Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xaquín e os cregos de Ferrolterra nos anos 60/70

lunes, 04 de diciembre de 2017
Presentamos o libro Ganduxando vidas. Xaquín Campo Freire. Igrexa Galega. Así se ve na primeira capa, xunto con unha excelente caricatura da autoría do amigo Siro, tan familiar no Ateneo que nos acolle.

No monólito erixido en Piñeiros-Narón pódese ler:Xaquín Campo Freire. Compañeiro de camiño, ganduxador de novos amenceres, Galiza no corazón. Ver páxina 181.

Non podemos desvincular a Xaquín Campo Freire do grupo de cregos dos anos 60-70, daquela igrexa diocesana, con aquel bispo D. Jacinto Argaya e daquel Ferrol e Comarca: Pepe Chao Rego, Cuco Ruíz de Cortázar, Gabriel Vázquez Seijas, Pepe Ruibal,Vicente Couce, Antón Martínez Aneiros, Anxo Ferreiro Currás, Bernardo García Cendán, Manuel Cillero, Ramón Diaz Raña, D. Gabriel Pita da Veiga, o bispo D. Miguel Anxo Araújo Iglesias, Manolo Ladra, Manolo Bello Trigo, e así ata vintecinco máis.

Concilio Vaticano II. Concilio Galego. A liturxia pasando do latín ás linguas modernas. O movemento de renovación pastoral e catequética. A Teoloxía da liberación a prol dos pobres. Os Coloquios de Parroquias, etc.

A opción dos cregos polo traballo civil para non dependeren economicamente nin da nómina do Estado, nin do bispo que toque e para seren gratuítos e así non ser gravosos á xente das freguesías, que tanto lles custaba vivir. E sobre todo para ter unha palabra libre.

E de paso facíanse homes normais nunha vida e sociedade normal coa que querían formar pobo, país, familia e na que querían vivir.

Desclasarse cara abaixo, xa que foran empoleirados artificialmente cara arriba a un status que non lles pertencía.

Na linguaxe bíblico- teolóxica iso chámase conversión evanxélica de vida, seguindo ao mestre, Xesús de Nazaré.

Naqueles intres tiñan uns exemplos moi vivos a seguir: o movemento dos sacerdotes obreiros franceses, os da misión de Francia e os Sacerdotes do Prado. E o Coloquio Europeo de Parroquias no 1964 en Viena ao que Pepe Chao levou unha ponencia e que tanto nos axudou.

De aí nacerían Boa Nova, Irimia e as Romaxes. E en Ferrol naceu Encrucillada.
Pero non podemos deixar de lado o franquismo, o bunker militar de Ferrol e as condicións de pobreza, miseria, emigración, mundo xitano, éxodo rural, a falta de escolas, de sanidade, dunha asistencia social seria, as familias numerosas, etc.

Unha igrexa oficial a nivel de bispos e clero alto, sempre casados co poder político establecido e coas clases economicamente dominantes e dirixentes principalmente na ditadura. Un sistema policial abusador. Un poder xudicial en mans do ditador sen independencia, o famoso TOP, Tribunal de Orden Público de nefasta memoria.

Pola outra banda, en Ferrol e Comarca, no estrato social e popular, tiñamos un movemento obreiro moi forte, moi organizado, moi combativo, que era predominante entoda a bisbarra, principalmente asentado no hábitat das nosas parroquias que poboaban a redonda máis próxima, a dos Ensanches, e as periferias na volta de Ferrolterra.

Non había crase media, nin grupo cultural significativo. Todo era bipolar. Mariña de guerra, militares e forzas policiais por un lado e mundo obreiro polo outro. Absolutamente enfrontados e con intereses contrapostos.

Débeselle ao bispo Argaya Goicoechea, D. Jacinto, unha análise seria da situación socio-economico-cultural e relixiosa de Ferrol.

Pastoralmente estaba él moi preocupado por esta cidade e contornas. Con unha visión de auténtico pastor foi creando novas parroquias e traendo paulatinamente a Ferrol ata uns 25 cregos moi formados e con afán de entrega evanxélica.

Eles tiveron de descubrir Ferrol e o mundo real e verdadeiro co que convivían a cotío. Ese mundo transformounos a eles e eles deixáronse transformar ben axiña, vendo a dor e sufrimento nas propias casas, familias e as inxustizas coas veciñanzas. Os que estades aquí sabedes moi ben do que estou a falar.

Convertéronse en auténticos educadores de democracia e desenvolvemento social e relixioso. Non abandonaron a súa misión. Foron sempre bos curas. Pero levaron a súa fe á vida real, onde viven, se alegran, sofren e morren as persoas concretas.

Xaquín sempre fala e recoñece que o mundo obreiro e Ferrol foi para el a mellor universidade. A universidade da vida. Que lle fixo descubrir a fondo que el naceu neno de aldea e, coma o Balbino de Neira Vilas, tivo que ir liberándose de falsos esquemas para saber definitivamente de quen viña sendo: De Xaquín de Roca, unha antiga familia dunha aldea da Galiza na que sempre falaron galego coma toda a caste rural e proletaria na que naceron.

Ese Xaquín que coñecemos fómolo debuxando máis polo miúdo algúns dos moitos amigos das distintas parroquias e realidades polas que el pasou.

Aquí tendes o libro GANDUXANDO VIDAS. Desde a súa persoa fómonos vinculando moitos que non nos coñeciamos, por iso o rebautizamos como:Ganduxador de novos amenceres. Sempre con Galiza no corazón.

Grazas.

(Palabras de Nieves Espiñeira na presentación do libro GANDUXANDO VIDAS, homenaxe colectivo a Xaquín Campo-Xaquín de Roca, no Ateneo ferrolán, o pasado 30 de novembro de 2017. Nieves Espiñeira foi e é parte esencial do colectivo GANDUXANDO VIDAS).
Espiñeira Medín, Nieves
Espiñeira Medín, Nieves


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES