Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ten a súa graza: Entrevista a min

jueves, 28 de septiembre de 2017
Con motivo de cumprir no mes de xuño deste ano os 50 de cura e de cesar oficialmente de párroco de seis parroquias, dalgunhas desde setembro do 1973, quixo facerme unha entrevista a amiga Cristina Pérez prá sección A Chaira de El Progreso. Accedín sen moitas voltas por quen mo pedía e tamén porque creo ter algo que dicir. Despois de publicada puiden comprobar que lle interesaba a alguén o que dixen, sen que iso signifique que non estea convencido de que outros nas mesmas circunstancias poden ter máis e mellor que contar ca min.

Co permiso de Cristina e o visto bo da xente de Galicia Dixital, traio aquí a tal entrevista con algún mínimo retoque; porque a periodista xa me facilitou moito o traballo. Se a le alguén e lle gusta, mellor, e se non saio do paso esta semana sen quebrar moito a cabeza.
Ten a súa graza: Entrevista a min
ENTREVISTA A XOSÉ MANUEL CARBALLO FERREIRO
Cristina Pérez

1-O ano das súas vodas de ouro é tamén o da súa xubilación, que balance fai destes 50 anos?

Repito o que xa dixen noutras ocasións, porque así o teño pensado e repensado: O sabido, sabido, volvería a coller o mesmo camiño. Aproximadamente, non cambiaría un 50%, melloraría un 25 e evitaría outro 25. Xubilado xa estaba. Agora retirado da atención a parroquias. Xa hai dous anos que as ven atendendo, e moi ben, o meu sucesor, Javier Rodríguez Couce, que me permite axudarlle algo.

2-Lembra que foi o que encamiñou os seus pasos cara a Igrexa?

Si, ós 9 anos xa me gustaba disfrazarme e os curas nas misas poñían unhas cousas que daban que ver, sobre todo cando misaban tres. Ós 20 seguíame gustando disfrazarme pero non seguín pra cura por iso. Parecíame que sendo sacerdote podía prestar un bo servizo ás persoas, inclusive axudando a crer e celebrar a fe; pero a ser cura aínda sigo aprendendo cada día. Ser cura é un dos medios de exercer o sacerdocio, non o único.

3-Ten dito que a súa vida xira sobre dous eixes: a difusión do Evanxeo e a valoración e promoción do rural. Cre que cumpriu obxectivos?

Os obxectivos sempre deben ser un pouco altos pra converterse nun ideal. O ideal de vida non o alcancei. Analizando matematicamente os resultados destes 50 anos diría que son un fracasado. Nin vexo que se viva mellor o Evanxeo ca cando empecei, porque é grande a descristianización; nin que o rural vaia pra riba, porque agoniza. E, non obstante creo que pagou a pena, porque non todo é matemática. Non son o único nin o principal responsable. O “cambio climático” afecta tamén ós espíritos.

4-Que necesitaría o rural pra que deixasen de pecharse casas?

Que ademais de algúns curas pra axudarlle a ben morrer ó seu debido tempo, houbese moitos políticos que tomasen en serio axudarlle desde hai tempo a ben vivir. Así e todo, sendo una das miñas obrigas, enterrar con pena ós fregueses, amigos, fíxenme cura prós vivos e non prós mortos

5-Hai solucións pra unha igrexa na que cada vez hai menos vocacións e cunha gran carencia de párrocos?

Hai, se a Igrexa non se reduce a un club no que eu xa pago a miña cota (ou nin a pago) e agora que toureen outros. E se hai sangue na praza, máis emoción. Se cada un toma en serio a súa función e a realiza convencido e encariñado hai futuro. Pra iso ten que haber grandes cambios na xerarquía eclesiástica mirando ás orixes da Igrexa, pero tamén en cada membro se é un membro vivo e non paralítico.

6-Mestre, mago, concelleiro, escritor, director de teatro, párroco... hiperactividade ou necesidade?

Probablemente algo de Quixote, (polas gorduras son máis Quixote ca Sancho). Gústame experimentar pra coñecer e coñecerme. Se non me traizoa o subconsciente, todo son distintos medios ó servizo da función de cura. Sei que temos pra ofrecerlle ó mundo un tesouro, o Evanxeo, hai que tratar de envolvelo en papel atraínte e novidoso, non amarelado e revellecido.

7-E todas esas facetas, sempre en galego?

Si, porque estou en Galicia e no rural. Se estivese en Nixeria sería en “morito”, porque a mensaxe de Xesús só é salvadora se é prá muller e o home de aquí e de agora. De todos xeitos… Se estivese en Nixeria, víñame pra Galicia.

8- Afrontou, por exemplo, un grave accidente de tráfico ou un cancro que lle tocou unha das súa grandes ferramentas, a voz, Deus púxoo a proba?

Non. Deus non anda con esas argalladas de xogar a apertar sen chegar a afogar. Deus ten bo humor, pero é serio, A culpa do accidente non foi de Deus. El non ía conducindo o tractor que se me atravesou diante. E a culpa do cancro foi un pouco miña, por fumar, pero moito máis foi culpa das multinacionais tabaqueiras e das autoridades sanitarias por permitiren os aditivos canceríxenos que crean tanta dependencia coma a heroína, nos cigarros. Perseguen ó fumador e reciben regalos das tabaqueiras. Deus fixo abondo con estar comigo no sufrimento. Non lle pido máis e chégame. Pero como tamén lle gusta disfrazarse, fíxose presente na familia, nos amigos e amigas, nalgúns sanitarios, na oración, na comuñón... Ademáis, perdín voz, pero conservo a ferramenta da palabra.

9-Os Baluros/valuros, son unha constante na súa traxectoria, co grupo de teatro, a festa... quen son os valuros?

Hoxe son os membros dun grupo de teatro e de outro de folclore galego. Todos moi bos. Disque desa raza vimos os chairegos, ou que os chairegos somos (B)Valuros. Eran xentes con defectos, pero con imaxinación e creatividade, capaces ata de venderlles indulxencias falsas ós bispos e de convencer á xente de que as rás que cantan na lagoa de Caque son once mil virxes que hai que desencantar. Convencían ata conseguir esmolas polas feiras e mercados. Mágoa que non lles dese pola política, por aquilo de ”la imaginación al poder”.

9-Se Don Otto volvese de viaxe pola Chaira, que impresión levaría? Habería que escribir unha segunda parte?

Nunca segundas partes foron boas. Agora quen parece que viña de boa gana dar una volta é un fillastro de Don Otto que foi un dos miles de nenos desaparecidos en Alemania durante e despois da segunda guerra mundial. Levaría boa impresión das xentes en xeral. Boa do progreso e nivel dalgunhas zonas, e pena polo despoboamento progresivo e as terras produtivas a monte.

10-E agora, xa xubilado, que lle resta por facer? Algún proxecto en mente?

Estou traballando en varios, porque, debido ás dificultades respiratorias, teño que estar moito tempo quieto, pero procuro estar pouco parado. De todas maneiras sigo facendo de cura mediante escritos, whatssaps e correos electrónicos. Agora falo moito cos dedos.

11- Leva xa unha boa presa de homenaxes e recoñecementos, bota algún en falta? Si, pero non para agora! Espero que haxa unha festiña cando me suban do purgatorio, porque sen unas chamuzcadiñas non libro.

De preto

1-Deus existe? E o resto dos deuses?

Xa quixera ter todo clariño.Non che sei. Os homes, máis que as mulleres, levamos inventados moitos deuses á nosa imaxe e así foron saíndo: violentos, vingativos, cabreados, guerreiros, racistas, sedentos de sangue. O Deus do Evanxeo non é así. Visto a modiño é moi humano e humanitario. A min este convénceme, pero tamén foi e é manipulado por veces, e sempre hai o perigo de querer meter nunha gaiola o Espírito Santo, ou recortarlle as alas e que non poida voar ceibe.

2-De non ser crego sería?

Facedor de amigos, por exemplo, Ou probablemente cura. Non tiven tempo a aburrirme nadiña e paseino ben. A ver se se anima alguén máis. Nin hai paro, nin o traballo é matador e vaise gañando pra vivir.

3-Unha pasaxe bíblica?

“Collido de entre os homes pra servir ós homes e mulleres”. (Hebreos, 5) Espero que algún día sexa realidade tamén: “Collido, ou collida, de entre os homes, e mulleres…

4-Un truco de maxia?

Os aros chinos presentado á miña maneira, como símbolo de unión entre persoas.

5-Un escritor?

Uf! Tería que ser por materias. En narrativa, Cunqueiro

6-Unha obra?

Escola de menciñeiros

7-E se lle preguntan por novas tecnoloxías e redes sociais.

Din que nos controlan, escravizan e restan liberdade, e créoo, pero xa son tan necesarias coma o coche pra moverse polo mundo.

8-Un recuncho chairego?

O monte da Escrita en Santa Locaia de Castro de Rei, co monumento de 15 metros de alto ó Sagrado Corazón e unha das mellores vistas de toda a Chaira.
Carballo, Xosé Manuel
Carballo, Xosé Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES