Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Extremar o coidado

lunes, 16 de octubre de 2017
A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere expresar as súas condolencias a todas as persoas afectadas pola vaga de incendios que está a devastar Galicia, e moi especialmente ás familiares e achegadas das vítimas mortais.

Así mesmo, nunha situación de emerxencias delicada e complexa como a actual, cómpre lembrar unha vez máis a necesidade de exercer un xornalismo responsábel que transmita á cidadanía con rapidez mais tamén con rigor. Para isto, o Colexio de Xornalistas ten a disposición dos e das profesionais a Guía práctica para o tratamento informativo de emerxencias, catástrofes e persoas desaparecidas e o Decálogo de recomendacións para medios e xornalistas de sucesos de catástrofe.

Parece especialmente necesario salientar dúas das recomendacións para cubrir sucesos de emerxencias, á vista dalgunhas informacións publicadas nas últimas horas. A primeira é a necesidade de usar con especial coidado o material gravado por terceiros, aínda máis no caso daquel procedente das redes sociais. Este tipo de gravacións non poden ser emitidas en bruto, senón que deben ser sempre contrastadas e editadas, para evitar a emisión de imaxes innecesarias ou que só transmitan espectacularización.

Por outro lado, cómpre insistir en que os medios deben evitar a precipitación á hora de atribuír responsabilidades. No caso dos lumes, como na meirande parte dos sucesos de catástrofe, a investigación para coñecer con exactitude as causas pode levar un tempo, polo que transmitir explicacións apresuradas resulta especialmente irresponsábel. O feito de que algunhas fontes insistan en apuntar a unhas ou outras orixes non debe facer esquecer aos e ás xornalistas que estas declaracións deben ser tratadas como hipóteses, e que é necesario recorrer a fontes expertas para evitar interpretacións interesadas.

Nunha situación de desacougo como a que está a arrasar Galicia nestes momentos, é importante que os e as profesionais da comunicación manteñan a calma e o rigor para informar dunha maneira veraz, responsábel e acorde co Código Deontolóxico. Esa é a mellor maneira de contribuír desde o xornalismo á extinción do lume que ataca a nosa terra.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES