Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A calva de Cunqueiro

martes, 28 de noviembre de 2017
Como é sabido e resabido, tocar calvas atrae a sorte. É esta unha disciplina que se practica con vehemencia, pode que tamén con abuso de confianza, cando se achegan os grandes sorteos de lotaría que pechan e abren o ano. Se non coincide o premio co número do billete que se refrega contra o vougo do individuo pelado, tampouco orixina, ou non está confirmado cientificamente, infortunios de maior envergadura.

O caso é que dun tempo a esta parte comezou a circular un ruxerruxe por Mondoñedo. Un rumor persistente do que non se sabe, polo de agora, a causa. Puido ter a orixe nas penurias destes tempos de crise económica ou talvez se fabricou con algunha intención descoñecida nas catacumbas onde se fabrican as esencias das modernas lendas urbanas. O caso é que por a carón da escultura de Cunqueiro que hai na Praza da Catedral de Mondoñedo pasa cada día máis xente. Moita máis da que pasaba e que non pasa, como se puido comprobar, só por pasar. Tense observado que coa desculpa de tirar unha foto ou autofoto na compaña de Cunqueiro, mentres fan que se acomodan para encadrar a foto, acarician coa man espida o curuto da cabeza de don Álvaro pola parte onde o pelo brilla ausente.

San Pedro, o porteiro do Ceo, quedou calvo por egoísta, por querer reservar para el só unha bola acabada de cocer. Agachouna entre a boina e a cachola e… aló se foi todo o pelo. O encanto da Pena de Librán de Rececende (A Pontenova) converteu en calvos a todos os homes dunha familia por fallar un devanceiro nun rito de desencantamento. Soprou e, ala! Crista limpa para varias xeracións!

Cando o Sinbad que inventou Cunqueiro, logo de presentarse á concorrencia vestido cunha capa dourada e unha pamela branca na cabeza, e de sentar no horto entre os repolos nun cesto de vimbio amarelo, preguntou ao piloto do Califa de que illa estaba disfrazado, contestoulle este erroneamente que da Illa de Calvo. Se a coñecese debera dicirlle, como axiña corrixiu Alí, que semellaba a illa con volcán chamada Kafirete.

Sinbad retirou a pamela da cabeza, feliz por recuperar o dereito a ser escoitado nos faladoiros, e non tivo inconveniente en mostrar a súa cachola “calva, monda e lironda” para logo cubrila cun turbante de seda colorada que lle achegou Sari.

Como Cunqueiro a Sinbad, representou Puchades a Cunqueiro, ambos coa cabeza erma de pelame para favorecer o tránsito da imaxinación de dentro a fóra e así poder compartir doadamente con quen quixer os seus efectos terapéuticos.

Á parte da ilusión prosaica de procurar que nos favoreza a sorte na lotaría, pousar a man espida sobre a calva de bronce de Cunqueiro, e isto é verdade verdadeira, estimula o fantasiar, engraxa a imaxinación e activa, en resumo, as glándulas do soñar. Acariciando a calva de Cunqueiro pálpase, e aí está a verdadeira maxia, a finísima pel de chumbo e estaño que separa o noso desexo da máquina de inventar do grande fabulador.

Unha recomendación, para rematar. Se pasades por Mondoñedo calquera día non deixedes para outra ocasión acariciar a crisma ‘monda e lironda’ de Cunqueiro. Só os que o fixemos con certa reiteración sabemos, aínda que non se nos note demasiado, dos seus máxicos efectos.

(Antonio Reigosa é cronista oficial de Mondoñedo)
Reigosa, Antonio
Reigosa, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES