respeto ós profesores que tanto botamos despois de menos; as trastadas nas clases; os erros nos exámenes e maldade para rirnos dos compañeiros; as olladas furtivas cando tiñamos ocasión. ¡ Qué manía de separarnos por sexos! Tamén había deporte, para mín o menos malo.

¡Cánta gargallada saltando o plinton! E ¡cántos paus nos…! ( léeno donas). A mín gostábame face-las rifas para saca-los cartos para a excursiónde fin de curso; organiza-lo bar da Escola e vender bocatas de mexilóns para facer caixa.

Tarballaba máis que no bar de meus pais en Viveiro. Organizábamos guateques nos sitios máis raros: a gasolinera dos “Claveles”, no restaurante La Ruta na carretera da Coruña e que pertenecía a un tal Garcia, logo presidente do Lugo; nos baixos da Caixa de aforros, perto da catedral… organizábamos festivais navideños e de fin de curso e tamén elexíamos a “Miss Maxisterio”. Levábamos grupos de Lugo, como o cantante de moda, o meu amigo Fredy, ganador do “Festival do Landro” no 1967, Carlos Mouriño ou o grupo “Kalú 96”… todo iso no salón de actos da Normal.

Tamén tiñamos en maxisterio un periódico, feito con ciclostil, chamado “Escola” para faceremos os nosos “pinitos” , pero era un coto pechado onde non cabíamos os rebellos. Cousa da docilidade que sempre levei mal.

Cando saíamos da clases, se íamos, contábamos ata a mitade dos vinntedous bares da Ruanova, comíamos os mexilóns no Barreiros ( Praza do Campo), a orella no “Neno” ( Ruanova) ou a ensaladilla no “Cinco ¿ou eran seis? Vigas” ( Rúa da Cruz) … tamén íamos á rúa do “Progreso” ó “ Calvo”, con Gonzalo e Manolito; ó “Castroverde” ( alí recordei ó ex alcalde de Lugo sr. López Orozco cando era un anónimo ciudadán)… por bares que non fora. Estábamos servidos.

Paseábamos pola calle da Reina (hoxe Raíña), “controlábamos” o colexio das monxas da praza de Santo Domingo, escoitábamos“ Aline“ e outras cancións románticas no “Monterrey” , tomando unha fanta e un capuchino, esperando que alguna rapaza ociosa reparara en nós. Sen éxito. A mín gostábame o bar “Madrid” ( hoxe Canela) onde escribía as “chuletas” para os exámenes. Dábaseme ben. Mentras os compañeiros asistían ás clases, botabamo-la partida no “Abuelo”, frente á “Coruñesa”, e xogabámo-la copa de guinda. Ou as copas.

Non reparábamos, sempre que chegaran os cartos. Andar á última pregunta é consustancial ao estudiante farreiro, aínda que eu tiña “banco propio”, no “Argentino”, Manolo Palelas, afamado atleta xa retirado, ou algún viveirés de paso. ¡ aló vai o bó Pablito, limpiabotas, vendedor de lotería e colega de farras!

Nise contexto, tan somero e que requeriría moitas vivencias máis, cómpre salientar varias cousas que me marcaron: tanto viño mata; tanta vulgaridade e mediocridade tamén; e ser tan parvo coma mín que non soupo exprimir aqueles anos convivindo con D. Xesús Alonso Montero, vendo pasar de cotío a Ánxel Fole, co seu xeito de vivir tan sinxelo, sen saber quen era Novoneira, non reparando en Arcadio López Casanova ou o mesmo Manuel María… Ver en Mero un compañeiro máis e non impregnarme daquel xeito deles de quere-la Terra é unha falla máis nos erros meus.

Pasaron cincuenta anos e a moitos daqueles compañeiros non os coñezo, porque os vieros ou comaros da vida serpentean levando a cada quen ó seu lar. Algúns tristemente o camposanto. ( Deus os acolla), outros non podrán vir polos avatares da vida e uns poucos xuntaremos con ledicia, gracias o esforzo dun bó e xeneroso compañeiro como é Mendi.

Que estas verbas, cortas e escritas á presa, sirvan para apreixoar coa mais fondosa aperta a todos iles e en especial a ise enorme profesor como foi e sigue a ser Alonso Montero,verdadeiro faro de moitos de nós, nisa ledicia obrigada que é ama-la Terra, vivir para ela e loitar por ela. Sinceramente grazas.
Timiraos, Ricardo
Timiraos, Ricardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES