Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre lusco e fusco (14)

martes, 27 de junio de 2017
Un espello no camiño da feira

Precisámolo, moitísimo; ¿Para qué? ¡Para ve-lo camiño, para escolle-lo camiño! Daquela vexamos, ollemos:

“O que non nada, afonda; e o que compra máis do que vende, afúndese”. Este refrán non entraba nos programas das carreiras de Económicas, polo menos nos do século pasado, pero eu, un cidadán veterano, desde este ordenador tan desordenado pido e propoño que se incorpore aos plans actuais, agora que estamos de reformas educativas, e tamén en Dereito, xa que de Dereito veñen gran parte deses torcidos, deses “entuertos”, como dicía Cervantes, destes que nos están rexendo, rexendo e administrando. ¡Cura, Letrado, ou Secretario de Casa Real!, era o lema das fidalguías hispanas, pero a xente de agora rise dos refráns pois demos en dicir que son cousa dos antigos, e por tanto, dos iletrados… ¡Que se lle vai facer!

Doutra banda, neste país prosperou a crenza de que os noticiarios son o mellor entretemento dos vellos… ¡Que va: os noticiarios desfanlles os nervios, toléanos; hai que ir á feira por outro camiño! En definitiva: que aínda nos queda moito sen aprender, sen dixerir!
Entre lusco e fusco (14)
O que confortaba aos vellos, moitísimo, era acudir ás feiras…, non para vender sobrantes, que poucas veces os tiñan, senón para desfacerse dunha parte dos seus produtos, pois aqueles si que engadían valor: ¡Do leite facían queixos e manteiga; agachábanse para recoller as landras, e con elas eses irmáns tan agradecidos, chamados porcos, que aínda non sei por qué, traducíanas en unto, elemento indispensable para o caldo galego; e máis, moitas máis! Das catro cadelas así logradas, no meu país unha dábanlla ao Acevedo…, para que seguise tocando a pandeireta, para que cantase coplas de escarnio e maldicir!

Nas aldeas, a preguiza, ¿ou foron os predicotes dos políticos, estes sucesores daqueles frades predicadores?, levounos ao monocultivo: vacas ou eucaliptos! E nas cidades a fantasía…, como din os mouros, “vesaf la fantasía…, e con ela a barriga vacía!, levounos a montar servizos, ¡todo servizos! ¿Da fase intermedia, da secundaria, ese precepto económico, básico, de engadir valores, qué? ¡Nada, cero, vesaf la fantasía! Aló lonxe, mesmo na Fisterra, e por tanto un emprazamento axeitado para fabricar, para elaborar, para engadir valor ás cousas exportables, había unha cidade na que o seu Alcalde non se cansaba de pregoar: “La Coruña, ciudad de servicios!”. Pois ben, os servizos só teñen venda cando hai ricos, e non hai ricos onde non se produce, onde non se elabora, así que a tal cidade, maiormente nas rúas máis céntricas, precisamente nas do servizos, converteuse nun escaparate monumental onde só se ven uns letreiros que din: “¡Pechamos por inanición!”. En vista diso, vou á feira de Barcelos, que alí os galos son galos de verdade, de verdade e non de pantalla televisiva, cacarexando do que non entenden…, ou non queren entender! ¿Onde? ¡Baixando, á esquerda!
-.-

Só perde o que non pelexa

إلا أنه يفقد تلك المعركة لا

¡Que certo é este proverbio! Das pelexas, das pacíficas por suposto, sempre se tira unha experiencia; e, ¿que é a vida senón un edificio construído a base de experiencias? Pode resultar unha chabola ou un rañaceos, segundo os anos de vida, pero está máis ben en proporción directa á dedicación, e coa dedicación á perseveranza que lle prestemos.

Para Horacio, “¡Eheu! Fugaces labúntur anni!”. ¡Ai! Os anos esvaran fugaces. Se somos conscientes diso, razón de máis para aproveitalos; e nada de “matar o tempo”, que xa se mata só, de por si, por lei natural.

Malgastar o tempo é un suicidio consecutivo; non matamos o tempo, matámonos a nós mesmos pasando pola vida de baleiro, que é igual a dicir, estériles. ¡Boa paciencia ten Deus cos vagos, que lles deixa vexetar sine die, aínda que, por regra xeral, canto máis baleiros máis lixeiros, antes chegan ao desenlace final. ¡Encima de que non deixan obras aceptables, hai que pagarlles o enterro!

Hai dous tipos de pelexa, pero a máis importante é a ad intra, a que sostemos fronte á nosa pereza, sexa innata ou contraída. A outra, a competitiva, a dos cóbados laterais, pode gañarnos batallas, pero só batallas, pois, a propia experiencia nos di que o mal gañado acaba sendo mal gastado, se non polo interesado si polos seus inmediatos descendentes. O diñeiro falso, tarde ou cedo acaba descuberto, por moito que se abeire en paraísos fiscais!
-.-

Labor improbus omnia vincit

O traballo obstinado vence tódalas dificultades (Virxilio, nas Geórgicas, I, 144). E digo eu que, no Paraíso, sen tendas de roupa, e con froitas a escoller, moi aburrido debía ser aquilo de vivir de man branca, sen darlle ao dáctil nin ao sacho; así caeron cando aquel político da oposición, o tal Lucifer, os invitou a subir ao poder con só subirse á maceira. ¡A cabra, co vicio, dá coas cornas no cu, que daquilo debe vir este refrán!

Pero, de presente? ¡Analicemos! A incivil, non só matou persoas senón ocupacións: As materias primas utilizáranse en fabricar material de guerra; as divisas, en ídem de ídem; as mulas de Castela, despois de arrastrar canóns, pasaron aos matadoiros de Intendencia; os técnicos de certa altura escalaron grados nas fábricas de armas; etcétera, etcétera. Cando en España “empieza a amanecer” a despensa estaba baleira, e os cerebros idos, uns ao Camposanto, e a México os restantes. Por engado, os veciños non nos fiaban… ¿Qué nos quedaba? ¡Fiar, darlle ao fuso!

Naquel abismo, con un case nada de cultura ascendíase coma en globo; un pisco de calor, e, ¡ala!, para arriba. Os primeiros deixaron ocos para os segundos; os segundos para os terceiros; e así sucesivamente, de xeito tal que o arado quedou…, para os nenos e para as mulleres! Daquela, en vista do fácil que era ascender de categoría social, para qué estudar alén das catro regras? Así foi subindo a ola das incompetencias, a tal punto que, de emigrantes pasamos a inmigrantes: Encheuse o país de analfabetos; en letras, non, en artes laborais!

Con estes antecedentes, de presente que? ¡Que non hai traballo do que queremos facer, do que pensamos que sabemos facer! ¿Solución? ¡Apearnos deste cabalo do orgullo e poñernos á faena, rozar, sachar, sector primario…, previa tala dos eucaliptos, por suposto! ¡Volveremos a cabalgar cando teñamos desandado o mal andado!
-.-

Señor, ensínanos a orar (Lucas 11, 1). Pero, outra vez? ¿Xa esquecestes o Evanxeo? Señor, coido que si, moito me temo que si, pois veño de certa igrexa, que se ten de católica, pero eu saín protestante, quero dicir, protestando! ¡Un run-run, alí dentro, que nin o vento cando zoa no xardín fronteiro! A min, modestamente, non me parece que sexa rezar ese monocorde repetir das verbas, a toda velocidade, que nin tempo nos demos para entender o que estabamos dicindo, uns e outros!

¿Pedíamos, ou agradecíamos? Eu, que veño da labranza, tiven, repetín, aquela impresión de cando afalabamos ás vacas mentres o carro, de untados os eixes, cantaba por riba das nosas voces, así que, de qué servía berrarlle á Marela? Como, naquelas circunstancias, non podía oírnos, por grandes que tivese as orellas, dabámoslle á aguillada; ¡ah, pero con Deus non valen aguilladas, pois o Amo é El!

Se eu fose Deus maldita graza me ía facer iso de que falen comigo coma quen le anuncios nunha emisora de radio. ¡Amodo, fregueses, que unha Misa só dura, como moito, media hora, e tempo vos quedará para tomar o vermú; tamén para esbardallar de fútbol, ese gran antídoto da política! De postos a buscar causas, igual ten a culpa esa tele trasnoitadora, que non a damos apagado porque segue, e segue, e segue…, ata infinito! ¿Vinte e catro horas? ¡Non, pois ás vinte e catro aínda segue de programas, a cal mellor! Con este trasnoitar, é imposible ter a mente esperta, e menos un domingo, así que…, que esperte Deus, que nos entenda Deus, que para iso é Deus, a Intelixencia Suma!

Papa Francisco, estou por dicirche que deixes Roma e te metas nesas pantallas da tele, que así oirémoste ata nos Picos de Europa!
-.-

Se certo é que, por veces, as árbores non deixan ve-lo bosque, non o é menos que as anécdotas presentes, as do presente, tapan, esconden, impiden a reflexión que nos compre facer cada vez que pensamos e/ou actuamos sobre as consecuencias que traerá o noso comportamento actual, sexa para nós mesmos e/ou para terceiros, próximos ou remotos.

¿Un galimatías? ¡Que va: é unha lei física, pois tódalas cousas teñen causas, e por veces, remotas! Este é un tema, para min, apaixonante, que se me vén á cabeza con frecuencia, así que ben raro debo ser xa que disto pouco vexo na literatura actual. Desde que alguén inventou aquilo de, La imaginación al poder, todo é imaxinación, fantasmas, explosións, efectos especiais…, de tanto poder que moito me temo que sexan capaces de trastornar ás criaturas…, antes tempo!

Entre lusco e fusco (14)¿La imaginación al poder? Oubliez tout ce que vous avez appris. Commencez par rêver.
Olvídense de todo lo que han aprendido. Comiencen a soñar. Dá igual dicilo en francés que en castelán, ou en galego, pois o poder da imaxinación…, xera monstros! ¿Non si, amigo Goya? A imaxinación é boa, indispensable, pero…, se vai de brazo co razoamento, co cálculo, coa sensatez! Por moito que imaxinemos, a realidade só se cambia co autocontrol, co raciocinio.

Imaxinemos un porvir, un futuro, perfecto, ideal, incluso utópico… Pois ben, para conseguilo, para facelo posible, hai que camiñar apoiándonos no físico, na realidade do presente, e a partires diso, co compás na man, aderezar rumbos, forzar a máquina, ou poñela a ralentí, segundo o estado da mar, da mar circundante; ¡en definitiva, tomar medidas, elixir medidas, sopesar as consecuencias, non sempre previsibles, de cada fórmula! Así que, ademais de imaxinación, física!

Non é nauta calquera, pois, de primeiras, hai que baixar á auga, ao medio natural, aprender a nadar; e se aprendemos a nadar e, de paso, a garda-la roupa, mellor que mellor! ¿Qué lle pasou á Armada Invencible, vencérona os elementos? ¡En parte, si, pero tamén se debeu a certas imprevisións, entre elas a de que o seu Almirante…, non era mariño, senón de terra a dentro! Estaba previsto que a mandase un experto, Don Álvaro de Bazán, marqués de Santa Cruz, mais, por irse prematuramente de viaxe, coa súa querida, con dona Parca, foi substituído, improvisadamente, por un tal Alonso Pérez de Guzmán, á sazón VII duque de Medina-Sidonia, Grande de España, e todo iso, pero confundía a mar cos campos de trigo, así que mandou segar, ¡segar olas!, con 127 barcos, coma quen lanza 127 segadores polas searas adiante. ¡Meu pobre, tiña imaxinación, pero faltáballe sabenza, experiencia! Pois, na vida, na vida cotiá, outro tanto, que mal se pode dirixir un a si mesmo, canto máis un país, se primeiro non se aprende a nadar, a elixir tempos e lugares. ¿Verdade que si?
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES