Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A corrumpunción

lunes, 21 de mayo de 2007
Con isto da idade un non fai máis que repetirse (¡papá… xa o contaches vinte veces…!), e por iso non respondo de non ter relatado, nunha ou varias ocasións, que os mestres da miña xuventude, os de aldea, adoitabamos vivir no propio lugar, ás veces como lle cadraba, pois o alquitrán e as amotos para fuxi-los domingos tardaron en chegar, e, á maiores, como só librabamos os xoves, os fins de semana eran curtos e, ademais, o domingo, había que asistir ás funcións religiosas, non fose o demo que deras cun crego un tanto revirado e che ceibara un cero en conducta. O cal que, entre vacación e vacación, había que ficar quedo no burgo, situación que, se a tomabas con filosofía, tampouco tiña porque considerarse unha disgracia.

Xa que logo, que te atopases ben ou mal dependía de como conseguises acomodarte. Para as mulleres e os casados podía ser máis fácil, pero para os varóns solteiros, nunha sociedade tan machista que non se preocupaba de facernos cursiños de cociña ou de macramé, o problema dependía da casa que te acollera.

Eu, como en tantas cousas, tiven sorte coa familia do señor Vicente e da señora Josefa de Santa Cilla. Alí botei oito anos e fun (e son) un máis da familia.

Do señor Vicente, penso que xa teño contado que tiña aspectos un tanto pintorescos derivados da sua estadía no Seminario (un ano) e na Habana (oito meses), o que lle daba un certo verniz académico no uso da linguaxe. Deste xeito, débolle a teoría económica dos cumquibus que era como chamaba ó diñeiro contante e soante, acenando cos dedos. Cando había público na taberna, e eu expoñía as miñas teorías para arranxa-lo país, sempre me corrixía coa mesma trécola: ¿E os cumquibus, señor Maestro, onde están os cumquibus para face-lo que vostede dí …?. Era un administrador con moito siso, ou sexa, que non era político, e sabía que se non había cumquibus, non había nada que facer.

Anoxábano moito os trapalleiros, tramposos (emporiso, no tute había que vixialo de preto) e corruptos, polo que, ante certos casos e segundo a tertulia se ía sumerxendo en viño, o discurso do señor Vicente ía in crescendo, e arreaba virulentas anatemas en contra da corrumpunción.

Un día, e coa confianza que xa tiñamos, atrevinme a corrixilo apercibíndoo de que a verba correcta era a de corrupción. Miroume cun soriso de esguello, e espetoume:

- Mire, señor Maestro: sei de sobra que se dí corrupción, pero o caso que lles estou a contar, é moitísimo más grave. Elle moito máis que corrupción; elle unha verdadeira corrumpunción.

¿Qué verba tería que argallar o señor Vicente se vivise hoxe en día, e soubese de tantas cousas que están a suceder?.¿ Abondaríalle con corrumpunción, ou tería que idear outro termo de maior gravidade aínda?
Cordeiro Rodríguez, Luis
Cordeiro Rodríguez, Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES