Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

No pasamento de Alfonso Zulueta de Haz

miércoles, 05 de julio de 2017
Nado en Vigo, rematou nesta cidade o pasado martes, 27 de xuño, a súa longa e frutífera andaina vital, preto xa dos 93 anos, Alfonso Zulueta de Haz. Os que amamos e loitamos por unha Galicia fiel ós rumorosos ecos que nos chegan do seu antigo e florecente pasado e aberta ó tempo a un porvir digno da súa cultura, da súa lingua e da súa conciencia nacional, non podemos deixar de lle agradecer o seu traballo e a súa teima a prol deste proxecto de dignificación do país.

En tal tarefa non sobra ninguén, procedan dun ou doutro lugar, dunha ou doutra posición ideolóxica ou persoal. Zulueta, pola súa parte, foi un bo cristián, na liña daquel estraño crego xesuíta chamado Xaime Seixas Subirá co que tanto colaborou, que tiña amigos de calquera ideoloxía ou relixión mentres estivesen abertos ás necesidades dos demais, fosen estas físicas ou vitais, políticas, sociais, culturais ou de calquera outro xénero.

Así, Zulueta compaxinou en si as súas competencias como notario coas de creador-coa axuda e apoio da súa agarimosa dona María Teresa Fernández Cabaleiro-de centros asistenciais para necesitados ou marxinados en diversos lugares (como as diversas institucións que levan o nome de Xoán XXIII, Sálvora, etc.) , sen deixar de lado o seu traballo a prol da lingua galega, de maneira especial nun eido tan abandonado pola igrexa galega como o seu uso na liturxia. Aí está a editorial SEPT como proba deste seu sostido esforzo pola inculturación da igrexa galea. Onde fose necesario o seu apoio técnico, intelectual e incluso económico, alí estaba Zulueta presente. É moito o que a el lle deben moi distintas entidades culturais do país, coma o Ateneo de Pontevedra, o Consello da Cultura Galega, a Penzol, a editorial Galaxia, etc...

Persoeiros coma el que non se pechen en si mesmos senón que estean abertos ás necesidades humanas, sociais e políticas da xente son os que nos fan falla. Alfonso foi nisto sen dúbida un preclaro exemplo para todos nós. Grazas pola túa vida, Alfonso!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES